Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Visita de alumnos ao CIQUS de Santiago

Os alumnos de Bioloxía e Química de 2º de Bacharelato visitaron o CIQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da Universidade de Santiago (USC), onde realizaron prácticas de laboratorio de síntese do ácido acetilsalicílico e paracetamol; visita guiada, con actividades engadidas, ao Museo de Historia Natural da USC e un percorrido artístico pola cidade de Santiago. Os alumnos estiveron acompañados dos profesores Mª Carmen Díaz Cabanas, Teresa Fraga Cisneros, Miguel García Rodríguez, Antonio Fondo Rodríguez e Pedro L. Rodríguez Porca.

Podes ver todas as fotos - e son 37-  facendo clic neste enlace.


Visitas ao mural de Felipe Criado

(fotografía de Mario S. García)

Co gallo da exposición homenaxe a Felipe Criado no Museo de Belas Artes da Coruña (ata o 11 de xaneiro de 2015), tódolos martes e xoves en horario de 9:30 a 13:30 e de 17 a 20 horas pódese visitar o mural "Lucubración para una dinámica Espacio-Tiempo, Historia-Universo" que ennobrece a sala de profesores do Instituto Eusebio da Guarda.


 

Ciencia na Fundación Barrié

O venres 28 visitamos a sé da Fundación Barrié. Había distintas mesas-obradoiro sobre distintos temas científicos. Estaban dirixidas por alumnos que cursan o grao de Bioloxía na UDC, acompañados dos seus respectivos profesores. Nas mesas desenvolvíanse aspectos coma os seguintes: Microscopios con mostras para a observación de  microalgas, bacterias, lévedos… Tamén había placas para ver o crecemento das colonias bacterianas. Noutra mesa podían apreciar distintos tipos de vermes vivos, e aí explicábanlles aos rapaces que algúns –os poliquetos- eran acuáticos, outros terrestres…, estaba por exemplo a miñoca –un oligoqueto-, e había larvas de escaravello, etc. En total eran quince mesas aproximadamente, e todas interesantísimas. Nunha aprendían as técnicas xenéticas que se empregan  para diferenciar machos de femias (naqueles casos nos que non hai dimorfismo sexual). ..

 

 (Fotos: Mario S. García)

Os rapaces estiveron encantados en todo momento coa experiencia, que foi moi gratificante. Pero o mellor de todo é que os monitores os felicitaban polo moito que sabían. Dinos unha das profesoras acompañantes do noso centro, dona Cristina Viqueira, que a eles, aos profes, lles caía a baba, oíndo como enxalzaban o grao de coñecemento dos nosos alumnos, de 2º da ESO.

Son estas as experiencias que ennobrecen a Fundación Barrié,  da mesma maneira que ennobrecen a nosa cidade.

Concluímos coas palabras que a prof. Viqueira lles dirixiu aos nenos: “Vedes como desfrutastes? E por que desfrutastes tanto aprendendo? Porque xa sabiades algo, xa levabades unha base. Iso é moi importante. E é que o saber é bonito, non é necesariamente aburrido”.

Tamén colaboraron, do noso claustro, os profesores Mario S. García e Nieves L. Agrasar.

 

Que haxa máis experiencias enriquecedoras coma esta!


 

Alumnos do Instituto celebran un pleno dentro da "Semana Escolar da Provincia e súa Deputación"

O pasado venres 28 de novembro un grupo de alumnos do instituto celebraron un pleno no que debateron sobre asuntos da actualidade. Ao mesmo sumouse o presidente da Deputación, Sr. Diego Calvo, agradecendo o esforzo e traballo durante a Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación.

O acto quedou recollido en moitas fotos e tamén videos, na páxina deste órgano de goberno, e tamén nalgúns "tuits".

Parabéns a todos os participantes!

 


 

Inauguración da exposición de Felipe Criado

A foto foi tomada por Maribel Quiroga.

 

Intercambio co collège Irène Joliot-Curie de Fontenilles da rexión de Midi-Pyrénées (Francia)

Un ano máis recibimos aos nosos amigos de Fontenilles o pasado día 12 de outubro. Trinta rapaces e rapazas de troisième desembarcaron na praza de Pontevedra para estaren uns días connosco.

A súa estadía representou un novo paso no estreitamento da amizade que  nos une, despois de varios anos de colaboración.

Os nosos alumnos de 3º e 4º da ESO  puideron acoller nos seus fogares aos amigos que viñan dende aló dos Pirineos a poñer en práctica tanto uns coma outros as linguas obxeto de estudo habitual. Sen esquecer, claro está, as referencias ás culturas que nos unen e separan.

Xa nos tarda o momento de achegarnos á súa terra, as conversas son continuas e todos facemos plans para entón. Que chegue axiña o mes de abril para irmos todos xuntos devolverlles a súa visita!

À bientôt, les amis!

 

(fai clic para ver en grande)

 

 

 

Actualización: Un enlace a fotos do intercambio nunha presentación con música.


 

María Josefa Wonenburger Planells

María Josefa Wonenburger Planells

María Josefa Wonenburger Planells, Doutora Honoris Causa pola UDC, alumna que fora do Instituto Eusebio da Guarda, é homenaxeada polo Concello da Coruña cunha rúa que a partir de agora leva o seu nome.

No acto de inauguración, celebrado o pasado martes, 14 de outubro, estaba presente o Rexedor da cidade herculina, o Reitor Magnífico da Universidade da Coruña, o Reitor anterior, baixo cuxo mandato fora nomeada a insigne coruñesa Doutora Honoris Causa, diversos membros da corporación municipal, as profesoras da UDC que tomaran parte activa no proceso do doutoramento, a irmá da homenaxeada, un membro da familia Wonenburger que tomou no seu momento a palabra para relembrar á doutora e complementar a información previamente ofrecida polo señor alcalde, e estaba presente unha servidora como membro da Dirección do instituto en que Dona María Josefa cursara o bacharelato.

Entre o público asistente achábase, ademais, a catedrática de matemáticas xubilada do noso centro, a lucense Dª Mercedes Sampayo Yáñez, quen gozou da amizade da homenaxeada. Co gallo de redactar a súa entrada para a ‘Enciclopedia Gallega’, a señora Sampayo traba comunicación coa matemática coruñesa. Pódese dicir que á nosa querida colega lle debemos en certa medida o achegamento de María Josefa Wonenburger a círculos próximos ás matemáticas en Galicia, como o colectivo ‘Agapema’, ou a círculos máis entrañables aínda: por exemplo, cando Lugo acolle un concurso de matemáticas para escolares, a “Muralla Matemática 2004”, un concurso organizado por Agapema mais o Concello de Lugo, dedicado –en parte nuclear grazas á Mercedes Sampayo- ao sabio lugués Vázquez Queipo por coincidir ese ano co segundo centenario do seu nacemento, a catedrática do Eusebio da Guarda, Mercedes Sampayo viaxa a Lugo acompañada de Dª Celia Quiroga, bisneta de Vázquez Queipo, e de Dª María J. Wonenburger (máis información no artigo no Progreso do 11 de febreiro do 2004).

Recordemos igualmente que nos actos conmemorativos dos 120 anos de existencia do Instituto ‘Eusebio da Guarda’, celebrados o 1 de outubro do 2010, Mercedes exerceu de cicerone no emotivo reencontro de dúas ex alumnas co seu querido instituto, especie de volta á adolescencia feliz. Viña acompañada de Irene Valiño (outra honra na inacabable historia do Eusebio) e de María Josefa. Naquela inesquecible xeira, Mercedes fora presentando a María a todos cantos tivemos a sorte de estar alí presentes.

(Na foto aparecen Amparo Wonenburger e Ana Dorotea Tarrío, vicerreitora da UDC cando se nomeou Doutora H.C. á matemática coruñesa)

Esta é unha cidade afortunada en moitos sentidos. Relembraba o alcalde acertadamente canto ilustre ser humano estudou no noso Instituto… Relembrou tamén un par de datos fermosísimos sobre a homenaxeada. Dicía María Josefa: “Teño tendencia a ser feliz”, e “Podo dicir que vivín como sempre soñei que quería vivir” [este último enunciado non é literal, é paráfrase].

Unha servidora achegouse a Dª Amparo Wonenburger para pedirlle permiso para fotografala. “Parécese vostede moito á súa irmá”. A estas palabras contestou: “Foron moitos anos vivindo xuntas, algo se me contaxiou” [nova paráfrase, bastante aproximada, traduzo ao galego as súas amables palabras]. Tamén amosou un certo orgullo e satisfacción ao dicirme “Eu tamén fun alumna do Eusebio da Guarda”. 

Todos estamos de acordo, creo. O lugar onde estudamos o bacharelato é un lugar amado. Salvo excepcións, que sempre as hai. Que siga presidindo o mar de Orzán por moito tempo este noso Instituto!

 

Mª Rosario Soto Arias, vicedirectora.

 

Concurso Gañapuntos, quinta semana

“CELEBRAMOS QUE TEMOS OLLOS PARA LER”

 

Pregunta: Quen escribiu estas fermosas palabras? (2 puntos)

 

A Virxe das Angustias, enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedá dos escultores; é a Piedade creada polos canteiros.

 

Os nosos canteiros, deixándose levar polo sentimento, non podían imaxinar un home no colo da nai.

 

Para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e os fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas nais.

 

 

Reparade nos cruceiros e descubriredes moitos tesouros.


SOLICITUDE PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA ERASMUS+FCT 2014/15

Notifícase aos alumnos de 2º curso de Ciclos Formativos que se abre o prazo para se inscribir no programa Erasmus +FCT.

 

O prazo de recepción de candidaturas queda fixado entre o luns 13 e o venres 24 de outubro de 2014.

 

As solicitudes deben presentarse consonte aos modelos predeterminados.

 

 

 

que se poden descargar desde a web do centro (sección Departamentos – Erasmus Programas Europeos – Actualidade) ou desde o computador “Turismo05” da aula 27, en formato impreso, directamente ao Coordinador, ou na Conserxería do Centro en horario de tarde.

 

Para maior información, ou aclarar dúbidas, por favor contactade co Coordinador do Programa Erasmus-FCT, Felipe S. Gómez Taibo, en horario vespertino.

 

En A Coruña, a 10 de outubro de 2014. 

 

O Departamento de Programas Europeos - ERASMUS.

 


 

Concurso gañapuntos e Día Internacional da Biblioteca

 24 DE OUTUBRO: DÍA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA.

A Unesco declarou o venres 24 de outubro Día Internacional da Biblioteca. Con tal gallo, o noso Instituto vai dedicar a semana do 20 ao 24 deste mes á distintas conmemoracións.

 Así, a pregunta desta semana do Concurso Gañapuntos vai estar dedicada ás Bibliotecas en xeral e ás nosas, ás coruñesas, en particular.

 

PREGUNTA: Que exposición está realizando a Biblioteca da Facultade de Ciencias da UDC? (1 punto)

 

NOTA:

Tendes a resposta pinchando nun destes enlaces:

 


 

Máxima cualificación para unha alumna do centro

Raquel Cristina Salgado Amado, que foi alumna do IES Eusebio da Guarda, ven de obter a máxima cualificación - 10, Matrícula de Honra- na titulación de grado en Socioloxía pola Universidade de A Coruña.

O título do proxecto defendido por Raquel foi "Asignación do tempo e modificación dos hábitos de consumo en España. Unha aplicación da teoría de Gary Becker"

Queremos transmitir á comunidade educativa do noso centenario instituto a ledicia que nos supón, e a Raquel e a súa familia unha noraboa polo seu traballo e dedicación!


Distribuir contido


by Dr. Radut