A nosa benvida ao CEIP Martagona
A nosa benvida ao CEIP Martagona
Ao longo do mes de decembro púxose en marcha unha dinámica de actividades lúdicas para dalgún xeito, darlle utilidade ao espazo do soportal. Habilitouse unha zona interior para aquelas situacións que precisan dun entorno máis cálido.
No 2º trimestre comezaremos coas actividades de exterior, sempre que a climatoloxía sexa favorable.
Achegamos algunhas imaxes:
O pasado venres día 2 de decembro o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desprazouse ata circuíto da área recreativa da MAGDALENA en CASTROFEITO - O PINO para participar na modalidade Xogade (campo a través), a cal se enmarca dentro do proxecto de vida activa e deportiva (PVAD).
Foi unha xornada lúdica e de convivencia na que compartimos experiencias con outros centros.
Estes últimos días tiveron lugar diversas actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O alumnado do centro, de maneira colaborativa entre as etapas de infantil e primaria, levou a cabo a elaboración do mural que se pode ver nas seguintes imaxes.
A ANPA do centro organizou actividades para o fomento da igualdade dinamizada pola academia de ensino “O Pequeno Besbello”.
O concello coordinou varias xornadas lúdicas para o alumnado de 5º curso, sempre tratando de facer visible o 25-N.
Agradecemos, dende o centro, toda a colaboración recibida!
O pasado venres, celebramos no centro o Día do Peón e o xa tradicional Magosto.
A xornada comezou cos campionatos e exhibicións de peón realizadas polo alumnado de primaria, diante duns espectadores/as de luxo. Os grupos de 4º, 5º e 6º sacaron todos os seus trucos que con tanto agarimo ensaiaron durante a semana previa. Ademais disto, todos os cursos de primaria fixeron rodar o seu peón para ver cal era o que mellor “aguantaba o tipo”. O alumnado participante recibiu o seu diploma acreditativo desta nova edición.
Sempre que se practica deporte é importante recuperar enerxías, polo que tocou a quenda de comer as tradicionais castañas, acompañadas dun chocolate preparado pola ANPA. Grazas unha vez máis pola vosa colaboración.
Para rematar a xornada, o equipo de actividades complementarias preparou unha xornada de xogos tradicionais, os cales foron explicados polos alumnos de 6º con todo o seu bo facer.
As familias poderedes ver o vídeo da actividade, acompañado dun bo lote de fotografías que recibiredes de forma privada.
Na seguinte entrada trátase de explicar o proxecto de saúde que levaremos a cabo no centro, o cal está vinculado á materia de Educación Física e que concorre ao abeiro do plan de vida activa e deportiva (resolución do 20 de maio de 2022; plan proxecta +), proxecto no que nos confirmaron a aceptación da nosa solicitude a pasada semana.
Tal e como recolle o artigo 35 do Decreto 155/2022, do 15 de setembro o centro ten a obriga de integrar o plan de saúde no marco do proxecto educativo de centro (artigo 121; LOMLOE). Dito plan terá como principal obxectivo a posta en marcha de mecanismos para introducir e consolidar hábitos de vida saudábeis.
Nos meses de setembro e outubro levamos a cabo a avaliación inicial (orde do 20 de maio de 2022) a través de diferentes probas sociomotrices e tamén, de observación, as cales nos permitiron darlle forma e seleccionar as dinámicas que entendemos que son máis apropiadas segundo a situación deste centro en concreto.
As dinámicas que se levarán a cabo serán as seguintes:
Imaxe 1: Exemplo de alumnado realizando actividade deportiva fóra do centro.
(Ver imaxe adxunta 1)
Dita guía propón un almorzo fundamentado en comida real e saudábel, e á vez, algunhas pautas beneficiosas para a saúde fóra do centro educativo. Esta dinámica do proxecto consiste en que un día á semana (os venres) o alumnado prepare o seu almorzo cumprindo unhas pautas básicas de selección e variedade de alimentos. A guía de referencia é a seguinte:
Imaxe 2: Guía de almorzo saudábel.
(Ver imaxe adxunta 2)
Dende a titoría, levarase a cabo un sistema de puntuación diario, o cal se poderá ver na cortizas de educación física colocadas no ximnasio. Finalmente, cada mes, elaboraranse unhas clasificacións por clases tratando de buscar a motivación no alumnado.
Na seguinte imaxe poden ver algún exemplo de alumnado doutros anos:
Imaxe 3: Exemplos de almorzos saudábeis.
(Ver imaxe adxunta 3)
Nos seguintes enlaces poden ver algún exemplo do que trataremos de levar a cabo, xa que esta iniciativa foi pioneira en centros de Murcia.
Enlaces:
Independentemente do tratado aquí, o almorzo pode ser todo o sinxelo que vostedes consideren, baseándose en froita, por exemplo, sen necesidade de maior complicación. Vólvese a incidir en que é algo voluntario.
Imaxe 4: Exemplos de outras propostas.
(Ver imaxe adxunta 4)
Recalcar que calquera iniciativa que se leve a cabo fóra do centro terán rango de actividade complementaria, polo que segundo o artigo 69 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, teñen carácter voluntario. Isto quere dicir que non son avaliables, aínda que obviamente sempre que beneficie ao alumnado formarán parte do apartado tipificado como “actitude/disposición á práctica física-deportiva”.
O único obxectivo deste plan de saúde será empregar a actividade física como fármaco preventivo.
Grazas pola súa colaboración.
Este pasado venres 28 de outubro celebrouse o Samaín no noso centro. Cada grupo de alumnos/as desfrutou dunha festa de animación de 45 minutos de duración.
Premendo AQUÍ podes ver algunha das imaxes dese día.
Ademais disto, contamos coa participación de varias nais da ANPA que maquillaron ao alumnado antes de ir á festa. Agradecer o seu esforzo xa que estiveron durante varias horas desempeñando esta labor, cooperando na dinamización do Samaín. Incluso tiveron un detalle moi doce que os nenos e nenas agradeceron moito. Moitas grazas!
O 24 de outubro celebrouse o DIA DA BIBLIOTECA no noso Centro, o CEIP Martagona.
Este curso contamos coa axuda da nai dunha nena de 2º de Educación Primaria, Yenifer, que se ofreceu a vir contar o conto "Os tres porquiños e lobo famento" ao alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria. Estas son algunhas fotos:
Ademais, para o resto do alumnado de Educación Primaria, elaborou un conxunto de preguntas curiosas e interesantes sobre as bibliotecas do mundo. Os nenos e nenas aprenderon datos novos que lles chamaron moito a atención e disfrutaron do modo agradable e sumamente didáctico da sesión plantexada.
Moitas grazas a Yeni pola súa colaboración e ao equipo de biblioteca pola organización!!!
Segundo a Resolución do 5 de outubro de 2022, publicada no DOG o 14 de outubro, amplíase a axuda para adquirir material escolar, regulada na Orde do 29 de abril de 2022.
Nesta resolución establécese que o alumnado que foi beneficiario do vale de 50 euros recibirá un vale adicional de 25 euros.
As familias poderán recoller os vales dos seus fillos e fillas no Centro, no seguinte horario:
O horario do Equipo Directivo é o que aparece recollido no seguinte cadro. Prégase acudir ao centro para realizar calquera xestión nas horas indicadas.
Estimadas familias,
O equipo docente do CEIP Martagona quere darvos a benvida a este novo curso académico desexando un bo transcurso do mesmo.
Un cordial saúdo.
Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013 |