Skip to Content

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Os libros fannos acougar

     Vou con présa!, Non teño tempo ningún!, Aburiño!... Expresións coma estas poden escoitarse quizais acotío, non só en Lituania -no centro mesmo de Europa-, senón en moitas partes do mundo. E a miúdo escóitase dicir tamén que vivimos na idade da abundancia da información, da présa e da precipitación.

 Kestutis Kasparavicius    Non obstante, colles un libro entre as mans e, inmediatamente sentes que algo muda. Parece que os libros teñen unha cualidade marabillosa: axúdannos a acougar. Tan pronto como abres un libro, mergúllaste nas súas tranquilas profundidades e sabes que nel as cousas non pasarán a tanta velocidade que non che permita apreciar nada. Comezas a entender que non paga a pena lanzarse a facer tarefas de dubidosa urxencia. Nun libro todo acontece paseniñamente, en orde e segundo unha secuencia. Quizais porque as súas páxinas están numeradas, quizais porque as súas follas roxen amodo a medida que as vas pasando. Nos libros, os acontecementos do pasado atópanse cos que aínda están por chegar.cartel 19

     O universo dos libros é moi extenso; e nel poden mesturarse a realidade coa imaxinación e a fantasía. Ás veces non sabes moi ben onde -se nun libro ou na vida- percibiches de que xeito tan fermoso caen as pingas do tellado nevado cando se derreten, ou de que forma tan bonita cobre a carriza o valado da veciña. Foi nun libro ou na realidade onde comprobaches que as amoras non só son bonitas senón tamén amargas? Aconteceu nun libro ou na realidade cando estabas estomballado sobre a herba seca no verán, e despois sentado coas pernas cruzadas, vendo como as nubes avanzan polo ceo adiante?

     Os libros axúdannos a vivir amodo, apréndennos a observar e convídannos a buscar acomodo e sentar durante un longo anaco. A miúdo lemos sentados, co libro sobre a mesa ou entre as mans, non si?

     E non comprobastes o milagre de que cando estás a ler un libro, o libro tamén te le?  Si, si, os libros tamén saben ler. Lenvos a fronte, as cellas, as comisuras da boca que soben e baixan, pero primeiro e por riba de todo, os libros len os ollos. E mirándote aos ollos, eles ven... vaites, xa sabedes o que ven!

     Estou seguro de que os libros nunca están aburridos se están entre as túas mans. Unha persoa que goce lendo -sexa pequena ou adulta- é moito máis interesante que unha persoa á que non lle preocupen os libros, que sempre estea bulindo a contrarreloxo, que non teña tempo para sentar, que non teña tempo para fixarse en nada do seu arredor.

     No Día Internacional do Libro Infantil, este é o meu desexo para todas nós: Que non falten libros interesantes para os lectores e lectores interesantes para os libros!

Mensaxe e ilustración do lituano Kęstutis Kasparavičius

Día Mundial do Teatro 2019

O director cubano Carlos Celdrán é o autor da mensaxe deste Día Internacional do Teatro:

    Antes do meu espertar no teatro, os meus mestres xa estaban alí. Construíran as súas casas e as súas poéticas sobre os restos das súas propias vidas. Moitos deles non son coñecidos ou apenas se lles lembra: traballaron desde o silencio, desde a humildade dos seus salóns de ensaio e das súas salas cheas de espectadores e, lentamente, tras anos deceldran traballo e logros extraordinarios, foron deixando o seu sitio e  desapareceron. Cando entendín que o meu oficio e o meu destino persoal sería seguir os seus pasos, entendín tamén que herdaba deles esa tradición  esgazadora e única de vivir o presente sen outra expectativa que alcanzar a transparencia dun momento irrepetíbel. Un momento de encontro co outro na escuridade dun teatro, sen máis protección que a verdade dun xesto, dunha palabra reveladora.

    O meu país teatral son eses momentos de encontro cos espectadores que chegan noite a noite á nosa sala, desde os recunchos máis  disímiles da miña cidade, para acompañarnos e compartir unhas horas, uns minutos. Con eses momentos únicos constrúo a miña vida, deixo de ser eu, de sufrir por min mesmo e renazo e entendo o significado do oficio de facer teatro: vivir instantes de pura verdade efémera, onde sabemos que o que dicimos e facemos, alí, baixo a luz da escena, é certo e reflicte o máis profundo e o máis persoal de nós. O meu país teatral, o meu e o dos meus actores, é un país tecido por eses momentos onde deixamos atrás as máscaras, a retórica, o medo para ser quen son, e dámonos as mans na escuridade.

    A tradición do teatro é horizontal. Non hai quen poida afirmar que o teatro está nalgún centro do mundo, nalgunha cidade ou edificio privilexiado. O teatro, como eu o recibín, cartelesténdese por unha xeografía invisible que mestura as vidas de quen o fai e a artesanía teatral nun mesmo xesto  unificador. Todos os mestres de teatro morren cos seus momentos de lucidez e de beleza irrepetíbeis, todos desaparecen do mesmo xeito sen deixar outra transcendencia que os ampare e faga ilustres. Os mestres de teatro sábeno, non vale ningún recoñecemento ante esta certeza que é a raíz do noso traballo: crear momentos de verdade, de ambigüidade, de forza, de liberdade na maior das precariedades. Non sobrevivirán deles senón datos ou rexistros dos seus traballos en vídeos e fotos que recollerán só unha pálida idea do que fixeron. Pero sempre faltará neses rexistros a resposta silenciosa do público que entende nun instante que o que alí pasa non pode ser traducido nin atopado fóra, que a verdade que alí comparte é unha experiencia de vida, por segundos máis  diáfana que a vida mesma.

    Cando entendín que o teatro era un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro, naceu en min unha decisión que tamén é unha liberdade: non tes que afastarte nin moverte de onde te atopas, non tes que correr nin desprazarte. Alí onde existes está o público. Alí están os compañeiros que necesitas ao teu lado. Alá, fóra da túa casa, tes toda a realidade diaria, opaca e impenetrable. Traballas entón desde esa inmobilidade aparente para construír a maior das viaxes, para repetir a Odisea, a viaxe dos  argonautas: es un viaxeiro inmóbil que non para de acelerar a densidade e a rixidez do teu mundo real. A túa viaxe é cara ao instante, cara ao momento, cara ao encontro irrepetíbel fronte aos teus semellantes. A túa viaxe é cara a eles, cara ao seu corazón, cara á súa subxectividade. Viaxas por dentro deles, das súas emocións, dos seus recordos que espertas e mobilizas. A túa viaxe é vertixinosa e ninguén pode medila nin calala. Tampouco ninguén a poderá recoñecer na súa xusta medida, é unha viaxe a través do imaxinario da túa xente, unha semente que se sementa na máis remota das terras: a conciencia cívica, ética e humana dos teus espectadores. Por iso, non me movo, continúo na miña casa, entre os meus achegados, en aparente quietude, traballando día e noite, porque teño o segredo da velocidade.

A poesía da música ou a música da poesía (tanto monta)

Pingas de Poesía

SEMANA DA POESÍA NO IES (II)

SEMANA DA POESÍA NO IES.

30 portadas para o 8 de marzo

Mulleres de Cine -2019

Biblioxornal 56

Marzo 2019

Galicia é unha muller

(...)
Galicia é unha muller.
Galicia, néboa imprecisa,
río ao que nunca se lle ve o fondo,
dor que nos manca,
casa de cantería tan velliña,
ten nome feminino,
un nome moi fermoso de muller.
Galicia, nosa nai,
nosa dona,
nosa irmá,
nosa amiga.
Galicia noso desacougo
e nosa vida.
Tódalas nosa mulleres son Galicia:
voz que nos chama e nos arrola,
luz que nos aluma,
amor que nos alcende;
tenrura que aceiamos
e nos cómpre.
¡Esperanza ergueita
cara un futuro limpo,
noso,
que agardamos!

Manuel María (1929-2004), in Remol
https://poemasdemanuelmaria.wordpress.com/2016/05/06/poema-a-muller-galega/



by Dr. Radut