Actualidade

Olimpiada de Xeografía

Dep. Ciencias Sociais

Do mesmo xeito que o ano pasado, o noso centro tomou parte na III Edición da Olimpíada Xeográfica Junior,  na que estivemos representados por sete alumnos e alumnas de 3º da ESO, que tiveron unha grande actuación. Dita cita tivo lugar en Santiago de Compostela. Ademais desta competición, tamén se aproveitou para que o resto de alumnos e alumnas do mesmo curso, así como o alumnado de 2º da ESO, puidesen realizar unha visita cultural á capital galega, entre os que destacou unha visita ó Museo de Historia Natural de Santiago, que tivo unha gran acollida entre a delegación escolar.

Os nosos representantes nesta Olimpíada de Xeografía foron Antía Iglesia, Lucía Espiñeira, Andrea Vázquez, María Jesús Vázquez, Samuel Rodríguez, Alejandro Sobrado e Xan Ceide. Samuel Rodríguez foi o máis destacado nesta competición, quedando moi cerca dos postos do pódium deste evento no que tomaron parte centros de toda Galicia e na que o noso centro foi o único representante da provincia de Lugo.

Obradoiro de bolboretas

Ed. Primaria

O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria asistiu a un obradoiro moi interesante sobre as bolboretas, a través da Asociación Mundobicho, que tanto éxito e demanda ten no ámbito escolar.

Cada obradoiro tivo unha duración aproximada dunha hora e os nenos e nenas puideron ver as distintas especies de volvoretas, eirugas e casullos, así como toda a fase do ciclo da vida dunha bolboreta, coñecendo deste xeito as súas características morfolóxicas e funcionais, as difertencias entre as que son diurnas e nocturnas e tamén coñecer as especies de volvoretas máis comúns do noso entorno.

Apadriñamento lector. Semana do Libro

Ed. Infantil e Primaria

Ao longo desta semana no noso centro levouse a cabo, co alumnado de educación infantil e educación primaria, unha actividade de apadriñamento lector, con motivo da celebración da Semana do Libro. Nesta actividade, o alumnado de 3º a 6º de educación primaria leu diferentes contos aos máis pequenos do colexio, co obxectivo de fomentar os vínculos entre todo o alumnado do centro e mellorar en última instancia a convivencia escolar.

Campo a través. Escairón

Dep. Ed. Física

O pasado venres 19 de abril disputouse en Escairón a cuarta proba puntuable do circuíto de campo a través dos concellos da zona sur da provincia de Lugo. De novo acudimos cunha boa representación de nenos e nenas do noso centro educativo, que puideron desfrutar dunha estupenda xornada deportiva celebrada nunha fermosa Carballeira da localidade da Ribeira Sacra.

 

En canto ós resultados, lográronse un bo número de pódiums, xa que Leo Arias ocupaba a segunda posición na categoría benxamín, mentres que Sabela Sánchez ocupaba a terceira posición na proba alevín. Susana López e David Viña gañaban as súas respectivas carreiras na categoría infantil, e na carreira cadete, Hugo Ferro era segundo e Mateo Villar ocupaba a terceira posición.

Día do Libro

Antolín Martínez

 

"Pegada dixital"

Dep. Orientación

O alumnado de 3° e 4° da ESO asistiu a unha charla sobre os perigos que entraña o mal uso das redes sociais na adolescencia e preadolescencia, que son as idades nas que se encontran os nenos e nenas receptores de dita charla.

Esta charla enmárcase dentro do programa institucional da Consellería de Educación, A Pegada Dixital, que busca previr situacións de acoso e ciberacoso nos centros educativos. O relator fixo fincapé no perigo que entraña un mal uso das novas tecnoloxías e, sobre todo, das redes sociais, nas súas relacións e como calquera interacción en ditas redes deixa unha pegada dixital ou rexistro que pode ser perxudicial para eles.

A charla forma parte do programa do Departamento de Orientación para a mellora das relacións e do clima de confianza e benestar emocional, que é un dos obxectivos prioritarios do Plan de Convivencia

Campo a través. Taboada

Dep. Ed. Física

O pasado venres 12 tivo lugar a terceira proba do circuíto de campo a través dos concellos da zona sur da provincia de Lugo, e de novo, o equipo do colexio estivo presente nesta nova cita atlética.

Nun día marcado pola forte calor reinante, os primeros en tomar parte foron os representantes da categoría benxamín, onde Iría Díaz conseguiría un novo pódium ó entrar en terceira posición.

Pola súa parte, na categoría alevín, Sabela Sánchez e Ada Ceide lograban a segunda e terceira posición, mentres que Hugo Penas tamén era terceiro na proba masculina.

Na categoría infantil, David Viña lograba a vitoria e Susana López conseguía a terceira posición. Por último, os nosos representantes na categoría cadete lograban un novo triplete, sendo Hugo Penas o gañador e ocupando Mateo Villar e Martín Díaz a segunda e terceira posición respectivamente.

Excursión ás Insuas do Miño

Ed. Primaria

O alumnado de 5º e 6º de educación primaria realizou unha viaxe didáctica ás Insuas do Miño, que se engloba no núcleo de Reserva da Biosfera Terras do Miño.

A Ruta das Insuas é un percorrido circular dunhas 5 km no que o noso alumnado descubriu os diferentes ambientes que se atopan en ditas Insuas, dende o denso bosque aluvial ata os extensos prados con grandes e vellos carballos.

A ruta tivo unha duración de dúas horas, comenzando e rematando na Casa das Insúas (Rábade)

Obradoiro sobre a elaboración dun fanzine

Ed. Primaria

O alumnado de 6º de educación primaria realizou un obradoiro de creación dun fanzine, dentro do programa de actividades do programa IlustraNós que organiza a Deputación de Lugo, no que o noso centro toma parte. Esta actividade levaba por título Fotocopiadora de Cans Elegantes, e o alumnado tomou parte na elaboración do seu propio fanzine seguindo o traballo de Chichi Campos, a figura homenaxeada no Día da Ilustración Galega do 2024.

O alumnado desenvolveu este traballo dun xeito crítico e dende o humor, tal como facía a propia autora, seguindo a liberdade creativa que otorga o propio fanzine.

Obradoiro de primeiros auxilios

Ed. Primaria

Con motivo do Día Mundial da Saúde, o noso centro organizou un taller formativo para o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria, no que as doutoras Alba Rodríguez e Olalla Quintairos lles explicaron ós nenos e nenas do noso centro o funcionamento dos distintos sistemas do corpo humano dun xeito didáctico e ameno.

Tamén, nunha fase máis práctica, puideron aprender as nocións básicas de coidar a nosa saúde e tamén a realización práctica dos primeiros auxilios a través do material que as propias doutoras lles facilitaron ós nenos e as nenas que asistiron a este taller.

Distribuir contido