Actividades e Concursos

Un monstro vén a verme

O xoves 8 de febreiro  reunímonos no recreo para falar do libro de Patrick Ness Un monstro vén a verme. Esta novela conta como vive un rapaz de trece anos a doenza da súa nai enferma de cancro. Conor, o protagonista, pasa por unha etapa moi complicada e o mundo real vólveselle máis serio do que pensaba.

 O libro ao principio  resultounos un pouco complicado e algo lento. Cremos que o monstro, figura creada pola  imaxinación de Conor, e que o visita polas noites, é unha  segunda personalidade do rapaz que aparece para facelo reflexionar sobre as situación da vida. O monstro, a través das historias que lle conta, axuda a que Conor acepte a terrible realidade que lle toca vivir e a comprender que esta non sempre é feliz.

HORA DE LER - Jules VERNE, "Vinte mil leguas baixo dos mares" (capítulos IV-V, 2ª parte)

                                               Do Mar Vermello ao Mediterráneo. A vaca mariña
                                                           (Do 29 de xaneiro ao 11 de febreiro de 1868)        O 29 de xaneiro a illa de Ceilán desapareceu baixo o horizonte. O día 30, ao subir á superficie non había terra á vista. Cara a onde nos conducía o capitán Nemo? A súa idea era chegar ao mar de Omán entre Arabia e a península Índica. 
    Desde alí o 7 de febreiro enfiamos o estreito de Bab al-Mandab. O seu nome en árabe significa ´a porta das bágoas`. Por fin, a mediodía, sucabamos as augas do Mar Vermello.
    Ned Land, nervioso, aseguraba que o Mar Vermello non era o camiño que os levaría de volta a Europa.
    - Sabe vostede, señor Aronnax, que axiña haberá tres meses que estamos apresados a bordo do Nautilus? –preguntou o canadense.

Ilustrámonos con Castelao

Para celebrar  que o 30 de xaneiro, Día da Ilustración, coincide coa data de nacemento de Castelao,  o equipo da biblioteca elaborou unha guía didáctica para coñecer máis a fondo a vida e obra do autor que dá nome ao noso centro. O alumnado do 1º ciclo da ESO traballou con ela a partir dos paneis expostos no vestíbulo. Pica na imaxe para ver as fotos.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Ilustrámonos con Castelao

Perla

   

Vinte mil leguas baixo dos mares

            Para o poeta a perla é unha bágoa do mar; para os orientais, é unha pinga de orballo solidificada; para as damas é unha xoia de forma oblonga, dun brillo hialino e dunha materia nacarada que levan no dedo, no pescozo ou na orella; para o químico é unha mestura de fosfato e de carbonato de cal cun pouco de xelatina; e, finalmente, para o naturalista, é unha simple secreción doente do órgano que produce a nácara en certos bivalvos.



[Segunda parte, capítulo II: “Unha nova proposta do capitán Nemo”]

HORA DE LER - Jules VERNE, "Vinte mil leguas baixo dos mares" (capítulos I-III. 2ª parte)

   
Unha perla de dez millóns
(Do 21 ao 30 de xaneiro de 1868)


    Aquí comeza a segunda parte desta viaxe baixo o mar. A primeira rematou na conmovedora escena do cemiterio de coral.
    Toda a vida do capitán Nemo se desenvolvía no seo deste mar inmenso, e non había nada que el non tivese preparado, mesmo a súa tumba. Alí nin un só dos monstros do océano viría perturbar o derradeiro soño dos hóspedes do Nautilus. “Ningún home tampouco!”, engadira o capitán.
    Sempre aquela desconfianza contra as sociedades humanas! A min xa non me contentaban as hipóteses que satisfacían a Conseil. Este bo rapaz persistía en só ver no comandante do Nautilus un deses sabios descoñecidos que responden á indiferenza da humanidade co desprezo. Mais, ao meu parecer, aquela hipótese non explicaba máis que unha das facetas do capitán Nemo.

30 de xaneiro, Día da Ilustración

     Hoxe, día 30 de xaneiro, celébrase o Día da Ilustración, instituído neste día en recordo do nacemento de Alfonso D. Rodríguez Castelao, que dá nome ao noso centro.

     Con tal motivo, podemos ver no vestíbulo uns carteis nos que figura  información sobre a vida deste home polifacético tan importante para Galicia.

     Entre eles hai un cartel de cego da autoría de Isaac Díaz Pardo, no que vai debullando, viñeta a viñeta, o que foi a vida de Castelao.

     E ao pai de Isaac Díaz Pardo, precisamente, é a quen este ano se lle dedica o Día da Ilustración: a Camilo Díaz Baliño (1889-1936), extraordinario intelectual, escritor e artista gráfico que foi fusilado nos inicios da Guerra Civil.

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

 

  O 18 de decembro de 2017 o alumnado de 3º ESO A reuniuse no recreo para falar sobre unha das obras  escollidas para este curso no Club de Lectura: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, editado por Xerais e gañadora do Premio Lazarillo 2015.

A novela conta unha historia fantástica no Vigo do 1884: O escritor Verne, xa famoso grazas ás súas novelas, volta a Vigo para coñecer persoalmente o novo invento de Antonio Sanjurjo Badía –un submarino-, que está inspirado no Nautilus co que o capitán Nemo percorría os fondos de Rande en Vinte mil leguas baixo dos mares. Ademais, está moi interesado no enigma sobre mulleres que se converten en plantas.

"Todos deberíamos ser feministas" de Chimamanda Ngozi Adichie

    O pasado venres 19 de xaneiro de 2018 xuntámonos no recreo para comentar este libriño.
    Valoración unánime: “Encantoume”. A uns porque nos reafirmou no que xa pensabamos, a outros porque nos axudou a ver as cousas de maneira máis clara, porque afonda na cuestión de forma moi comprensible,  tamén porque presenta a situación dunha maneira cómica ou desenfadada, sen acritude…
    Hai quen ataca as feministas por non defender tamén os dereitos dos homes pero estes, en comparación, téñenos bastante ben consolidados.
    Valoramos moi positivamente esta lectura e todos os participantes nesta sesión consideramos que segue habendo moitos prexuízos na sociedade, herdeira dun modelo absolutamente patriarcal.

HORA DE LER - Jules VERNE, "Vinte mil leguas baixo dos mares" (capítulos XXIII e XXIV). Fin da primeira parte da novela

   
   Un cemiterio de coral
(Do 10 ao 20 de xaneiro de 1868)
           [Jules VERNE, Vinte mil leguas baixo dos mares, XXIII-XXIV. Fin da 1ª parte]


AEGRI SOMNIA
    O 10 de xaneiro, o Nautilus continuou a súa travesía cunha gran velocidade que calculei en non menos de trinta e cinco millas por hora.
    Navegabamos directamente cara ao oeste e o 11 de xaneiro dobramos o cabo Wessel. Os arrecifes aínda era numerosos, pero xa máis dispersos. O 13 de xaneiro, o capitán Nemo chegou ao mar de Timor e á illa deste nome, que está gobernada por raxás. Estes príncipes din que son fillos de crocodilos. Os seus escamosos antergos abundan nos ríos da illa. Mais o Nautilus non tivo ningunha relación con estes desagradables animais. Timor só foi visible por un instante.
    A partir de aquí o Nautilus enfiou cara ao sudoeste. A proa púxose rumbo ao Océano Índico. Onde nos levaría a fantasía do capitán Nemo? Subiría de novo cara ás costas de Asia? Achegaríase ás costas de Europa? O futuro xa nolo diría.

Distribuir contido