Skip to Content

Concurso Taboleiros de Nadal 23-24

Convócase unha nova edición do concurso Taboleiros de Nadal. Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor. 

Poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. 

A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que se enviou ao correo en Vicedirección ou Secretaría. 

As normas son as seguintes: 

1. Decorade o taboleiro da aula tendo en conta a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade, facendo uso de materiais reciclados. 

2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 

3. En canto a materiais, PROHÍBESE a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 

4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. 

5. O luns 15 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Estaremos na Xornada de Bibliotecas escolares de Galicia 2023

Estamos convidadas a expoñer a nosa experiencia en canto a Traballos por proxecto na Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia (Sábado 18 de novembro)..

O noso proxecto Construbot, Comeza a partida! foi merecedor do premio ao mellor proxecto realizado con metodoloxía científica no VIII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS convocado por Bibliotecas Escolares de Galicia. 

O noso proxecto desenvolveuse no curso 21/22 co alumnado de 4º ESO. Aquí deixamos unha pequena presentación.

 

 

Novembro: mes da ciencia en galego

Ruta científica, artística e literaria por Castela-A Mancha sur e Andalucía centro e sur

Este curso participamos no programa "Rutas científicas, artísticas e literarias". A ruta que lle foi asignada ao IES Perdouro foi a que percorre Castela-A Mancha sur e Andalucía centro e sur e que leva por nome "Ruta dos camiños e o mar romano". 

Este programa educativo pretende, ademais de dar continuación aos coñecementos recibidos polo alumnado na aula, mellorar e presentar de forma máis atractiva a formación recibida nos seus respectivos centros, a través dunha contorna máis experimental e visual. Isto favorecerá non só a formación artística, literaria, científica, cultural, histórica, medioambiental e social, senón tamén o seu desenvolvemento integral. 

O IES Perdouro comparte experiencia co IES Clara Campoamor de Valencia e o alumnado participante dos dous centros realizarán a ruta en común. 
 
Na primeira xornada, a do luns, visitaron os muíños de Consuegra, o castelo de La Muela, as lagoas de Ruidera e a cova de Montesinos. O aloxamento tivérono en Manzanares e alí desfrutaron dunha divertida velada. 

 Na segunda xornada, visitaron as Tablas de Daimiel, un corral de comedias en Almagro, onde asistiron a unha representación teatral, e logo dirixíronse a Bailén, localidade onde se aloxaron. 

 
 
Na terceira xornada, o grupo visitou unha almazara en Bailén, na que desfrutaron dunha cata de aceite. Logo, dirixíronse a Córdoba, recibiron unha charla no departamento de Electrónica da Escola Politécnica da Universidade de Córdoba e pasearon por lugares emblemáticos da cidade, entre eles o Zoco. 
 

 Podedes ver máis imaxes AQUÍ

Lectura e familias: Ana Ojea achegounos á diversidade afectivo-sexual e de xénero

Ana Ojea Alonso é profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes e responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo. Tamén é cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. Ademais traballa como formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

O martes 31 de outubro acompañounos no IES Perdouro dentro do programa Lectura e familias e informou sobre a lexislación que ampara ao colectivo LGBTQIA+, sobre a diversidade que engloba o colectivo, sobre os prexuízos que teñen que sufrir e sobre o acompañamento do que debería gozar desde a nenez e a adolescencia calquera que se inclúa entre as persoas non heterosexuais ou non cisxénero. 

Recomendou ademais algunhas lecturas como os libros de Lucas Platero, Noemi Parra, Camino Baró etc. En BiblioPerdouro podedes atopar moitas obras interesantes sobre esta temática. Botade un vistazo aquí ou buscade a pegatina do arco da vella. 

Podedes acceder a máis imaxes do encontro con Ana Ojea AQUÍ

Encontro con Lucía Ferro, autora de "En Brandán"

Lucía Ferro estará na biblioteca do IES Perdouro, mañá venres, día 3 de novembro para falar de "En Brandán", a súa segunda novela.
O alumnado do club de lectura terá a oportunidade de intercambiar coa escritora palabras sobre o proceso de creación literaria así como aspectos desta novela policiaca.
 
Lucía Fernández Rodríguez, veciña de Barreiros, tamén escribe en galego e en inglés intervencións curtas publicadas na rede.  
 

Concurso de catrinas de 1º ESO

Nesta época de Samaín, coñecemos tamén tradicións doutras culturas. En México celébrase o Día de Mortos e, para iso, o alumnado de 1º ESO elaborou catrinas, caveiras decoradas, que expuxeron no 1º andar do edificio 1. O profesorado e o persoal non docente escollerá as tres mellores, que recibirán un premio. Moita sorte e parabéns polos vosos traballos!

Coñece a túa vila: ruta por Burela

Tal e como fixeron as promocións anteriores, no inicio do novo curso o alumnado de 1º ESO do IES Perdouro saímos a coñecer a nosa vila: Burela. 

A organización do centro decidiu que fósemos andando con seis profesores e profesoras: Fernando Losada, Sol Galdo, Fernando Lago, Miguel Rodríguez, Begoña Abad e Carmen Sampedro. 

Ás 8:30 reunímonos, dividíronnos en 2 grupos e saímos do recinto escolar ás 8:45. Nada máis baixar pasamos moi preto do Hospital da Mariña, moi importante para os cidadáns desta comarca. Seguimos a ruta e atopamos outro edificio importante: o Cuartel da Garda Civil. Aproveitando as vistas do alto de Burela, explicáronnos que "o faro non é faro" senón que é unha baliza. Tamén puidemos ver unhas plantas de menta, medicinais, que axudan a calmar a dor das ortigas. 

Dirixímonos á parte vella de Burela: a Vila do Medio. Alí vimos un cruceiro, unha cruz que axuda á orientación, unha casa tradicional galega e un hórreo, sobre o que nos deron información. Aprendemos que son estruturas típicas galegas fundamentais para gardar o millo e outros cereais. 

Entre o máis antigo que ten a nosa vila está a igrexa da Vila do Medio, unha impresionante construción do século X. Os nosos guías mostráronnos as famosas pinturas que contén o seu interior, as 3 campás e ofrecéronnos moitos máis datos que nos deixaron abraiados. Aproveitamos para facer unha foto de grupo nese fermoso monumento. 

Moi preto desa zona atópase un lugar idóneo para ver diferentes tipos de plantas típicas da vila tanto autóctonas como invasoras: alí puidemos ollar un groso castiñeiro centenario, xigantes eucaliptos, un muíño de auga e un río que fai que haxa musgo, fentos e acacias. Os salgueiros, toxos e a herba da pampa (planta invasora) encontrámolos aos poucos metros. 

Deixamos a zona vella de Burela e camiñamos en dirección á Marosa. Alí puidemos escoitar unha curiosa explicación da erosión da auga, que fai que as rochas polo impacto do mar se vaian convertendo nunha peculiar “tableta de chocolate”. 

De regreso vimos a "uña-de-gato" (outra planta invasora) e as Tetas da Vinculeira, emblema da riqueza arqueolóxica da Mariña. Para rematar a nosa andaina, vimos o antigo castro habitado polos galaicos onde se atopou o Torques de Burela tan famoso da nosa vila. Obviamente, non puidemos evitar estar uns intres parados desfrutando das vistas que nos ofrece Cabo Burela. 

Case sen darnos conta, xa era hora de voltar para o instituto e dar por terminada a xornada educativa.

Pódese acceder ás imaxes AQUÍ.

Gabriel Marrube Mendaña - 1º ESO A

Charlas formativas abertas para as familias: Atención á Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero

Retomamos as conferencias de Escola de familia. A primeira das charlas programadas para este curso no marco do Programa Lectura e Familias será impartida pola profesora Ana Ojea Alonso. Falarase de educar en igualdade, da identidade de xénero, de educación afectivo-sexual e educación emocional na atención á diversidade.

Curriculum de Ana Ojea: Profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes. Responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo.

Cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.
Formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

Non faltedes á cita, previa confirmación de asistencia chamando ao 982 87 01 02.

Vémonos na biblioteca.

Martes 31/10/2023 ás 18h30.

Conferencia do neurobiólogo Carlos Spuch sobre o Alzheimer e outras demencias

Na xornada do martes 17 de outubro o alumnado de 1º de Bacharelato e de CM de Peiteado e Cosmética Capilar acudimos a unha charla sobre o alzhéimer, unha enfermidade que afecta actualmente en España ao redor de 70.000 persoas. Esta actividade foi organizada pola Fundación Barrié e por AFAN Burela.  

O neurobiólogo Carlos Spuch explicounos cales son as causas da enfermidade, os datos máis relevantes sobre ela e como podemos axudar ás persoas que a sofren. 

O alzhéimer non afecta a todo o cerebro, senón só a unha pequena parte, a correspondente á fala, toma de decisións, comportamento e pensamento, entre outras. Pola contra, non afecta nin á memoria musical nin ás emocións, polo que a musicoterapia é unha das formas de atrasar a aparición desta enfermidade; tamén axuda a isto algunha das medicinas descubertas e o adestramento do cerebro. Sabemos tamén que a memoria non se perde, senón que fallan os lóbulos sinápticos, é dicir, as redes que conectan as neuronas entre si. 

Unha das preguntas máis frecuentes sobre este mal é: o alzhéimer é xenético? A resposta é non: é unha enfermidade que se dá a causa do noso ambiente aínda que, raramente, tamén pode ser xenética. 

En conclusión, para axudar ás persoas afectadas, deberiamos escoitar e interpretar o que nos queren dicir. Outra opción sería falarlles e poñelas en contexto da situación na que se atopan, para que poidan así expresar as súas emocións. 

Para rematar a charla, Carlos Spuch nomeou tamén diferentes persoas que padecían esta enfermidade ou algún outro tipo de demencia, como Carmen Sevilla, unha actriz española, e unha veciña da localidade de Burela, a cal estivo presente no acto. 

Pódese acceder a máis imaxes da actividade AQUÍ.

 Laura Alonso Fernández - 1º BACB



by Dr. Radut