CIRCULAR INFORMATIVA PARA AS FAMILIAS.

Estimadas familias:

Lamentamos ter que informarvos de que ao longo desta semana se confirmaron seis casos positivos de Covid 19 entre o alumnado e o persoal do noso centro. Desexámoslles que se encontren ben e se recuperen o antes posible.

Tomando como referencia o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, e seguindo en todo momento as indicacións das Autoridades sanitarias, dúas aulas foron postas en corentena. Tamén houbo profesorado e alumnado que realizaron ou realizarán unha proba PCR de carácter preventivo. En cada caso se informou ás familias e ao profesorado afectado, respectando en todo momento a protección de datos das persoas involucradas. Tamén saberedes, se é o caso dos vosos fillos/as, que a Aula virtual do centro e a plataforma E-Dixgal xa están en funcionamento.

Seguindo ese mesmo Protocolo, estamos en permanente contacto co Servizo de Alertas epidemiolóxicas de Galicia e coas autoridades educativas, que constitúen guías constantes e apoios fundamentais para o noso traballo nestes días difíciles.

Dende o Equipo directivo estamos centrando todos os esforzos en garantir a seguridade de todo o alumnado e o persoal que traballa no centro, insistindo no cumprimento das medidas de prevención e hixiene básicas incluídas no Protocolo. Por ese motivo desexamos transmitirvos unha mensaxe de calma e tranquilidade.

Non queremos rematar sen agradecer o gran traballo levado a cabo polo profesorado e o persoal de administración e servizos (conserxería, administración, comedor e limpeza), especialmente nesta última semana. E, como non, agradecemos tamén o esforzo do alumnado no cumprimento das medidas de prevención adoptadas no centro que en cada momento lles esiximos, polo seu propio ben e polo ben de todos.

Por último, queremos lembrarvos ás familias a importancia de ter instalada a aplicación AbalarMóbil nos vosos teléfonos móbiles, pois será empregada como principal vía de comunicación dende o centro con vós.

Ánimo e un saúdo cordial.

Equipo directivo.

Powered by Drupal - Design by artinet