Skip to Content

Baile pola igualdade

Tiñamos unha cita esta mañá no patio do instituto, profesores e alumnos. 
Era o baile definitivo sobre a canción E ti, só ti, versión de Sé,  co propósito de visibilizar a igualdade.
Logo de ensaiar nos recreos desta semana a coreografía do baile que as alumnas de xinmasia rítmica nos ensinaron, chegou o día da gravación. 
Celia Leivas, alumna de 3º ESO, conduciu o acto abríndoo coa lectura dun pequeno manifesto feito por ela.
Cristian fixo de técnico de cámara e contamos con José Luis do departmento de Electrónica na megafonía. Todo saíu ben, mais houbo que facer tres tomas. Agora toca esperar pola montaxe do vídeo. Mentres tanto aquí algunhas fotografía do acto 8M.

Mulleres destacadas

Co gallo do Día da muller, na aula PT, o alumnado de Rosa traballou sobre estas mulleres que vemos neste  humilde mural.

 

 

 

As paisaxes xeolóxicas da Mariña lucense

As alumnas e os alumnos de Xeoloxía de 2 de Bacharelato realizaron un traballo titulado "As paisaxes xeolóxicas da Mariña lucense", co obxectivo de coñecer e divulgar as paisaxes naturais xeolóxicas tan valiosas que existen neste lugar da xeografía galega. Para iso, dividimos o proxecto en tres grupos, de firma que un deles ocupouse da Mariña occidental, outro da Mariña central e, o restante, da Mariña oriental. Cada alumno/a escolleu dúas paisaxes da zona obxecto de estudo e estes son os paneis informativos que fixeron. Esperamos que vos gusten!
 
Accede por aquí ás fotografía do mural.

Viaxar polo mundo

Benxa Soto, profesor de Educación física, fala da súa motivación e experiencia coa adquisión do inglés nas súas viaxes e inmersións lingüísticas en Canadá e Australia.

Prácticas de laboratorio: disección de corazón

A mellor forma de asentar os contidos da clase de anatomía son as prácticas de laboratorio. O alumnado de 1º de Bach diseccionou un corazón de porco e observou ás súas principais partes. 
 
O alumnado viu a anatomía exterior e interior do corazón e aprendeu a localizar venas, arterias, válvulas e a distinguir as distintas partes que o compoñen. Ademais aprenderon a utilizar adecuadamente os instrumentos de laboratorio como o bisturí con moita precaución de non cortarse. Ao ter realizado a práctica de disección, o alumnado localizou as 2 caras do corazón, a entrada e saída de venas e arterias e o tamaño e a función de aurículas e ventrículos. Grazas a esta práctica, a alumnado entenderá moito mellor o funcionamento do corazón e a súa importancia para a vida.
Accede á reportaxe fotográfica aquí.
 
Aquí un exemplo de protocolo.

II Certame de Regueifas do IES Perdouro

Xa temos convocado o II certame de regueifa do IES Perdouro. No hall de entrada está colocado un buzón onde podes deixar o formulario de inscrición. Tes ata o 18 de marzo para prepararte e ceibar a lingua!!!
 
Achegamos as bases:

 

Concurso de carteis 8M

O EDLG e a biblioteca convoca un concurso de carteis aberto a toda a comunidade educativa para conmemorar o mes da Muller. Prazo de entrega o 16/03/2020.

Bases 
- Escribe unha frase reivindicativa en galego.
- Escolle unha imaxe/debuxo ou un deseño do teu agrado.
- Os traballos poden ser presentados en formato papel A4 ou dixital JPG.
- Todo traballo debe incluír un lema e unha imaxe ou debuxo.
- Os traballos deben ser individuais.
- Valorarase a orixinalide e creatividade dos traballos presentados .
- No dorso de cada traballo debe indicar o nome e curso do alumnado.
- Os participantes poden presentar ata un máximo de 3 traballos.

 

Visita ao aeródromo de Rozas

O venres 14 de febreiro saímos de Burela con destino a Rozas. Cando chegamos ao CIAR (Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas), varios economistas e enxeñeiros explicáronnos como era o proceso que seguían á hora de investigar, inventar, producir e poñer en práctica un prototipo de aeronave non pilotada. Ensináronnos varios programas que deseñaron para a localización de incendios e para saber onde caeron as cargas de auga dos hidroavións.

Neste aeródromo traballa a multinacional Babcock, que colabora nunha iniciativa chamada Fly the Future. Esta empresa creou o “LUA”, un prototipo deseñado para o control e extinción de incendios. Esta aeronave .... seguir lendo a crónica de Uxía López Casas - 4ºESO B no blogue de Perdourando.

Prevención na violencia de xénero

O pasado martes 11 de febreiro, o alumnado de 4º da ESO e 1º de FP Básica asistiu á charla impartida por Ana Caleya e Héctor Méndez, especialistas en violencia de xénero da Garda Civil, sobre a importancia de detectar e previr a violencia de xénero dentro das actividdes de sensibilización do Plan Director.
Nela explicáronnos os tipos de violencia que había, tanto a que era visible nos telexornais, que ..... seguir lendo a crónica de Kai Quelle Lombardía - 4º B no blogue de Perdourando

Viaxe á Ópera e ao Arquivo Histórico da Coruña (23/01/2020)

Nesta ocasión o alumnado de 4º de música fomos á Coruña para poder acudir ao concerto didáctico “A Batalla”, da man de Lidia Botana (máis coñecida nas redes como “Bolboreta”), e os rapeiros canarios chamados Tazz Yeah e Zerpa; ambos coincidiron nas batallas dos MCs de Red Bull.

Chegamos con máis dunha hora de antelación e deixáronnos algún tempo libre. 

O concerto comezou ás 12:00h e iniciouse cos rapeiros entrando na sala vestidos cun hábito negro a ritmo de música de terror. Ningún deles pisara Galicia antes. O público fomos o xurado; había centros de sitios tales como Fisterra, A Pastoriza, Arteixo e A Coruña entre outros. 

O concerto dividiuse en cinco roldas:

Na primeira rolda, alguén do público, de maneira voluntaria, dicía unha palabra, que era apuntada nun encerado branco e tiñan que improvisar con ellas. As palabras que saíron foron: esperanza, esternocleidomastoideo, foca, pan e dominó. Esta rolda e todas as seguintes duraron dous minutos. Nesta ronda empataron.

Na segunda rolda, foron dous alumnos de centros diferentes sacar obxectos dunha caixa e con eles facían as súas rimas. O gañador foi Tazz Yeah.

Na terceira rolda, cambiouse o ritmo da música e improvisaban con temas como a amizade ou o valor da palabra. Nesta ronda houbo segunda parte. Empataron de novo.

Na cuarta rolda, o público ensinaba cousas que tiñan nas mans e improvisaban falando deses obxectos. Exemplos serían móbiles, zapatos, fundas de móviles, botellas de auga, entre outros. Empataron tamén nesta ocasión. Antes da quinta e última ronda, Zerpa explicou o que era o BeatBox (un xeito de facer música no que só se pode utilizar a boca). Mostrounos exemplos de temas moi coñecidos. Logo disto, apareceu Lidia Botana e púxose a tocar no piano a coñecida canción de “Still D.R.E” de Snoop Dog acompañada de Zerpa facendo BeatBox.

Na quinta rolda, saíron dúas rapazas e os rapeiros tiñan que defender a unha rapaza ante a outra. O que lles fixeron foi preguntas sobre o seu lugar de procedencia, a súa comida favorita,… e con iso facían as rimas. Na segunda parte desta rolda subiron dous profesores e fixeron o mesmo. 
Nesta rolda gañou Zerpa pero a batalla finalmente gañouna Tazz Yeah.

Para despedirse de nós, fixeron unhas rimas baseadas nos institutos e ao final deixáronnos sacar fotos con eles. 

O concerto rematou unha hora despois de que entráramos e saímos á 13.00h en dirección ao Arquivo do Reino de Galicia. 

Nada máis chegamos ao arquivo, puxéronnos unha presentación de diapostivas onde nos explicaron os contidos que podiamos atopar alí e para que servía ese arquivo. E servía para gardar documentos históricos ou relativamente recentes que son soporte de dereitos. 

Tiñan certos documentos antigos, coma un pergamiño medieval dun rei de Castela, un documento xudicial da Real Audiencia de Galicia (creada polos reis católicos), que era un tribunal moi importante da Galicia medieval e estivo asentada na Coruña e un documento máis recente que fala da rede de tranvías desa cidade. 

Podíanse atopar documentos gráficos (como debuxos, gravados, leiras, mapas) e fotográficos, que deben estar nunha cámara frigorífrica e están en papel, en negativo ou entre láminas de plástico orgánico. 

Antes de estar onde están agora, estaban moi mal tratados e desordenados, nunhas condicións pésimas. 

Despois desta presentación, subimos dous pisos para ver a sala Bernardo Hervella de Puga, onde nos atopamos cunha gran mesa con documentación en exposición.

Exemplos desta documentación poden ser os antigos mapas de Galicia, a Constitución de 1812, poemas manuscritos de Rosalía ou Curros, entre outros. 

Logo disto, ensináronos uns dos depósitos onde se gardan en carpetas, tubos e caixóns documentacións.
Estas salas están feitas con estanterías de metal e mecanísmos por se houbera unha inundación ou un incendio.

Estes documentos son extremadamente delicados, xa que son sensibles á tinta, ao medio, ao tempo, á temperatura, etc.

Un problema tamén poden ser as pragas, por iso cada pouco tempo chaman aos fumigadores para facer que non haxa insectos que coman o papel.

Logo, fomos ao laboratorio onde se restauran as obras e a restauradora, Águeda, ensinounos o seu traballo, o proceso do mesmo e os métodos de facer papel que tiñan antes.

O proceso para restaurar consiste no seguinte: 
- Métese o papel que hai que restaurar nunha tina onde se lava dúas veces durante 20 minutos para quitarlle o amarelo. A tinta ferrogálica non se borra coa auga, polo que non se dana.
- Utilízanse anacos de algodón, liño ou algodón tinguido para cubrir os buratos da folla.
- Métese nunha especie de fregadeiro onde se fai a mestura dos anteriores compoñenetes con auga. Esta mestura tapa os buratos.
- Métese nunha prensa con papel secante e esto fai que quede compacto e flexible.
Ao acabar a visita, déronnos unha postal dunha fotografía antiga.
Logo fomos xantar e despois dun pouco de tempo libre, marchamos para Burela.
Na miña opinión persoal, foi unha gran experiencia e, aínda que a batalla tivera a súa arte e o seu encanto, gustoume moito máis o Arquivo, xa que aprendín moitísimo máis e parÉceme un gran traballo o de poder ver tan de cerca mostras de algo tan antigo e con tanta información e historia.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.
 
Eva Fernández Riveira – 4º ESO B


by Dr. Radut