Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

ABAU 2024

ABAU (Selectividade) CONVOCATORIA ORDINARIA 

MAGNÍFICOS resultados nas probas de acceso á universidade na convocatoria ordinaria (xuño) de 2024 para o noso alumnado do 

 IES P. Eusebio da Guarda: 

99,3 % de APROBADOS, de 140 presentados, en diúrno. 

Nunha análise inicial, e estando pendentes da reclamacións pertinentes, podemos concluír o seguinte sobre as cualificacións da proba de acceso á Universidade: 

  • O 14 % acadou unha media igual ou superior a 9. 
  • O 36 % acadou unha media igual ou superior a 8. 
  • Só o 9 % acadou unha media inferior a 6.  

PARABÉNS ao alumnado e as súas familias así como ao seu profesorado. 

AVISOS

ABAU 2024-CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA Toda a información no ENLACE

EXAMES EXTRAORDINARIOS 1º BACHARELATO. O calendario co horario dos exames extraordinarios de 1º de Bacharelato está no seguinte ENLACE.

DEVOLUCIÓN FONDO de LIBROSToda a información no ENLACE

MATRÍCULA CURSO 2024-25. Toda a información no ENLACE

LIBROS DE TEXTO CURSO 2024-25Toda a información no ENLACE

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2024/25  Toda a información no ENLACE

 

CRITERIOS de PROMOCIÓN e TITULACIÓN ALUMNADO de ESO Toda a información no ENLACE

Listaxes definitivas admisión CURSO 24/25

15 de maio: publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido neste centro para o curso 2024/25.
 
As listaxes poderán consultarse:
  • Presencialmente: Única e exclusivamente no taboleiro de anuncios.
  • Telemáticamente: Única e exclusivamente a través da aplicación admisionalumnado empregando a Chave365 ou certificado dixital.
Contra a relación definitiva, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da xefatura territorial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Visita a Betanzos dos Clubs de Lectura co CPI de Monfero

Máis fotos no ENLACE

Os clubs de lectura do IES Eusebio da Guarda continúan estreitando lazos co club do CPI de Monfero. Xa o ano pasado compartiramos unha posta en común das experiencias desenvolvidas ao longo do curso que tivera lugar na igrexa do mosteiro de Monfero; este curso, para continuar desenvolvendo actividades conxuntas, programamos para o 10 de xuño unha xornada en Betanzos.

Realizamos un interesante roteiro guiado, “Betanzos en feminino”, visitamos a libraría Biblos e mais o CIEC, onde fomos estupendamente recibidos polas persoas responsables, que nos explicaron moi amablemente o funcionamento e a importancia destes lugares. Para xantar reunímonos no parque do Pasatempo, onde se produciu o intercambio de experiencias e agasallos, e rematamos dando un paseo pola beira do Mandeo.

En definitiva, foi unha xornada moi fermosa e ben aproveitada. Quedamos con vontade de continuarmos o próximo curso o “irmanamento” entre os nosos centros, de dúas contornas tan diferentes, pero que a paixón pola lecturas é quen de unir.

Libros abertos: VISITA A BETANZOS CO CLUB DO CPI VIRXE DA CELA

Clubs de Lectura do IES Eusebio da Guarda

PREMIOS MODESTA

Fotos do acto no ENLACE

Entrega dos Premios Modesta a Beni Vidal, Daniel Varela e Minia Prego.

O ANPA do Eusebio recoñece o labor dos tres docentes coa entrega destes premios. 

PREMIOS ISABEL ZENDAL

 ENLACE ao artigo publicado en prensa

A alumna de 3º ESO B Sofía Ramos Ponte gañou o terceiro premio da VI edición dos premios "Isabel Zendal" do Círculo de escéticos, que teñen como finalidade fomentar o pensamento crítico. Parabens!!!

O ALUMNADO EMULA A PICASSO

Aplicacións móbiles con corazón: o alumnado desenvolve tecnoloxía para unha boa causa

Nunha sociedade onde a mocidade adoita a ser infravalorada, o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Eusebio da Guarda demostrou este luns 10 de xuño que o futuro pode ser brillante e esperanzador. A través dunha ximcana solidaria, estes mozos e mozas visitaron oito puntos da nosa cidade, dende a Praza de Pontevedra ata a Cidade Vella, resolvendo enigmas e superando retos deseñados por eles mesmos nunha aplicación móbil, co obxectivo de recadar fondos. 

Dirixidos polos alumnos Javier Serantes Álvarez, Mario Vilariño Mouro e Iván Tizón Losada de 1ºA, demostraron non só as súas habilidades tecnolóxicas, senón tamén unha profunda conciencia social. A recadación obtida destinouse á cociña económica, onde Oscar Castro e Jacinto Luis Torre Fraga administrador e presidente da institución, nos atendenron este venres 14 de xuño e  explicaron o excelente traballo que realiza esta asociación benéfica que reparte 1.500 comidas ao día. 

Esta actividade non é un feito illado, senón que forma parte dun proxecto máis amplo onde o alumnado deu vida aos versos de Luísa Villalta a través de videoxogos para móbiles aos que se pode xogar na nosa cidade. Esta fusión de tecnoloxía, literatura e solidariedade lémbranos que a educación pode ser un motor de cambio social, inspirando ás novas xeracións a marcar a diferenza na nosa contorna. 

Se tes curiosidade, podes consultar os contos escritos e todos os traballos feitos polo alumnado e mesmo descargar as aplicacións para probalas no teu móbil Android e xogar na nosa cidade da Coruña, no libro recompilado polo EDLG, “Luísa melodía infinita”,  co que colaboramos durante este curso 2023/24 e que podes atopar no anexo 3: “Contos interactivos e videoxogos na cidade da Coruña”.

Ligazón ao libro Luísa Melodía Infinita: https://drive.google.com/file/d/1VgW-XnrEuJCEhWsLPg-c0X-YZ6VVFmxv/view

Enlace coas fotos da saída da xincana e entrega da recadación: https://drive.google.com/drive/folders/1PA4XErk3Dbn7XoOe6nGHQMkPg_F2UEoJ...

Agardamos que esta iniciativa sexa a semente que inspire a novas alumnas e alumnos a implicarse en retos  solidarios.

Serxio Gómez Recouso, profesor de Tecnoloxía e TIC.

Acto final dos proxectos de Talentos Inclusivos

Hoxe, 14 de xuño, no Ágora realizouse a exposición dos proxectos realizados polo alumnado de tecnoloxía de 4 da ESO, producto da súa participación no proxecto Talentos Inclusivos, iniciativa que promove o deseño e construcción de proxectos tecnolóxicos para mellorar a calidade de vida dos usuarios de Aspace Coruña.
O alumnado construiu unha mesa adaptada a unha cadeira de rodas e un soplador de velas activado por un sensor de distancia, proxectos polos que recibiron a noraboa de todos os asistentes.

Saída do Club de Ciencia

Este mércores 12 de xuño os integrantes do Club de Ciencia e algún achegado visitamos a Casa das Ciencias e tivemos unha sesión no Planetario, onde se nos explicou o ceo do día. Comimos no Parque de Santa Margarita, estivemos probando os distintos experimentos esa tarde e tivemos unha boa xornada.
Esta visita despide o curso actual 24/25, no que despedimos do Club de Ciencia ós alumnos de 4º ESO que levan tantos anos participando e sendo divulgadores científicos, ¡ánimo para o Bacharelato rapaces!
Moitas grazas tamén ós profes acompañantes.

Aquí no Eusebio tamén se fala en galego

Acceso a máis fotos no Enlace

Este curso desde o departamento de Lingua Galega e Literatura participamos na iniciativa de dinamización lingüística Aquí Tamén se Fala Galego, promovida polo IES Rafael Dieste. Desde principios de curso o alumnado de 4º ESO e máis adiante o de 2º de bacharelato tivo a oportunidade de converterse nun auténtico axente dinamizador e contribuír así á normalización do uso da lingua galega na cidade. O IES Rafael Dieste encargouse de elaborar carteis individualizados para cada instituto participante, de maneira que os nosos carteis co lema “Aquí Tamén Se Fala Galego” son azul escuro e indican de forma ben visible o nome do IES P Eusebio da Guarda.

A actividade consistiu en distribuír estes carteis en locais de atención ao público de todo tipo como negocios, bibliotecas, tendas, etc. Contando sempre co permiso da persoa encargada do local, tomouse unha foto do cartel en cada lugar, e en case todos os casos o/a responsable do mesmo prestouse de bo grao a aparecer na foto.

Así se foron distribuíndo os carteis polo noso barrio, e ao tempo demos pé a que o alumnado realizase un importante descubrimento: na Coruña fálase galego, moito máis do que pensamos, o caso é propiciar a ocasión, pois a maioría das coruñesas e coruñeses saben falar galego. É unha lingua que dorme entre o cemento, algo afogada mais viva aínda. Só temos que atrevernos a espertala.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

MICRORRELATOS PERIÓDICOS

Máis fotos no ENLACE

Para demostrar que as letras non están tan rifadas coas ciencias como din, a rapazada de 3º ESO, coordinad@s pola profesora Minia Prego e coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística fixeron esta táboa periódica. Cada elemento químico ten, no seu interior, un pequeno contiño froito da imaxinación do alumnado. Agardamos que vos guste.

ABAU 2024 - CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA

ABAU 2024 - CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA

SOLICITAR O TÍTULO DE BACHARELATO

(Trámite imprescindible para presentarse a ABAU).

  • Impreso cuberto cos datos do alumno-a, terás que cubrilo e imprimir 1 copia.
  • Seguir as instrucións para pagar as tasas.

Presentar os dous impresos o 17 de xuño (9:00-14:00 h) na Secretaría xunto cos impresos da ABAU.

MATRÍCULA EXTRAORDINARIA ABAU (Selectividade)

O alumnado que desexe matricularse da ABAU, unha vez cuberta a documentación e pagadas as taxas da ABAU e do Título de Bacharelato, deberá entregar na secretaría do centro o 17 de xuño (9:00-14:00 h), a documentación que se relaciona a continuación:

  • Fotocopia do DNI ou Pasaporte (no caso de estranxeiros).
  • Impreso de matrícula da ABAU . Cubrilo e imprimir 1 copia desde este enlace.
  • Resgardo acreditativo de ter aboados os prezos públicos de matrícula: cubrir este impreso e imprimir 3 copias.

Unha vez feita a matrícula, o alumnado poderá acceder á aplicación Nerta cunha  conta de usuario que lle chegará polo seu correo electrónico. Premer para ver as instrucións correspondentes.

Importe do prezo de matrícula ABAU:

  • Ordinaria:  63,67 Euros
  • Familia numerosa - Categoría xeral: 31,84 Euros
  • Familia numerosa – Categoría especial: Gratuíta

O alumnado que alegue ser membro de Familia Numerosa, deberá aportar fotocopia compulsada do Título de Familia Numerosa.

  • Persoal das Universidades do SUGGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada mediante certificación dos respectivos Servicios de Persoal e, no caso de cónxuxe ou fillos, ademais por medio da fotocopia do libro de familia onde figure o matrimonio e o alumno/a.
  • Persoas con discapacidade (33%)Gratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula coa correspondente resolución administrativa do órgano competente de Comunidade Autónoma pola que se recoñece a condición vixente, no prazo de matrícula.
  • Persoas coa condición de vítimas de terrorismoGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula coa correspondente resolución administrativa pola que se recoñecese a condición vixente, no prazo de matrícula.
  • Persoas coa condición de violencia de xéneroGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula, mediante calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  • Persoas beneficiarias da prestación do ingreso mínimo vitalGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula, mediante a resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social prevista no artigo 28.3 da Lei 19/2021, do 20 de decembro.

Publicación listaxe matriculados

18 de xuño na aplicación Nerta pódense revisar os datos e pódese interpor reclamación desde as 9:00 ata as 11:00 horas na secretaría do centro se hai algún erro.

EXAMES ABAU

Lugar:

Sede alumnado do IES Eusebio da Guarda: ETS Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. Campus de Elviña. A Coruña 

Sede alumnado neae: EU de Arquitectura. Campus da Zapateira. A Coruña 

Datas convocatoria extraordinaria: 2, 3 e 4 de xullo

Data de entrega de cualificacións provisionais: 11 de xullo (a partir das 20:00 h)

Data de entrega de cualificacións definitivas: 17 de xullo (a partir das 20:00 h)

Vídeo informativo

Horario das probas 

Protocolo ABAU

Aplicación Nerta: https://www.edu.xunta.es/nerta/ 

Máis información: CiUG 

DEVOLUCIÓN LIBROS OBTIDOS POLO FONDO SOLIDARIO

DEVOLUCIÓN LIBROS OBTIDOS POLO FONDO SOLIDARIO 

A devolución dos libros pertencentes ao FONDO SOLIDARIO realizarase nos seguintes días no horario que terán exposto na cortiza da aula (documento ao final do texto): 

1º ESO: Venres 21 de xuño

2º ESO: Xoves 20 de xuño

3º ESO: Mércores 19 de xuño

4º ESO: Martes 18 de xuño

 

A falta de devolución dos libros é causa de exclusión do fondo solidario de libros de texto e das convocatorias de axudas. Igualmente no caso de que o estado no que son devoltos non permita a súa reutilización.

 

Os mellores químicos de A Coruña

Máis fotos no Enlace

Acceso ao artigo publicado en La Voz de Galicia no Enlace

Xubilación de Beni Vidal Tomé

Xubilación de Beni Vidal Tomé, xefa do departamento de Lingua e Literatura Galega do IESP Eusebio da Guarda (A Coruña)

Presentación do libro de José M. Fernández Caamaño sobre Eusebio da Guarda

Acceso a todas as fotos do acto no Enlace

Entrevista a Noemí Díaz, concelleira de Medio Ambiente da Coruña

O pasado venres 31 de maio, o grupo de embaixadores junior do Parlamento Europeo conversou con Noemí Diaz, concelleira de Medio Ambiente do concello da Coruña sobre os desafíos ambientais da nosa cidade e de Galicia : os residuos, a auga e o cambio de modelo enerxético. Noemí explicoulles que a planta de Nostián, que empezou a funcionar en 1999 tras o derrube do vertedoiro de Bens, xestiona nestes momentos o 18 % dos residuos de Galicia, ofrecendo un modelo de tratamento de residuos máis ecolóxico, baseado na reciclaxe e a transformación da materia orgánica en electricidade e compost. Informoulles que existen neste momento na cidade dezaseis proxectos relacionadas coa protección do medio ambiente, financiados por fondos europeos Next Generation, centrados na sustentabilidade e na economía circular, e que se puxeron en marcha medidas para aumentar os espazos verdes, como a remodelación de rúas e parques, a creación de vías peonís e o aumento de áreas arborizadas. Sobre como aborda a administración local o impacto do cambio climático, o proxecto urbano da cidade contempla zonas de baixas emisións (ZBE) e aposta pola mobilidade sostible potenciando o uso de Bicicoruña, cunha rede de carril bici de máis de 45 kilómetros. En relación aos proyectos galegos financiados pola Unión Europea que apostan polo hidróxeno verde, a concelleira considera que calquera enerxía renovable que contribúa a eliminar a dependencia dos combustibles fósiles é importante para evitar o quecemento global. Noemí, apaixonada desde sempre pola xeoloxía e a bioloxía, estudou Enxeñería de Montes, é profesora de Bioloxía e impartía clases no noso centro cando foi convidada a formar parte do equipo de Inés Rey para a área de medio ambiente e sustentabilidade. Para finalizar a entrevista, comentoulles que un dos éxitos máis recentes da cidade, foi o de recibir un premio da Rede de Cidades polo Clima grazas á traxectoria nas boas prácticas ambientais.   

Transmitimos o noso agradecemento a Noemí pola súa presenza e a súa colaboración interesantísima para o traballo de investigación sobre medio ambiente e sustentabilidade que está a realizar o equipo que forma parte do programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.

ENTREGA MEDALLAS TIC 1º BACHARELATO

                                                                Acceso  a todas as fotos no Enlace

A directora do centro Isabel Ruso e o profesor de Tecnoloxía  Serxio Gómez entregaron as medadallas aos mellores proxectos de TIC de 1º de bacharelato.

Parabéns polo traballo realizado!

 

Mellor proxecto App móbil, baseada nun poema de Luísa Villalta:

1ºA: Javier Serantes Álvarez, Mario Vilariño Mouro, Iván Tizón Losada.

1ºC e 1ºD: Otto Ador Manzanet, Xoán Barreiros Nespereira, Blanca Cabanas Blázquez, Xacobe Carrero Caramés, Ignacio Fernández Federicci, Antía García Abad, Uxío López Penas, Laura Otero Gallego, Almudena Polledo Gómez, Mireia Ramón Verdera, Andrés Sueiras Castro, Samuel Francisco Almeida Albán.

1ºE e 1ºF: Francisco Ríos García, Miguel Verdes Beiro, Miguel Moya del Río

 

Mellor producción audiovisual:

1ºE e 1ºF: Jorge Mugico Moreira.

1ºC e 1ºD: Xacobe Carrero Caramés.

1º A: Javier Serantes Álvarez.

 

Mellor videoxogo:

1º A: Javier Serantes Álvarez e Lautaro Arreguez.

1ºC e 1ºD: Otto Ador Manzanet.

1ºE e 1ºF: Francisco Ríos García.

 

Mellor orla creativa:

1º A: Javier Serantes Álvarez.

1ºC e 1ºD:  Samuel Francisco Almeida Albán e Otto Ador Manzanet.

1º E e 1ºF: Gabriela Rosana Freire Varela e Valeria Estefanía Rodríguez Bolívar.

 

Mellor vídeo promocional:

1ºC e 1ºD: Antía García Abad, Uxío López Penas, Mireia Ramón Verdera.

3 DE MAIO: TRIBUTO A LUÍSA VILLALTA O SITIO DO MEU RECREO

FOTOSenlace 1 enlace 2

  VÍDEOSenlace 1  enlace 2   enlace 3

   LIBRO "Luísa, melodía infinita":  enlace 

Dicía o poeta cubano José Martí que tres son as metas que debe realizar unha persoa na vida: ter un fillo, plantar unha árbore e escribir un libro. Pois, dende logo, a celebración hogano do Día das Letras Galegas, dedicado a Luísa Villalta, permitiu que moitos alumnos e alumnas contribuísen cos seus traballos á conformación dunha arela soñada cando cooordinei as actividades para honrar a figura da nosa amada paisana, Luísa Villalta: escribir un libro conxunto. Así, todos os compañeiros e compañeiras lle demos forma ao volume Luísa, melodía infinita, no cal participou profesorado de distintos departamentos didácticos, co desexo de deseñar traballos que abordasen as distintas facetas nas que se desenvolveu maxistralmente a esgrevia escritora e violinista coruñesa.

Así, o pasado 3 de maio presentouse o dito libro, saído do mellor prelo posible: todo o noso traballo, de alumnado e profesorado. O acto, presentado pola xefa do Depatamento de Lingua Galega e Literatura Beni Vidal Tomé, e mais pola corrdinadora do EDLG Teresa Pastor Novo tivo lugar na dita data, ás 17:00 h no salón de actos do IESP Eusebio da Guarda. Abriu a dita celebración a directora Mª Isabel Ruso de Lago, logo da magnífica interpretación da canción de Antonio Vega El sitio de mi recreo, cantada con acompañamento de guitarra acústica polo alumno do IESP Salvador de Madariaga Abraham González Estévez. Este tema serviu de pretexto para contextualizar o título deste tributo: O sitio do meu recreo, sendo o IESP Eusebio da Guarda, o noso instituto, o sitio ao que sempre volver porque, unha vez que marcha o noso alumnado, sabe que sempre vai ter as portas abertas para regresar cando quixeren, como así fixo Luísa Villalta, pendurada, dende comezos deste seu ano, co seu estandarte na fachada do noso emblemático centro. Así, dende o EDLG, abusando da súa xenerosidade, quixemos que cada profesor e profesora presentase a actividade realizada cos seus grupos, por considerarmos que o profesorado implicado é o mellor voceiro do seu traballo. Deste xeito, o dito profesorado explicou cada traballo proposto nas súas respectivas clases, ou ben leron a breve reseña que escribiron na ficha adxunta ás súas tarefas. Houbo tamén compañeiras e compañeiros que quixeron que algún alumno ou alumna axudase na dita tarefa de presentación. Ademais, a compilación das actividades fíxose por orde alfabética dos distintos departamentos participantes.

E, deste xeito, nesa fermosa xornada do pasado 3 de maio, ademais da presentación oficial do libro por parte do EDLG, tamén tiveron lugar outras dúas actividades relacionadas co mesmo:

• Presentación do cadro A Cidade Alta, en homenaxe ao poema Poema da Cidade Alta, inserido no libro En Concreto (2004), galardoado ese ano co Premio de Poesía Espiral Maior, un canto de amor ao seu berce, a cidade da Coruña. Realizado por alumnado do noso instituto, baixo a coordinación da catedrática de Educación Plastica e Audiovisual Eva Vérez. Foi presentado polas alumnas de 2º Bach, da materia de Debuxo artístico.

• Estrea da versión musicada, A Luísa, creada polo catedrático de Música Faustino Porras, a partir dun poema de Luísa Villalta, pertencente ao seu libro Música reservada. En colaboración co IESP Salvador de Madariaga, contouse coa asistencia de alumnado dese centro, quen cantou esta peza, acompañado musicalmente pola súa profesora e antiga compañeira do noso instituto, Rosa Mª Rodríguez Rivas e mais o violinista Pedro Navarret, ademais luthier encargado da restauración do violino de Luísa Villalta. Ao violoncelo tamén participou a alumna do noso centro Pilar Alonso-Jáudenes Paz. As voces que interpretaron o tema creado polo profesor Porras foron Alex García Vázquez e Alex Amigo Ribet, esta última filla dos nosos compañeiros Nuria Ribet López e Avelino Amigo Romero. Ambas rapazas, alumnas da materia de Coro e Técnica Vocal no IESP Salvador de Madariaga, foron coordinadas pola súa profesora Rosa Mª Rodríguez Rivas.

No mesmo acto, foi inaugurada tamén oficialmente unha placa en homenaxe a autora herculina, antiga alumna deste centro, instalada no vestíbulo do centro, encima da de Pablo Picasso. E, como remate, non podía faltar a música. De novo, Rosa Mª Rodríguez Rivas e mais o violinista Pedro Navarret mostraron unha xenerosidade e amizade infindas, agasallándonos con dúas pezas musicais: Romanza andaluza (Pablo Sarasate) e Salut d ́Amour (Edward Elgar).

Tras este acto, estaba previsto que a a directora e catedrática de Xeografía e Historia Mª Isabel Ruso de Lago fixese unha visita guiada polo instituto, acompañada dunha guía realizada por ela “O sitio do meu recreo: un paseo polo instituto de Luísa” (inserida no libro), para todo o público asistente. Ende mal, esta non se puido levar a cabo por mor dunha afonía da directora.

Por último, o IESP Eusebio da Guarda encargou dous exemplares impresos, un para darllo de lembranza a María Gómez, nai de Luísa Villalta; e o outro, para que permaneza para sempre no soso centro, como recordo de tan fermosa efeméride. Non obstante, aquí vos deixamos un enlace co libro dixital, para que o poidades descargar cando quixerdes, dirixido a toda a comunidade educativa. Como cooordinadora do EDLG, hei de dicir que foi un ano moi intenso, emotivo e inesquecible, no cal quixen amosar do xeito máis integral a grandeza da personalidade e o impagable legado creativo que nos deixou Luísa Villalta.

En nome do EDLG, moitas grazas de novo a todas e a todos.

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)

Entrega de corazóns solidarios

Entrega de corazóns solidarios ao presidente da asociación contra o cancro

Distribuir contido


by Dr. Radut