Infórmate

 

Traballo en rede para transformar Conxo

TRABALLO EN REDE PARA TRANSFORMAR CONXO

 ARTIGO CRUZ VERMELLA

Máis de 90 anos pasaron desde que o antigo municipio de Conxo pasase a formar parte da periferia de Santiago. Un barrio con carácter propio, herdeiro da súa tradición campesiña e artesá, e tamén con problemáticas propias. Para ter un diagnóstico claro da realidade do barrio e fixar obxectivos para o seu desenvolvemento, a Rede de Traballo de Conxo-Compostela Sur solicitou recentemente ao Concello de Santiago a realización dun estudo, como xa se fixo en Fontiñas e San Pedro; algo que desde Raxoi confirmaron que se iniciará nos próximos meses.

Este é un bo exemplo dos avances que, pouco a pouco, está a conseguir esta rede de traballo comunitario na que participan 25 entidades sociais, sanitarias e educativas que desenvolven a súa actividade en Conxo. A Rede xurdiu en 2009 para coordinar as diferentes iniciativas que colaboran co IES Eduardo Pondal e dende entón creceu e consolidouse como un grupo de traballo estable que se centra especialmente nos problemas educativos dos menores dende un marco de servizo público e tendo en conta a educación formal e a non formal. “Somos asemblearios, traballamos nun marco comunitario con obxectivos de ben social, público e preventivo dirixido a menores de 0 a 16 anos e ás súas familias”, detalla Loli Alvariño, orientadora do IES Eduardo Pondal e Coordinadora da Rede.

É venres, 10h da mañá na Fundación Down Compostela, ábrese a sesión e Loli dirixe o encontro: “O primeiro punto do día é o programa de radio. Como está a cuestión?”. “O programa de radio ten unha perspectiva didáctica e outra de desenvolvemento comunitario. Ata agora fixéronse catro sesións cun grupo de 10-12 mozos, pero tívose que parar por problemas administrativos relativos ao Concello e cando se resolvan poderá continuar”, sinala Jorge Carballido, coordinador de prevención da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) de Santiago. Trátase dun proxecto dirixido a mozos a os que se lles ensina como funciona a radio, fan programas e aprenden habilidades socioeducativas. Realízase no Centro Sociocultural de Conxo e os programas grávanse na emisora da Cadena SER na cidade.

Actualmente, ademais da UMAD, tamén Cruz Vermella e Igaxes3 desenvolven talleres de prevención de condutas violentas e consumo de drogas, hábitos de vida saudable e educación sexual. Jorge indica que “o obxectivo este ano é consolidar o que xa se está desenvolvendo, pero que hai capacidade para iniciar novos programas e talleres o próximo curso”. Ana Martínez, de Igaxes3, intervén: “Non podemos esquecer o alumnado da FP básica, onde hai unha demanda de traballar en educación en valores e resolución de conflitos, pero non se facilita que interveñamos porque se supón que o que alí deben recibir é formación formal”.

concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, participa activamente nestas reunións. “No Concello temos a proposta de facer talleres de educación afectiva e sexual, tema que vén desde as AMPAS e a asociación Arela para tratar temas de transexualidade, bulling e tamén de igualdade, pero temos que planificalo ben para que o traballo non recaia nos centros educativos”, apunta a concelleira. Tamén sinala que están a estudar un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para crear un corpo de voluntariado que se centre no reforzo educativo dos menores. Os membros da plataforma acordan desenvolver unha proposta de talleres na próxima reunión para aprobalos canto antes e poder desenvolvelos xa dende o primeiro trimestre do curso 2016-2017.

 

A inclusión, tarefa de todos

O mediador da Fundación Secretariado Xitano, Luís Giménez, aproveita o foro para expoñer un novo proxecto educativo para atallar os problemas específicos das comunidades xitanas, onde só 36% dos rapaces acaba os estudos post-obrigatorios. Beneficiaranse 25 menores de Compostela, dos cales se reserva o 20% das prazas para nenos e nenas non xitanos. “Isto é espectacular! Outra etnia que nos inclúe a nós”, interrompe Jorge entre as risas de todos os membros da mesa.

Para Pablo Méndez, coordinador de Cruz Vermella Xuventude (CRJ) en Santiago de Compostela, a utilidade desta rede é clara: “Visibiliza o que se está a facer en diferentes entidades, achega fluidez á hora de traballar e coordinarnos e mellora a calidade da nosa intervención xa que temos unha visión global, optimizamos recursos e non nos duplicamos”. Mila Budiño, de Arela, completa: “Antes non nos coñecíamos todos e era máis difícil reunirnos. Traballar en grupo favorece a toma de decisión”.

A reunión conclúe e cada un dos participantes volve ás súas organizacións para continuar con ese fluxo de traballo que non cesa no ámbito social. Sempre hai algo máis que facer, sempre hai unha problemática nova que abordar, pero todos están convencidos de que se pode construír unha sociedade mellor, e máis aínda, de que a construímos todos. Eles demostran que, tamén en Conxo, a unión fai a forza.

 

---

Estas son as organizacións que forman parte da Rede de Traballo de Conxo-Compostela Sur:

Concellería de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde. UAF do Concello de Santiago. UTS, Conxo, Concello de Santiago. UMAD, Concello de Santiago. Fundación Down Compostela. IES Eduardo Pondal. CIFP Politécnico. CEIP Cardeal Quiroga Palacios. Colexio A Milagrosa. CEIP Roxos. ANPA A Peregrina, IES Eduardo Pondal. ANPA Athenea, CEIP Quiroga Palacios. ANPA A Milagrosa. Centro Sociocultural Aurelio Aguirre. Residencia dá Terceira Idade Volta do Castro. Hospital Psiquiátrico de Conxo. Fundación Secretarido Xitano. Cruz Vermella. Casa de Familia Arela-Conxo. Centro de Atención de Día Integral Teixeiro, Santiago. Casa de familia Dignidade, Roxos. Centro QUÉROTE+. IGAXES3. Asemblea Galega de Cooperación pola Paz, ACPP. Programa de Ruptura de Parella non de Familia, USC, F. de Psicoloxía

 

Powered by Drupal - Design by artinet