Skip to Content

Rally sen fronteiras 2023

Este ano dous grupos de 2º de ESO e un grupo de 4º de ESO animáronse a participar no Rally sen fronteiras, un concurso de matemáticas por grupos para toda a ESO. Penso que pasamos unha boa tarde no centro, traballando nas probas de matemáticas cos compañeiros e compañeiras. Grazas por animarvos a participar!

Ademais, o grupo de 2º ESO D clasificouse para a fase galega en Santiago! Pasaron alí un bo día co profesorado de matemáticas, coñeceron a facultade de Química, viron algúns experimentos, deron unha volta pola cidade.

Deixámosvos as fotos na galería.

Mes do libro 2023

Dende a biblioteca do centro ofrecemos a posibilidade de prestar libros ás famlias durante este mes de abril, mes do libro.

Nesta listaxe podedes atopar algunhas novelas que poden ser do voso interese.

VIII Obradoiros de Primeiros Auxilios

O noso centro celebrou, o 20 e 21 de marzo, os VIII Obradoiros de Primeiros Auxilios, sendo o alumnado de 1º de bacharelato o encargado de organizar e trasmitir os distintos contidos expostos no mesmo. Participou nestes obradoiros todo o alumnado do centro, así como o alumnado de 6º de primaria dos centros adscritos. A actividade foi organizada polo Departamento de Educación Física.

Na galería tendes máis fotos do obradoiro!

 

O club de lectura visita Sada e A Coruña despois de ler A ladroa da biblioteca de Meirás

Esta semana o alumnado de 4º da ESO, despois de ler A ladroa da biblioteca de Meirás, de Eva Mejuto, achegouse ata Sada para coñecer o espazo da novela. Alí, cunha fantástica guía, percorremos os espazos da novela, só aqueles nos que están permitidos entrar. Foi unha viaxe pola historia do s.XX. Pola tarde subimos á Torre de Hércules, un símbolo da cidade da Coruña.

Aquí tendes as fotos da xornada!

 

Proxecto Competencial visitou a protectora de animais abandonados

O xoves o alumnado da materia Proxecto Competencial de 3º da ESO visitou a protectora de animais abandonados de Vigo e o zoo. Desfrutaron moito e sensibilizáronse coa importancia de adoptar animais e non mercalos, porque hai moitos que están faltos de cariño e desexando ter un fogar.

Aquí tendes as fotografías da xornada.

Visita ao Museo de Pontevedra e ao Parque Arqueolóxico Campo Lameiro.

O pasado xoves o alumnado de 1ºESO realizou unha saída escolar ao Museo de Pontevedra e ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. 

A xornada comezou no museo de Pontevedra onde realizaron un percorrido polas salas de arqueoloxía desde o Paleolítico ata a romanización, no que descubriron, a partir dos restos arqueolóxicos expostos, algúns dos aspectos máis relevantes da vida dos nosos antepasados. Ademais, aproveitaron para realizar un paseo por Pontevedra e visitar os seus monumentos, o casco vello e as súas prazas.

Concurso Canguro Matemático 2023

O pasado Xoves 16 de marzo 40 alumnos e alumnas do IES ÁLVARO CUNQUEIRO, participaron no concurso Canguro matemático.

Este concurso pretende potenciar o gusto polas matemáticas, como paso previo para fomentar os estudos nestas asignaturas.

Concerto Migrasons 2023

Organizado polo departamento de música, o alumnado de 3º da ESO do noso instituto tivo o privilexio de asistir ao concerto “MIGRASONS” de música folk a cargo de seis profesores e dúas profesoras da E TRAD de Vigo, institución na que de xeito gratuíto os vigueses podemos recibir formación de diversos instrumentos galegos. O Concello dispuxo dous autobuses nos que un cento de alumnos e cinco profesores achegámonos ao auditorio para desfrutar do concerto didáctico dunha hora de duración que comezaba ás doce da mañá. Xunto con outros alumnos doutros centros da nosa cidade enchemos o auditorio.

Conferencia de Xesús Alonso Montero e Aser Álvarez González - 2023

O alumnado de 2° de bacharelato asistiu a unha conferencia do catedrático e membro da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Acompañado de Aser Álvarez González, director do documental LOVE Velo, profundizaron na figura de Xosé Velo e noutros aspectos do franquismo e da literatura galega. A proxección do documental xunto coa exposición que tivemos durante varias semanas no instituto axudaron a completar este episodio ás veces descoñecido da resistencia franquista. Agradecemos á ANPA a colaboración nesta actividade.

Aquí tendes as fotos da conferencia.

Aquí as fotos da exposición.

 

8 de marzo 2023

Para conmemorar o día da Muller, o alumnado do Equipo Morgana visitou os centros adscritos para explicar por que se celebra o 8 de marzo e contar como traballa o Equipo no centro. Despois achegáronse ao parque da Bouza para xuntarse co Comando Igualdade e levar a cabo unha homenaxe á asociación de mulleres Dorna no Cristo da Victoria. Despois dunha batucada e da lectura do manifesto conxunto, houbo micro aberto, onde se compartiron moitas experiencias e textos emocionantes.

Aquí tendes as fotos desta intensa xornada!

Distribuir contido


by Dr. Radut