Saltar navegación.
Inicio

URXENTE. Suspensión das clases.

Ás catro e 56 minutos desta tarde recibimos un correo da inspección educativa na que se pon no noso coñecemento que "tal e como acaba de comunicar o Presidente da Xunta de Galicia en rolda de prensa, suspéndense as actividades lectivas nos centros educativos de Galicia oficialmente o luns 16/03/2020, e de xeito recomendable a partir de mañán 13/03/2020"

 Calquera novidade será comunicada a través desta páxina web. Para máis información poden consultar o Portal Educativo da Consellería de Educación

O equipo directivo

Admisión Alumnado 2020/2021

ADMISIÓN ALUMNADO CURSO 2020-2021

NOTA INFORMATIVA

Normativa reguladora:

-DECRETO 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG 245 - 26/12/2012)

-ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos (DOG 53 - 15/03/2013)

-ORDE do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG 22 – 1/02/2017)

Reserva de praza

            Aos alumnos/as actuais do centro realízaselle a reserva automática, agás que os seus pais/nais ou titores legais manifesten o contrario. 

Solicitude de admisión:

            Presentará a solicitude de admisión o alumnado de novo ingreso que queira solicitar praza neste centro. A solicitude será única e o prazo de presentación será do 1 ao 20 de marzo.

Presentación de solicitudes:

1.- De forma electrónica:

- As solicitudes de admisión  cúbrense mediante o formulario normalizado a través da aplicación de xestión do proceso “admisionalumnado” (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) e entrégase no centro.

- Pódese cubrir na aplicación anterior e presentala en SEDE ELECTRÓNICA.

2.- De forma presencial: na secretaría do centro indicado como primeira opción.

Documentación a entregar:           

-         Solicitude de admisión: formulario normalizado (ED550B) dispoñible na secretaría do centro, na aplicación admisionalumnado (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) e na páxina web do centro.

-         Fotocopia do libro de familia onde figure o alumno/a.

-         D.N.I da persoa solicitante e dos membros computables da unidade familiar, cando deneguen a consulta telemática de datos.

-         Certificado de empadroamento no caso de solicitar servizos complementarios.

-         Convenio regulador ou resolución xudicial de separación ou divorcio, de darse o caso.

-         No caso de alumnado con necesidades específicas de apoio, documentación que acredite as circunstancias alegadas.

            A solicitude terá que estar asinada por calquera das/os titulares da patria potestade ou representantes legais. No caso de separación ou divorcio será necesaria a sinatura de ambos/as proxenitores/as, agás que a patria potestade estea atribuída a un deles. En ambos casos, será necesario presentar xunto coa solicitude de admisión a resolución xudicial correspondente para o seu cotexo polo centro educativo.

            No suposto de alumnado afectado por violencia de xénero non será esixible o previsto no parágrafo anterior.

Publicación de admitidos/as:

- Listaxe provisional de admitidos e non admitidos: publicarase unica e exclusivamente no taboleiro do interior do centro e tamén a través da aplicación admisionalumnado, antes do 25 de abril. Poderase formular reclamación no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

- Listaxe definitiva: Antes do 15 de maio.

Formalización de matrícula:  

            A formalización de matrícula deberá axustarse ao modelo normalizado Anexo III (dispoñible   tamén na secretaría ou na páxina web do centro) e terá lugar nos seguintes prazos:

            Infantil e primaria: do 20 ao 30 de xuño

            Secundaria:    

            Prazo ordinario: do 25 de xuño ao 10 de xullo

            Prazo extraordinario (alumnado con materias pendentes en xuño): do 1 ao 10 de setembro

 Nota informativa

·         Cada alumna e alumno só pode presentar unha única solicitude no centro que solicite praza en primeiro lugar. A infracción neste punto determinará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle.

·         O alumnado actual ten garantía de permanencia no centro. Se presenta solicitude de admisión noutro centro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.

·         O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión

·         O CPI “Fonte Díaz” está adscrito a partir do  curso actual, unicamente ao IES Fontiñas.

·         Os servizos complementarios que ofrece o centro son o de comedor (O. 21 de Febreiro de 2007 e D. 132/2013) e transporte escolar (Instrucción 4/2019 da Secretaría Xeral Técnica)

* O CPI Fonte Díaz de Touro informa que sen prexuízo de que no centro non sexa lectivo o día 20 de marzo,  na sede electrónica o 20 de marzo será o último día para presentar a solicitude de admisión.

 

 Touro, a 17 de febreiro de 2020.

 

Asdo.: O equipo directivo.

 

 

Programa Piale

O profesorado do noso centro participa activamente en itinerarios formativos. A nosa compañeira e profesora de Francés Lourdes Piñón tivo ocasión de afondar na didáctica do ensino a través do Programa Piale da Xunta de Galiza, cuxo obxectivo é un acercamento cos centros de ensino de l´Académie d´Amiens e organizar posibles intercambios co alumnado. Bota unha ollada á experiencia en Amiens-Francia de Lourdes.

 

Quérote +

O noso centro desenvolve este curso o programa Quérote +, unha das liñas do Plan Proxecta nas que participamos. O alumnado participante é 3º da ESO e cabe salientar a implicación dunha parte importante do profesorado que, dende as súas materias, está traballando con eles a Educación afectivo-sexual na aula. A continuación vemos como iniciamos este programa, dando a coñecer o recurso Quérote + a través da súa páxina web.

 

CONTES D´AFRIQUE 2019

O día 29 de novembro os alumnos de 3º e 4º de E.S.O. disfrutaron da visita do camerunés Samuel Mountoumnjou, contacontos e mediador intercultural. Achegounos á cultura e aos costumes do continente africano a través de contos, lendas , fábulas e anécdotas. Cantamos , bailamos e fíxonos reflexionar sobre valores tan fundamentais e esquecidos na nosa sociedade occidental como a solidariedade, a convivencia, a tolerancia e a honestidade.

 

Calendario escolar 2019-2020

Poden acceder ao calendario escolar 2019-2020 premendo na seguinte ligazón: Calendario

Lembren que, ademais dos días que figuran no calendario oficial, temos dous días non lectivos aprobados polo Consello Escolar do centro que son:

·         Venres, 20 de marzo.

·         Luns, 4 de maio.

LISTAXE DEFINITIVA FONDO LIBROS ESO 19-20

Listaxe definitiva da adxudicación dos libros de Secundaria para o curso 19/20. Os libros serán repartidos ao alumnado o luns 16 de setembro, nas clases.

Aviso importante sobre o horario dos meses de xuño e setembro

Informamos que durante o presente curso 2019-2020, non se realizará a xornada reducida dos meses de setembro e xuño.

En consecuencia:

  • O alumnado de Educación Infantil e Primaria terá, a partir do día 11 de setembro, clases de mañá e tarde, co horario do comedor habitual de 13:25 a 14:25.

  • O alumnado de Ed. Secundaria terá, desde o día 16 de setembro, a tarde do xoves, con horario de comedor de 15:15 a 16:05.

Distribuir contido