Día de Rosalía

O pasado venres día 23 realizamos diversas actividades para coñecer e homenaxear á nosa escritora máis ilustre: Rosalía de Castro.

Os máis pequenos do cole fixeron un mural. O alumnado de 1º, 2º e 3º elaboraron un minilibro cos datos máis relevantes da vida e obra da escritora. Os maiores visualizaron unha presentación sobre Rosalía para despois completar un "Pasapalabra" demostrando os seus coñecementos.

Coñece o noso cole!

Semana de Entroido

Menuda semana levamos!

Comezamos o luns coa visita de Cigarróns e Felos. Coñecemos de primeira man estes traxes tan típicos do Entroido ourensán, facendo fincapé nas diferenzas entre uns e outros. Ademais, xa que tivemos que adiantar o noso desfile, estivemos apurados para rematar os disfraces no noso taller.

Continuamos o martes co noso desfile polas rúas da Peroxa. Finalmente acompañounos un tempo solleiro e puidemos lucir os nosos disfraces relacionados co Proxecto de Emocións "Emociona-T"

 

Hoxe visitounos o Poli Marchoso, co que estivemos cantando e bailando un bo anaco coas súas cancións sobre a seguridade vial. Seguiremos enganchados á súa canle de Youtube.

 

E aínda nos queda a xuntanza de mañá cos demais colexios da contorna!

Deixaremos todas as nosas fotos na galería da web.

 

Feliz Entroido!

 

 

 

Programación de febreiro e Ordes do Meco

Conmemoración do Día da Paz e da non violencia

No día de onte escoitamos con moita atención as historias que nos contou Manuel Fontemoura, todas elas relacionadas cun día moi importante para nós: o día da Paz.

Xa levabamos moitos días enchendo o noso cole con distintos cartaces nos que expresabamos os nosos desexos dun mundo sen violencia.

Continuamos hoxe elaborando pulseiras con mensaxes de respecto e amor.

David Lorenzo, ilustrador

Comezamos a semana coa visita de David. Entre todos escollemos uns personaxes e un escenario e creamos unha historia que el ía debuxando mentras nós a contabamos. Sorprendeunos moito ver con que facilidade convertía os seus trazos naquilo que nós estabamos improvisando.

Despois, nós tamén participamos do debuxo tratando de reproducir os dous protagonistas do noso conto. Quedounos un mural ben chulo!

Para rematar, agasallounos e adicounos dous libros ilustrados por el que xa podemos desfrutar na nosa Biblioteca. Moitas grazas!

Bo Nadal!

Pechamos o trimestre co Festival de Nadal. Estivemos varias semanas preparando as nosas actuacións con moita ilusión. Agardamos que desfrutarades con nós!

Toda a comunidade educativa deséxavos un Bo Nadal e un próspero aninovo 2024!

Visita de Papá Noel

O ano vai chegando ao seu fin e hoxe tocou visita de Papá Noel, que nos sorprendeu a todos. Trouxo uns agasallos para cada un de nós e recolleu as nosas cartas.

Despedímolo con moita ilusión, agardando polos nosos agasallos nuns días!

 

Convivencia co Fogar Residencial Penas Albas (Coles)

Dende a área de Educación Plástica e Visual elaboramos uns pequenos adornos personalizados para cada un dos residentes do Fogar Residencial Penas Albas empregando material de refugallo. A pasada semana visitáronnos dúas delas, Jovita e Laura, e sorprendéronnos cunhas postais e uns adornos para as nosas aulas, realizando así un intercambio de agasallos.

As nosas campás feitas con botes de iogur xa adornan a árbore de Nadal da Residencia.

25N e Cruz Vermella

O venres tivemos unha mañá moi axetreada!

A primeira hora recibimos a Tamara e María José, do CIM da Mancomunidade. Con elas, co gallo do 25N, realizamos unha actividade chamada "Nin un bico á forza".

A continuación recibimos a visita da Cruz Vermella. Estivemos recordando como actuar en caso de emerxencia e tamén aprendemos a realizar unha reanimación cardiopulmonar.

Distribuir contido