Skip to Content

Xeografía e Historia

A casa, de onte a hoxe

Traballo realizado polo alumnado de 3º da ESO da materia de Ciencias Socias, para presentar ao certame Xentes, Espazos e Lugares, convocado polo Proxectoterra do Colexio de Arquitectos, e o diario Xornal de Galicia. A Casa, De Onte a Hoxe

SOMOS AUGA, por Samer Abdulkader

UNIDADE DIDÁCTICA: II REPÚBLICA

A Unidade Didáctica acompaña a exposición gráfica sobre a II República elaborada pola Fundación 10 de Marzo. Baseándose nos paneis da exposición propóñense unha serie de actividades que axudan a comprender un dos períodos máis fecundos da Historia de España, truncado polo golpe de Estado fascista. Na Unidade, ademais das actividades reprodúcense os textos e as imaxes, en branco e negro, da exposición.

AS MULLERES TAMÉN EMIGRAN (cuestionario)

AS MULLERES TAMÉN EMIGRAN

As últimas semanas tivemos no Colexio a exposición ‘As mulleres tamén emigran' da Fundación 10 de Marzo. É o froito do traballo dun Seminario Permanente no que participamos cinco profesores de CC SS de Educación Secundaria, coa inestimable axuda do profesor e especialista na materia, Raúl Soutelo.
A exposición fórmana 18 paneis, entre eles un a xeito de portada e outro cos créditos, agradecementos e bibliografía consultada. Despois dun panel de Introdución que nos sitúa na historia das migracións desde a perspectiva das mulleres -‘aí están, na produción e na reprodución'- en 15 paneis se fai un percorrido cronolóxico polas migracións femininas en Galicia ao longo do século XX, dividido en tres etapas: Emigración a América; Emigración a Europa e Inmigración.
Cada unha das tres etapas conta con cinco paneis temáticos: CAUSAS (Elas tamén embarcaron, Para mellorar a vida, Por unha vida digna); VIAXE (Cruzando o Atlántico, A marcha a Europa, Non só en pateras); TRABALLO (Traballando no que se podía, A traballar no que as de alí non querían, Traballando no que as de aquí non queren); INTEGRACIÓN (Da aldea á cidade, Pensando en volver; Loitando por vivir) e REGRESO (Á volta de facer as Américas, Co cu entre dúas cadeiras, Só algunhas retornan).
O obxectivo fundamental foi o de elaborar un recurso didáctico, visualmente atractivo, para o alumnado de Secundaria, centrado nas esquecidas da Historia oficial e académica, as mulleres, partindo do presente. Cada panel inclúe un texto breve e significativo e tres ou catro imaxes, a maioría fotos. Para os textos procurouse contar con testemuños directos das mulleres emigrantes, extraídos de fontes bibliográficas ou de enquisas feitas polos autores da exposición. Na selección de imaxes fíxose o esforzo de escoller aquelas que fosen significativas, con contido, que non fosen só ‘decorativas'. Textos e imaxes son unha ferramenta para entender as características xerais das migracións pero tamén para coñecer a vida cotiá e os sentimentos das mulleres obrigadas a buscarse a vida fóra da súa terra.
Outro obxectivo non menos importante foi rachar cos prexuízos que, sobre a inmigración actual, están espallados entre o alumnado e a poboación en xeral. A inmigración non debe ser percibida como unha ameaza senón coma unha consecuencia das desigualdades económicas. A disposición dos paneis pode facerse seguindo unha orde temática, comparando cada aspecto, dos sinalados arriba, nas tres etapas. Así podemos comprobar que non hai diferenzas importantes na vida das mulleres (nin dos homes) que emigraron antes e agora. As nosas antepasadas tiñan as mesmas aspiracións, os mesmos temores, os mesmos esforzos, a mesma morriña, o mesmo desprezo, a mesma ilusión, que as nosas veciñas chegadas doutro país. E, sobre todo, o que teñen en común é o dereito a ter unha vida digna.
ADXUNTO CUESTIONARIO PARA TRABALLAR A EXPOSICIÓN

 

PROMISES


 
Este ano, como non podía ser doutra maneira, adicamos á conmemoración do Día da Paz á guerra de Palestina. Entre outras actividades contamos coa correspondente da TVG, Ana Expósito, que expuxo a súa visión da situación ao alumnado de 2º Ciclo da ESO. Foi unha longa charla, de case cen minutos, moi interesante para todos os que tivemos a sorte de escoitala.

O venres proxectouse o documental Promises para todo o alumnado da ESO, tendo tamén unha boa acollida entre os espectadores. Este documental, estreado no 2001, filmouse entre 1995 e 1998, en Xerusalén, nun campo de refuxiados palestinos e nun asentamento de xudeus en Cisxordania. Os protagonistas son sete rapaces, catro israelís e tres palestinos, de entre 9 e 13 anos, que a través das súas palabras e xestos nos van facendo comprender e sentir como se pode vivir no medio da violencia que determina as súas vidas.

Os directores elixiron aos rapaces procurando que cada un deles fose o espello da postura dunha parte das súas sociedades. Esa elección pode ser cuestionada pero non se pode negar o seu valor pedagóxico. Así, podemos decatarnos de que as posicións dos dous bandos non son monolíticas, senón que mentres os integrismos irracionais non deixan lugar para a convivencia, a tolerancia e o desexo de vivir en paz están tamén presentes.

O documental nos deixa innumerables palabras e imaxes que nos abraian de tan esclarecedoras. Palabras e imaxes que nos feren cando falan de odio sen concesións, pero que tamén nos fan sorrir cando falan de sentimentos, de xogos inocentes.

A principal lección que podemos tirar é que por riba da Historia, da política perversa e do militarismo ten que primar o desexo de vivir en paz. Hai que eliminar as aramadas que pechan e illan, superar os prexuízos e recoñecer aos outros como iguais. Isto é o que reflicte o filme, que a convivencia é posible, cando consegue poñer en contacto aos xemelgos xudeus cos nenos palestinos refuxiados.

Pero tamén se nos presentan as enormes dificultades: non coñecen o idioma respectivo a pesar de vivir a só uns pouco quilómetros, teñen que entenderse en inglés ou con eructos; adoutrínanos no odio; o medo a traizoar ao propio pobo; os checkpoints para os palestinos; a relixión como base da organización social e política; o drama do pobo palestino co Estado israelí se nega a recoñecer; a pobreza dos campos de refuxiados fronte ao benestar dos xudeus; as armas que forman parte da indumentaria cotiá; o sentimento secular de posesión da terra.

En definitiva, algúns dos protagonistas lle indican o camiño aos 'que mandan': un único Estado onde todos os seus habitantes teñan os mesmos dereitos, os dereitos humanos. Témome que esta non é a vía que agora mesmo seguen os que alí mandan, para desgraza das persoas que só queren xogar, falar, rir, discutir e mesmo, arrotar, cos seus veciños.
Adxunto ficha e cuestionario para traballar o filme

Premio para "Ceda o paso"

Parabéns para o blog “Ceda o paso” elaborado por 4º de ESO e 6º de Primaria, baixo a dirección de Heladio Fernández, xa que vén de ser nomeado como o mellor do mes de abril dentro do programa Prensa-Escuela.

Distribuir contido


by Dr. Radut