Textos para recordar

As luras

 

  As luras

 

         Despois de deixar aquelas encantadoras illas protexidas polo pavillón francés, as Marquesas, o Nautilus percorreu, do 4 ao 11 de decembro, unhas dúas mil millas. Esta navegación estivo marcada polo encontro cun inmenso cardume de luras, curiosos moluscos moi parecidos á xiba. Os pescadores franceses chámanos encornets e pertencen á clase dos cefalópodos e á familia dos dibranquiados que inclúe a xiba e os argonautas.

Jules VERNE, Vinte mil leguas baixo dos mares: Os bacallaus

                                          Os bacallaus
    O 15 de maio estabamos no extremo meridional do banco de Terranova. Este banco é o produto dos aluvións mariños, un conxunto considerable de detritos orgánicos traídos ben do ecuador, pola corrente do Golfo, ou ben do Polo boreal, pola contracorrente de auga fría que segue a costa americana. Alí, amoreábanse tamén as rochas erráticas carrexadas polo desxeo.
    Entre os peixes aos que o Nautilus asustou ao seu paso, citarei a especie do bacallau, que sorprendín nas súas augas predilectas, naquel inesgotable banco de Terranova.   

Perla

   

Vinte mil leguas baixo dos mares

            Para o poeta a perla é unha bágoa do mar; para os orientais, é unha pinga de orballo solidificada; para as damas é unha xoia de forma oblonga, dun brillo hialino e dunha materia nacarada que levan no dedo, no pescozo ou na orella; para o químico é unha mestura de fosfato e de carbonato de cal cun pouco de xelatina; e, finalmente, para o naturalista, é unha simple secreción doente do órgano que produce a nácara en certos bivalvos.



[Segunda parte, capítulo II: “Unha nova proposta do capitán Nemo”]

Jules VERNE: O mar

          O mar é todo! Cobre as sete décimas partes do globo terrestre. O seu aire é puro e san. É o inmenso deserto no que o home nunca está só, xa que sente a vida por todas partes. O mar non é máis que o vehículo dunha existencia sobrenatural e prodixiosa, non é máis que movemento e amor; é o infinito vivo, como dixo un dos seus poetas. 

          E, en efecto, señor profesor, a natureza maniféstase nel cos seus tres reinos: mineral, vexetal e animal. Este último está amplamente representado polos catro grupos de zoófitos, por tres clases de articulados, por cinco clases de moluscos, por tres clases de vertebrados, os mamíferos, os réptiles e esas innumerables lexións de peixes, orde infinita de animais que conta con máis de trece mil especies das que tan só unha décima parte pertence á auga doce.


          O mar é a vasta reserva da natureza. Polo mar comezou o mundo, e quen sabe se non rematará nel! Nel está a suprema tranquilidade. O mar non pertence aos déspotas. Na súa superficie aínda poden exercer dereitos inicuos, loitar, devorarse e transportar todos os horrores terrestres. Mais  a trinta pés de profundidade, o seu poder cesa, a súa influencia apágase, o seu poder desaparece. Ah! Señor, viva, viva no seo dos mares! Só neles está a independencia! Aí non recoñezo donos! Aí son libre!

         

  
                                         [Jules VERNE, Vinte mil leguas baixo dos mares, 1ª parte, capítulo X, “O señor das augas”]

Distribuir contido