O día 15 de marzo, o alumnado de 3º ESO da materia de proxecto competencial, o alumnado de 4º de ESO de Bioloxía e Xeoloxía e o alumnado de 1º de bacharelato de ciencias, asistiu no salón de actos do IES A Guía a unha conferencia sobre especies invasoras, englobada dentro do Plan Proxecta "Proxecto Ríos". Dende o IES A Guía queremos agradecer a colaboración de Luis González Rodríguez, do departamento de Fisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo a súa colaboración na formación do noso alumnado. Grazas!
O pasado día 10 de marzo, visitou o IES A Guía Juan Pedro Ortiz Sanz, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, pertencente ao grupo de investigación de Enxeñería Civil e Xeomática. Durante a charla o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato de ciencias aprenderon as ferramentas matemáticas empregadas para construír figuras dixitalmente en 3 dimensións, pasando logo a súa aplicación práctica escaneando cos seus móbiles un obxecto real. Dende o IES A Guía queremos agradecer a colaboración de Juan Ortiz na formación do noso alumnado. Grazas!
O pasado luns día 6 de marzo, o alumnado de 3º de ESO do IES A Guía visitou a Casa das Ciencias e o DOMUS na cidade de A Coruña. Na Casa das Ciencias aprenderon a mirar o ceo e descubrir todo o que esconde o firmamento, ademais de interaccionar cunha morea de experimentos de Física. Por outra banda, no DOMUS poideron aprender aspectos sobre a evolución, a xenética ou as redes neuronais.
O pasado luns, día 13 de marzo, visitou o IES A Guía a catedrática de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela Concepción González Bello. Durante a charla impartida ao alumnado de 1º e 2º de bacharelato de ciencias falounos da evolución da ciencia á hora de deseñar medicamentos, dende o ensaio-erro ata o emprego da computación para facer simulacións do centro activo das enzimas e diversos sustratos, para poder tratar así enfermidades como a tuberculose ou loitar contra bacterias resistentes aos antibióticos existentes. Dende o IES A Guía queremos agradecerlle que nos adicase parte do seu tempo para colaborar na formación do noso alumnado. Grazas!
O alumnado de Tecnoloxía empregou os coñecementos adquiridos na materia para recrear as máscaras do entroido galego máis tradicional. Aquí podedes comprobar algúns dos resultados. Parabéns polo traballo realizado!
Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o pasado 11 de Febreiro, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de Ciencias e o alumnado de 4º de ESO tiveron a oportunidade de coñecer o labor das científicas de hoxe en día da man de Cecilia Costas Selas. Durante a charla/taller tratáronse casos de mulleres que non tiveron o recoñecemento que merecían, pasando logo a falarlle do seu traballo como investigadora en oceanografía biolóxica nun grupo de investigación da Universidade de Vigo (Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Facultade de Ciencias do Mar). Dende o IES A Guía queremos agradecerlle a Cecillia a súa colaboración coa formación do noso alumnado. Grazas!
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer