Outubro, mes das bibliotecas

 

marsolAvanza o mes de outubro e o outono cando, un ano máis,palomas festexamos as bibliotecas. E dentro deste mes o 24 é un día moi especial no que lembramos o incendio da biblioteca de Sarajevo durante a guerra dos Balcáns no ano 1992.

O cartel para esta efeméride é obra do ilustrador Manuel Marsol e do pregón ocupouse o escritor e premio nacional de Literatura Infantil 2016 Alejandro Palomas

Mensaxe de Alejandro Palomas para o día das Bibliotecas 2017

Como Mary Poppins, pero sen voar

    Son sobriño de bibliotecaria. Desde que teño memoria, a miña tía, que acaba de cumprir oitenta anos, regaloume un libro o día dos meus aniversarios. Primeiro foi a serie de Osear, coa súa Kina e o seu láser, da gran Carmen Kurtz; chegaron despois as aventuras de Los Cinco, algúns clásicos ilustrados, a gran Nada de Carmen Laforet…  A lista é longa e o goce foi máxico, porque a miña tía entende a lectura como algo que cura, que afasta ao inocente do que agride, e eu -e ela sábeo- sempre fun demasiado vulnerable ao que dana, sexa ou non imaxinado, sexa ou non real.

 cartel   A miña tía chámase Nuria e desde nena sofre moito da vista. Aínda así, traballou durante décadas fomentando o amor pola lectura en homes e mulleres, mozos e mozas aos que non coñecía, pero cuxa mirada non tardou en aprender a ler, a identificar e a descifrar. Ela dicía -e ás veces di aínda- que  “repartía refuxio”, e emociónase ao lembralo. Oína tamén confesar nalgúns momentos da nosa historia común, que non foron fáciles e que vivimos xuntos: “Decidín ser bibliotecaria porque así asegurábame de que, por moi mal que nos fosen as cousas, aínda que faltase a auga quente ou a calefacción, sempre teriamos un libro na casa”. Agora, quince anos despois da súa xubilación, son eu quen lle recomenda lecturas. Lemos un libro á vez e xuntámonos cada quince días a xantar e a comentar o lido, no que bautizamos como “O club das 2”, porque tentamos no posible que coincida co día 2 de cada mes, ás 2, e porque somos dúas almas lectoras que non teñen freo. Durante estes anos de club, ela contoume cousas, moitas cousas da súa vida na biblioteca, e desde que a oio falar como o fai sobre o seu amor por esa vocación, que non decrece a pesar do tempo, non podo deixar de marabillarme e de preguntarme como definiría eu a unha bibliotecaria -ou a un bibliotecario- chegado o caso.

    Ata hai uns meses non dei coa resposta.

    Foi por mor da publicación de Un fillo, durante unha charla nun centro de ensino dunha capital andaluza. E foi precisamente grazas a un neno de dez anos que, xunto con outros 100, lera a novela e quería coñecer ao seu autor. Por motivos de espazo, o acto tivo lugar na biblioteca do centro, cun par de profesoras e a encargada da biblioteca. A charla foi moi intensa, moito máis do que eu esperaba, e alongouse. Cando por fin chegamos ao final da quenda de preguntas, un neno que estaba sentado na primeira fila levantou a man.

    -A min o que máis me gustou do libro é María -dixo referíndose á orientadora do centro, que é, xunto co pequeno Guille, a protagonista do libro.

    Quixen saber por que. O neno, chamado Ismael, riu un pouco e logo, mirando a unha das tres mulleres que estaban xunto á porta. dixo:

    -Porque é igual que a señora Lourdes. -Unha das tres mulleres que estaban xunto á porta encolleuse un pouco e negou coa cabeza, incapaz de reprimir un sorriso. Ismael non terminara-. Vive na biblioteca porque se non os libros se cadra vanse. Ou morren.

    Fíxose o silencio na biblioteca. Ninguén riu. Ninguén dixo nada. Foron segundos cheos de respiracións contidas, de tensión e de infancia.

    -É que é bibliotecaria -volveu falar Ismael. E ao ver que eu o miraba sen saber que dicir, debeu de entender que necesitaba explicarse mellor, e engadiu-: Ou sexa, como Mary Poppins, pero sen ás.

    Hoxe é un día especial. Celebramos o Día das Bibliotecas e celebramos tamén que centos, miles de Mary Poppins sen ás velan polos libros que as habitan para que non morran nin se vaian, e Ismael siga crendo que a vida está nos libros e o seu reflexo fóra. Hoxe é o día en que, un ano máis, a maxia  se renova e todas as bibliotecarias e bibliotecarios do mundo saúdanse cunha mirada cómplice e un longo. fermoso e tenro:

    “Supercalifragilísticoespialidoso”

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer