Skip to Content

24_outubro

Que din das bibliotecas? (Palabras de biblioteca)

Preme sobre os nomes e accede a distintos textos que falan sobre as bibliotecas:

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 15:07

"Tecendo comunidades": o lema da presente edición do Día das Bibliotecas

    O lema deste ano para o Día das Bibliotecas, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñamos as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. As bibliotecas somos centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.
    As bibliotecas non somos só lugares cheos de libros: somos corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, somos espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizamos todas as bibliotecas españolas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos nosos usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.
    Imaxinamos as bibliotecas como uns teares onde se ganduxan relacións e coñecementos, onde se anuda o sentido de pertenza. "Tecendo Comunidades" salienta esta importante función social das bibliotecas, que dan forma á nosa comprensión colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un espazo seguro para o crecemento persoal e colectivo. Cada visita, cada lectura, cada conversación, achega o seu fío único a este tecido comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas diferenzas e similitudes únense, mostrando a diversidade e riqueza das nosas comunidades.

(da presentación oficial deste Día: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2023/presentacion.html

Data: 
Sáb, 21/10/2023 - 12:44

A Biblio cóidate!: lema para esta edición do Día das Bibliotecas

BibliocoidaTE

O lema deste ano para o Día das Bibliotecas  “BibliocoidaTE”, destaca o papel das bibliotecas  como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos,  se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen.

Son moitas as vías coas que as bibliotecas atenden e coidan aos cidadáns. A promoción da lectura é a primeira delas: as bibliotecas son espazos para a lectura. Unha lectura que acompaña, que entretén e que enriquece. Unha lectura que cura: a lectura ten un impacto directo tanto no desenvolvemento e mantemento das capacidades cognitivas como no benestar e a saúde mental.

As bibliotecas son un apoio no coidado de todas as persoas, por iso fixeron súa a idea da Axenda 2030 de non deixar a ninguén atrás. Para coidar ás persoas, desde as bibliotecas prográmanse actividades especiais de apoio á comunidade, creación colectiva, acción cultural, servizos a colectivos especiais, atención á diversidade ou acollida a refuxiados, entre moitas outras.

As bibliotecas tamén ofertan coidados en espazos como hospitais ou cadeas. As actividades de biblioterapia axudan a mellorar a saúde das persoas que participan nelas.

No medio rural, os bibliobuses achegan a cultura aos seus habitantes e as bibliotecas son un núcleo a partir do que as comunidades rurais se  fortalecen e crean arraigamento, coidando por tanto esas poboacións.

Ademais, as bibliotecas coidan tanto o acceso á información como a súa veracidade, desempeñando un papel fronte aos bulos e a desinformación. Por iso son un apoio necesario para a formación, a aprendizaxe e a investigación. Tamén son unha axuda imprescindible para profesores, estudantes e investigadores, asistindo á comunidade educativa e contribuíndo ao fomento da investigación científica.

Por último, as bibliotecas coidan e protexen o noso patrimonio documental para que poidamos legalo ás xeracións futuras.

(da presentación oficial deste Día: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2022/presentacion.html)

Escribir a biblioteca

Preme nas lupas e atoparás textos sobre bibliotecas:

Citas de biblioteca

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O Equipo da BIBLIOSANPAIO quere conmemorar este Día das Bibliotecas Escolares e agradecer a toda a Comunidade Educativa polo seu apoio e participación nas nosas propostas, especialmente ao equipo de alumnado voluntario que cada día aporta o seu traballo, sorrisos e marabillosa compañía que tanta falta nos fai e ao resto dos rapaces e rapazas que conquistan este espazo tan máxico e que tanto disfrutamos xuntxs.

PARABÉNS!!!! 

Abecedario bibliotecario

Outubro, mes das bibliotecas

 

marsolAvanza o mes de outubro e o outono cando, un ano máis,palomas festexamos as bibliotecas. E dentro deste mes o 24 é un día moi especial no que lembramos o incendio da biblioteca de Sarajevo durante a guerra dos Balcáns no ano 1992.

O cartel para esta efeméride é obra do ilustrador Manuel Marsol e do pregón ocupouse o escritor e premio nacional de Literatura Infantil 2016 Alejandro Palomas

Mensaxe de Alejandro Palomas para o día das Bibliotecas 2017

Como Mary Poppins, pero sen voar

    Son sobriño de bibliotecaria. Desde que teño memoria, a miña tía, que acaba de cumprir oitenta anos, regaloume un libro o día dos meus aniversarios. Primeiro foi a serie de Osear, coa súa Kina e o seu láser, da gran Carmen Kurtz; chegaron despois as aventuras de Los Cinco, algúns clásicos ilustrados, a gran Nada de Carmen Laforet…  A lista é longa e o goce foi máxico, porque a miña tía entende a lectura como algo que cura, que afasta ao inocente do que agride, e eu -e ela sábeo- sempre fun demasiado vulnerable ao que dana, sexa ou non imaxinado, sexa ou non real.

 cartel   A miña tía chámase Nuria e desde nena sofre moito da vista. Aínda así, traballou durante décadas fomentando o amor pola lectura en homes e mulleres, mozos e mozas aos que non coñecía, pero cuxa mirada non tardou en aprender a ler, a identificar e a descifrar. Ela dicía -e ás veces di aínda- que  “repartía refuxio”, e emociónase ao lembralo. Oína tamén confesar nalgúns momentos da nosa historia común, que non foron fáciles e que vivimos xuntos: “Decidín ser bibliotecaria porque así asegurábame de que, por moi mal que nos fosen as cousas, aínda que faltase a auga quente ou a calefacción, sempre teriamos un libro na casa”. Agora, quince anos despois da súa xubilación, son eu quen lle recomenda lecturas. Lemos un libro á vez e xuntámonos cada quince días a xantar e a comentar o lido, no que bautizamos como “O club das 2”, porque tentamos no posible que coincida co día 2 de cada mes, ás 2, e porque somos dúas almas lectoras que non teñen freo. Durante estes anos de club, ela contoume cousas, moitas cousas da súa vida na biblioteca, e desde que a oio falar como o fai sobre o seu amor por esa vocación, que non decrece a pesar do tempo, non podo deixar de marabillarme e de preguntarme como definiría eu a unha bibliotecaria -ou a un bibliotecario- chegado o caso.

    Ata hai uns meses non dei coa resposta.

    Foi por mor da publicación de Un fillo, durante unha charla nun centro de ensino dunha capital andaluza. E foi precisamente grazas a un neno de dez anos que, xunto con outros 100, lera a novela e quería coñecer ao seu autor. Por motivos de espazo, o acto tivo lugar na biblioteca do centro, cun par de profesoras e a encargada da biblioteca. A charla foi moi intensa, moito máis do que eu esperaba, e alongouse. Cando por fin chegamos ao final da quenda de preguntas, un neno que estaba sentado na primeira fila levantou a man.

    -A min o que máis me gustou do libro é María -dixo referíndose á orientadora do centro, que é, xunto co pequeno Guille, a protagonista do libro.

    Quixen saber por que. O neno, chamado Ismael, riu un pouco e logo, mirando a unha das tres mulleres que estaban xunto á porta. dixo:

    -Porque é igual que a señora Lourdes. -Unha das tres mulleres que estaban xunto á porta encolleuse un pouco e negou coa cabeza, incapaz de reprimir un sorriso. Ismael non terminara-. Vive na biblioteca porque se non os libros se cadra vanse. Ou morren.

    Fíxose o silencio na biblioteca. Ninguén riu. Ninguén dixo nada. Foron segundos cheos de respiracións contidas, de tensión e de infancia.

    -É que é bibliotecaria -volveu falar Ismael. E ao ver que eu o miraba sen saber que dicir, debeu de entender que necesitaba explicarse mellor, e engadiu-: Ou sexa, como Mary Poppins, pero sen ás.

    Hoxe é un día especial. Celebramos o Día das Bibliotecas e celebramos tamén que centos, miles de Mary Poppins sen ás velan polos libros que as habitan para que non morran nin se vaian, e Ismael siga crendo que a vida está nos libros e o seu reflexo fóra. Hoxe é o día en que, un ano máis, a maxia  se renova e todas as bibliotecarias e bibliotecarios do mundo saúdanse cunha mirada cómplice e un longo. fermoso e tenro:

    “Supercalifragilísticoespialidoso”

 

Distribuir contido


by Dr. Radut