Benvidas e benvidos

 

CEIP ROBERTO BLANCO TORRES

Enderezo: A Peroxa, 3, 32150 A Peroxa, Ourense

Código Postal: 32150

Provincia: Ourense

Concello: A Peroxa

Localidade: A Peroxa

Teléfono: 988206600

E-Mail: ceip.roberto.blanco@edu.xunta.es

Ver o cole no mapa

 

Segundo Premio no Pilabot!

 

Recibimos cheos de alegría a nova de que resultamos premiados no concurso de recollida de pilas Pilabot!

Sabiamos que fixeramos un gran traballo recollendo unha boa cantidade, pero non agardabamos ser capaces de colocarnos tan arriba entre os 150 centros participantes.

Quedamos segundos na categoría B de pilas por alumno, conseguindo reciclar máis de 25kg por alumno/a.

O vindeiro mércores, 25 de nós desprazarémonos ata o Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela para recibir o premio, dotado de 1250€ para material escolar.

Estamos moi contentos!

Moitas grazas a toda a comunidade educativa que se implicou na recollida de pilas e se esforzaron en traelas ata o noso cole. O traballo de todos foi recompensado! 

Deixamos enlace á prensa local que se fai eco da nova:

https://www.laregion.es/articulo/o-ribeiro/el-colegio-dew/202406071000001301540.html

Excursión de Fin de Curso

 

Chegou a tan agardada excursión de fin de curso!

Saimos do cole ben cedo para chegar a tempo ao Castro de Vidalonga. Alí vimos un vídeo sobre a historia deste castro para despois pasar a recorrelo, sempre coas interesantes explicacións do noso guía. Ao rematar fixemos un obradoiro no que vimos como se pode facer fogo sen ter chisqueiro. E conseguímolo!

Despois desprazámonos ao Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do río Miño. Aproveitamos aquela contorna para xantar e explorar tan peculiar lugar.

Xa co bandullo cheo comezamos a viaxe de volta, non sen antes facer unha pequena parada para tomar un xeado.

O curso xa está rematando, pero aínda nos queda unha viaxe máis coa que non contabamos!

Quedan na Galería todas as fotos da xornada.

See you soon, Anas!

 

Hoxe despedimos con moita emoción a Anas, o noso auxiliar de conversa durante os últimos 3 cursos. Agradecémoslle enormemente a súa adicación e o seu bo facer con nós. Sempre cun sorriso nos beizos e cunha extrema amabilidade, ensinounos inglés ao tempo que nos explicaba a súa cultura e tradicións.

Para que non nos esqueza agasallámolo cuns detalles elaborados con moito cariño.

We'll miss you!!

I Xornada de Xogos na Natureza

 

No día de onte desprazámonos ata a contorna do Castelo da Peroxa para realizar actividades na natureza.

Ao chegar, Verónica explicounos a orixe e historia do castelo, merendamos e realizamos unha busca do tesouro que tiña preparada para nós.

Tras dar con todas as pistas e atopar o cofre cheo de moedas (de chocolate) demos por rematada a xornada e volvemos para o colexio.

Queremos agradecer ao Concello da Peroxa pola organización desta xornada e tamén á cafetería O Castelo, onde fixemos unha parada para comer un biscoito.

Feliz Día das Letras Galegas

Maios

 

O pasado venres celebramos os Maios recollendo as flores escondidas por todo o noso patio. Elaboramos unha ficha anotando as palabras que iamos atopando e confeccionamos entre todos o noso Maio. Quedan todas as fotos da nosa busca na Galería.

Fundación ENKI

No día de onte recibimos a membros da fundación ENKI, que traballan para fomentar a inclusión dende o deporte e o ocio.

Acompañábanos algúns membros da Residencia dos Milagros. Ademais de contarnos parte do seu proxecto, agasalláronnos pintando un abecedario en lingua de signos no noso salón de actos.

Seranos de gran axuda para seguir mellorando na nosa habilidade signando.

Día do Libro

Co gallo do Día do Libro estivemos esta semana elaborando distintos materiais. 

Fixemos entre todos un mural cos nosos libros favoritos.

 

Tamén escollemos as portadas "incompletas" dalgúns libros e arreglámolas ao noso xeito.

 

Finalmente, o día 23 celebramos o I Amadriñamento lector, no que os máis maiores do cole leron contos aos máis pequenos. Foi unha experiencia ben fermosa!

 

Visita dos Axentes Forestais

 

Recibimos a visita novamente dos Axentes Forestais, que volveron incidir na importancia da preservación da nosa contorna e do coidado da Natureza. Coa súa axuda plantamos tres árbores no noso patio. Moitas grazas!

Distribuir contido