Skip to Content

Día do Libro: Don Quixote da Lúa

Imos rematar o Día do Libro facendo unha humilde homenaxe ao noso cabaleiro andante máis universal e ao seu autor, a don Quixote da Mancha e a Cervantes. O alumnado de 1º de bacharelato leu os capítulos máis recoñecidos desta obra cume da literatura española e fixeron unha breve representación dos feitos que don Quixote e Sancho Panza viviron por todos aqueles lugares polos que pasaron.
 
En 3º de ESO, este mesmo alumnado imaxinara e creara uns Quixotes do s. XXI. Eses traballos gardáronse e, neste curso, no que ese alumnado está cursando 1º de bacharelato, recuperamos os Quixotes modernos, do noso século, e fixémoslles vivir as andanzas do Quixote de Cervantes. Eiquí vos amosamos o primeiro traballo presentado. 
 
Noelia Paz Blanco e Elena Pumares Dorado, alumnas de 1º BAC A, recrearon o capítulo do Quixote de Cervantes no que o escudeiro de don Quixote, Sancho Panza, envía unha carta e uns agasallos á súa dona, Teresa Panza, que quedara na aldea coa súa filla. Nesa carta, Sancho cóntalle á súa familia que xa é governador da súa tan ansiada ínsula, feito que non é máis ca unha argallada máis que lle fan os duques que os acolleron. 
 
Pero, Noelia e Elena foron máis aló do capítulo de Cervantes. O seu don Quixote, o seu Sancho Panza e a súa Teresa Panza viven no s. XXI. Trátase de don Quixote da Lúa, un Quixote creado e ilustrado por unha exalumna do centro, Shiva, ao que lle demos á palabra neste fermoso traballo. O vídeo é caseiro, pero o contido é marabilloso. A interpretación e a recreación de Noelia e Elena son magníficas. Non perdades detalle destas personaxes quixotescas adaptadas ao noso tempo, sen perder, en ningún momento, a esencia cervantina.
 
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá
 
 

Día do Libro 2024: A nosa vida en libros

O alumnado de 2º ESO preséntanos a súa vida en libros. Coa axuda da súa profesora de Lingua Castelá, Mª José Andión, elaboraron maquetas ou murais nos que colocaron nunha árbore os libros que influíron neles desde a súa máis tenra infancia ata a actualidade. Logo teñen que expoñer esas lecturas emocionantes aos seus compañeiros de clase. 

As árbores están expostas por distintos lugares do centro. Son unha preciosidade!

 

Convocatoria aberta! Certames literario e imaxe A.C. Os Matos

 Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.

Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo que exploren a temática das viaxes, das travesías tanto emocionais como físicas. Compartide a vosas experiencia ou botade a voar a vosa imaxinación.

Tedes ata o 20 de maio para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVII Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XVI Concurso de Imaxe

Ver bases aquí.

 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°30.

Tedes ata o 20 de maio para participar. Lembra: en lingua galega.


 

 

 

Gañamos a Olimpíada Robótica da Politécnica de Ferrol

O noso equipo Bonito-Bot gañou a III Olimpíada Robótica da UDC, que se celebrou o 14 de abril no CEIP Esteiro baixo a organización da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial. Participaron 26 equipos das provincias da Coruña e Lugo, máis de cen alumnos de Bacharelato e ESO.

Os retos consistían nun sigue liñas con obstáculos, na proba do barrendeiro e nunha competición de Sumo.

Moitos parabéns a Hugo Gorgojo, Gabriela Chumacero, Iago Ramos, Lucas Casal, Candela Fernández e Cayetana Trelles, estudantes de primeiro de Bachillerato e ao seu profesor de Tecnoloxía, Santiago Pérez.

Falan da Semana do Benestar e a Convivencia en Radio Cope

A raíz da primeira actividade da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, Ana Lestao (alumna de 4º ESO) e Yolanda Fernández (coordinadora de benestar e convivencia do IES Perdouro) foron entrevistadas en Radio Cope. 

 
AQUÍ tedes o enlace no que podedes escoitar a entrevista. Nela resumen a temática da charla de resiliencia da fisioterapeuta Raquel Marqués e informan sobre o resto de actividades preparadas para esta semana. 
 
Ben falado!

Charla formativa aberta para familias: "A comunicación cos adolescentes"

Contaremos coa psicóloga Nuria Revuelto Crespo para abordar a comunicación cos adolescentes. Esta actividade insírese no programa Lectura e Familias e tamén dentro da celebración da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia do IES Perdouro. 
 
A especialista en Educación Emocional impartirá un obradoiro destinado a nais e pais para a adquisición de habilidades e competencias persoais e emocionais no ámbito familiar dos adolescentes co obxectivo de reducir os conflitos e mellorar a convivencia xestionando de forma apropiada as emocións negativas e aprendendo a xerar emocións positivas.

Aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.

Mércores 10/04/2024 ás 18h30

 

I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia no IES Perdouro

Despois dunha traxectoria de varios cursos atendendo á Educación Emocional do alumnado, organízase a Iª Semana do Benestar Emocional e da Convivencia.

O IES Perdouro participa ademais no programa Educación Responsable e esta semana de actividades comparte obxectivos co programa anterior: 

1. Promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

2. Coñecer e comprender o que é a educación emocional, social e creativa. 

3. Utilizar a propia competencia emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral. 

4. Incorporar na práctica educativa o desenvolvemento das competencias emocionais, sociais e creativas no alumnado. 

5. Contribuír á mellora do clima de convivencia no centro educativo e ao éxito escolar do seu alumnado.

 

Elaboración do mural 8M

Desde o Equipo de Biblioteca, propúxese que cada clase elaborara un mural en tamaño cartolina con imaxes de mulleres relevantes para elas e eles. Hai mulleres que foron ou son importantes a nivel histórico, cultural, deportivo... pero tamén moitas mamás. 

Nun día no que se reivindica o papel da muller e os seus dereitos, esta é a nosa contribución. 

 

Manifesto 8M 2024

Este é o noso manifesto para conmemorar o Día Internacional da Muller, lido polas compañeiras Nati Pedreira e Laura Alonso, de 1º de Bacharelato. 

O futuro será feminino ou non será!

 

Semana da muller: encontros literarios con Andrea Maceiras

O mércores 6 de marzo Andrea Maceiras conversará co alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato sobre o proceso de creación das súas novelas e sobre a súa vocación como escritora. 

Profundará, concretamente, sobre Que me pare o corazón se te esquezo. Hai moitas razóns polas que o corazón está no título desta novela que trata temas como os retos nas redes sociais, a saúde mental, a amizade e o amor na adolescencia. Agardamos que nos vaia debullando os motivos que a levaron a tratar estas cuestións para así coñecer mellor o corazón da súa novela. 



by Dr. Radut