Plan Director

Hoxe recibimos a visita de tres Gardas Civís de Tráfico. Estivéronnos recordando as normas que debemos cumprir cando andamos en bicicleta e tamén cando somos peóns. Insistíronnos na importancia dos sistemas de retencións cando viaxamos no coche.

Despois da charla tivemos a sorte de ver algúns dos seus medios. Desfrutamos moito coas motos e facendo soar a sirena do coche.

Participación no Cross de XOGADE

O venres desprazámonos ata Ribadavia para participar, por fin, no cross que organizamos a Asociación Deportiva Arenteiro, á que pertence o noso cole.

Aproveitamos as instalacións do campo de fútbol "O Xestal" para asearnos e descansar despois das carreiras e gozamos dunha mañá chea de deporte xunto con máis de 700 alumnas e alumnos doutros centros.

Xa nos tarda a próxima xuntanza!

Rocío Pavón, campiona do mundo de futbolín

Tivemos a sorte de contar hoxe coa presenza de Rocío Pavón, vixente campiona do mundo de futbolín Tsunami.

Explicounos as distintas modalidades que existen e tamén as diferentes regras coas que se xogan nos campionatos, bastante diferentes ás que estamos acostumados. Sen dúbida, a que máis nos chamou a atención foi que no futbolín "Taco" non se pode falar durante a partida.

Grazas a que nos cederon por uns días o futbolín do Local Social de Vilarrubín, Rocío puido ensinarnos de primeira man algunhas das súas xogadas favoritas.

Agora só nos queda practicar!

Exposición de cruceiros e petos de ánimas

Na mañá de hoxe acompañounos Don Arturo, con raíces en Graices.

Presentounos as súas maquetas e fotografías sobre as diversas tipoloxías de cruceiros e petos de ánimas que podemos atopar en Galicia. 

Explicounos cada unha das partes que compoñen estas construcións e os usos que tiñan. Tamén nos inisitiu na importancia da conservación destes elementos como parte do noso Patrimonio.

A exposición manterase na entrada do colexio durante esta semana para todos os que quierades visitala.

Visita do Seprona (Plan Director)

A primeira hora da mañá recibimos a Tomás, un axente do SEPRONA. Explicounos as distintas seccións que forman o corpo da Garda Civil, entre as que se encontra o Servicio de Protección da Natureza.

Contounos cales son as súas funcións e en que consiste o seu traballo. Fixo especial fincapé na prevención de incendios forestais, xa que é un grave problema na nosa provincia. Neste sentido, deunos consellos para evitar provocar un incendio e para saber como actuar no caso de ver un.

Seguro que agora todos recordaremos que ante calquera problema debemos chamar ao 112.

Día das Bibliotecas

 

No día de onte festexamos o Día das Bibliotecas.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria leu contos para os demais compañeiros, traballamos entre todos co libro "Carabuñas" e coloreamos un debuxo elaborado pola profe Marta para conmemorar a data.

Visita do axente forestal da zona

 

A semana pasada recibimos a visita de Ignacio, o axente forestal da nosa zona. Ensinounos a importancia do coidado da flora e a fauna da nosa contorna e os riscos que conlevan a súa desaparición. Tamén nos falou da importancia de facer un bo tratamento dos nosos residuos.

Visita ao Museo do Lebre

 

O pasado 20 de setembro estivemos coñecendo a vida e obra dun dos grandes persoeiros do noso concello: o Lebre das Casarizas.

Visitamos o seu Museo na Peroxa e da man de Verónica descubrimos unha morea de cousas interesantes sobre a súa vida e, sobre todo, puidemos comprobar de primeira man o ocorrente e resolutivo que era fronte aos problemas.

Todos os seus inventos resultáronnos de moito interese, pero o que máis nos chamou a atención foi a súa malladora. Que xenio!

Benvidas e benvidos!

 

Benvidas e benvidos ao curso 2023/2024!

Iniciamos este novo ano académico coa ilusión de seguir construíndo entre todos un colexio cada día mellor.

Libros optativos para o verán

Distribuir contido