Skip to Content

Coidando da nosa contorna

 O xoves 28 de abril foi unha xornada moi especial para todo o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Aprenderon moitísimo pero fóra das aulas, algo que sempre esperta neles un gran entusiasmo.

    Acompañados pola profe Rosa e o profe Alberto, o alumnado fixo unha ruta duns 8 km percorrendo a pé a estrada que une Covas, na parroquia de Millerada, co instituto pasando por Loureiro e Dúas Igrexas.

    Ó tempo que se marabillaban coas fermosísimas paisaxes primaverais que visten a Terra de Montes por estas datas, ían recollendo e seleccionando todo o lixo que ían atopando nas marxes da estrada. Sen dúbida, unha gran maneira de concienciarse sobre a importancia do coidado do medioambiente. O alumnado sorprendeuse da enorme cantidade de lixo que atopamos, especialmente latas de cervexa e de refresco. Neste sentido queremos agradecer ó Concello de Forcarei a súa axuda para a recollida de todo o lixo que o alumnado foi deixando embolsado.

    Para as 14 horas xa todo o alumnado estaba de volta no instituto. Cansos, si, pero coa sensación dunha boa labor ben feita e unha boa lección aprendida.



story | by Dr. Radut