Actividades 2022/2023

Actividades 2022/2023

Chega o Entroido!

          Un ano máis toca comer e gozar da festa antes de que veña dona Coresma coas privacións, así que podemos escoller entre as moitas celebracións que se fan por Galicia para "entrar" (por iso se chama Entroido) mellor neste período. 

          Para coñecelas un pouquiño, hai polo instituto adiante pegados cartaces con moitas delas, de lugares ben distintos. É o resultado dun traballo feito por alumnado do centro coa que foi aquí profesora de Galego Liliana Carro, a quen lle agradecemos a cesión deste material.

          Viva don Carnal!

Día da Muller e a Nena na Ciencia

  

         O pasado día 11 de febreiro celebrouse esta data para dar visibilidade á presenza feminina no ámbito científico, tantas veces esquecida ou agochada. Para contribuír a ela, desde a biblioteca sacamos ao vestíbulo unha pequena mostra bibliográfica na que se fai patente a pegada da muller, moitas veces pioneira, neste eido.

Día de Ler a Verne 2023

          Como cada ano, recordamos este día a Jules Verne, autor internacionalmente coñecido e recoñecido e moi vinculado á nosa cidade, tanto persoal como literariamente.

          Aproveitamos esta HORA DE LER para conmemorar a súa figura.

          Naceu un día coma hoxe, 8 de febreiro do ano 1828, na cidade francesa de Nantes e as súas inquedanzas viaxeiras e a súa curiosidade científica levárono a percorrer coa súa imaxinación lugares case nunca antes transitados: algúns continentes descoñecidos (Cinco semanas en globo), o espazo (Da Terra á Lúa), o interior da Terra (Viaxe ao centro da Terra) ou o fondo dos mares (Vinte mil leguas baixo dos mares), por exemplo. Pódelo acompañar gozando da lectura dalgunha das súas máis de sesenta novelas, que publicou ininterrompidamente ata súa morte, no ano 1905.

          Para empezar, podes ler o capítulo que dedica á nosa ría cando o capitán Nemo se achega a ela en Vinte mil leguas baixo dos mares.

          Podes tamén aproveitar para ler algún outro fragmento e ver traballos realizados por compañeiros do instituto doutros anos no proxecto "Viaxando con Verne" cando celebramos o 150º aniversario desa visita literaria.

          Feliz HORA DE LER!

Día da Ilustración, en honor de Castelao. Le e debuxa!

         

          A proposta de grandes ilustradores de Galicia, estableceuse o Día da Ilustración en 2014 para promover esta área da cultura, cada ano dedicado a un artista, nesta ocasión a pintora Mª Antonia Dans.

          A efeméride faise coincidir co aniversario do nacemento, o 30 de xaneiro de 1886, de Castelao, que dá nome ao noso centro, o único instituto de Galicia así chamado.

          Por esta razón, estes días intentamos coñecer un pouco mellor a figura deste home grande e polifacético: debuxante, humorista e pintor pero tamén médico, político e escritor.

          Na HORA DE LER deste martes 31 convidámosvos a ler un pequeno relato da súa obra Retrincos titulado "O retrato", e a comprendelo ben coa axuda dun breve cuestionario. Logo, animádevos a participar no concurso Ilustrando a Castelao, co que conmemoramos este ano a súa figura.

          Se queredes coñecer máis da figura de Castelao, visitade, por exemplo, a páxina da Fundación Castelao. E de serdes amigos dos pasatempos, aquí tedes algún que seredes quen de resolver cando coñezades cousas da súa vida e da súa obra.

Presentación do libro "Xosé Velo sen fronteiras"

O 30 de xaneiro tivemos a primicia de presentar no noso paraninfo Xela Arias, e ante un alumnado de 2º BACH ben interesado, a publicación Xosé Velo sen fronteiras e visionar o documental Xosé Velo. O libertador ibérico guiados polas certeiras e sabias palabras do egrexio don Xesús Alonso Montero e do adaíl destes proxectos Aser Álvarez de Arraianos Producións.

Álbum: Curso 2022/2023 -> Xosé Velo

Visita de Xesús Fraga ao Club de Lectura

O pasado día 16 de xaneiro visitou o Club de Lectura “A pé de obra II”, para profesorado, ex-profesorado e pais e nais do noso alumnado o escritor Xesús Fraga.

O encontro abordou diversos aspectos do seu libro Virtudes e misterios, novela galardoada co Premio Blanco-Amor de novela, co Premio da Fundación dos Premios da Crítica Galicia e co premio Nacional de Narrativa 2021 do Ministerio de Cultura.

Álbum: Curso 2022/2023 -> Xesús Fraga

Sorteo do 1º trimestre entre os lectores da biblioteca

                   No sorteo que tivo lugar durante a celebración das Lecturas de Nadal con 1º ESO-B, o día 22 de decembro, entre os lectores da biblioteca do primeiro trimestre deste curso, resultou afortunado co vale de 25 € para libros o alumno de 2º Bac-A Abel Guedella Barros.

 

Álbum: Curso 2022/2023 -> 1 sorteo lectores biblioteca

Lecturas de Nadal

          Novamente podemos gozar da lectura en diferentes momentos. Nesta ocasión textos relacionados co tempo frío de inverno e as celebracións de Nadal. Co alumnado de 1º da ESO fixémolo en vésperas das vacacións con textos clásicos de Dickens, Andersen, Bradbury, Fernández Paz...

Álbum: Curso 2022/2023 -> Lecturas de Nadal

O Nadal chegou ao IES Castelao

Coma podedes ver o espírito do Nadal invadiu hoxe o noso instituto.

 

Felices festas.

Álbum: Curso 2022/2023 -> Nadal

Exposición sobre o corpo humano

Os rapaces e rapazas de 4oº da ESO e de 1º BAC acudiron onte 21 de decembro a unha interesante exposición sobre o corpo humano onde pudieron observar os diferentes órganos que o compoñen e participar en diversas actividades.

Álbum: Curso 2022/2023 -> Corpo humano
Distribuir contido