A nosa benvida ao CEIP Martagona                   

 

Día Internacional da Muller (8M)

Todos os días deberían ser unha nova oportunidade para darlle visibilidade a conmemoracións tan relevantes como o Día Internacional da Muller (8M). Dende o centro realizáronse varias actividades para visualizar a importancia de fomentar unha sociedade con pensamentos sensatos e coherentes coa igualdade de oportunidades.

Durante a semana, unha parte do alumnado desfrutou da representación de "Iriña bailarina", unha obra que desde o humor propón reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais. Amosamos a seguinte imaxe propiedade de “Turismo Melide”.

O mércores 8 de marzo o equipo de actividades complementarias e extraescolares organizou unha xornada que consistiu en: 

1) Breve presentación para dar a coñecer os motivos polos que se celebra esta conmemoración.

2) Escoitamos e cantamos a canción "Nais e avoas" da cantautora galega Pauliña.

3) Como acto simbólico, unha parella de cada aula colgou un mandil cun desexo relacionado con este día. 

Xunta de Galicia / Parlamento

O alumnado de 5º e 6º visitou algunhas das instalacións da administración galega, para deste xeito darlle continuidade aos contidos vistos na materia de ciencias sociais días atrás.

A primeira visita foi á Xunta de Galicia, na que recorremos as principais dependencias coa axuda dunha guía que de maneira moi detallada explicounos o día a día, tanto das persoas funcionarias, como dos diferentes cargos políticos que traballan no interior deste edificio. Logo, no Parlamento empapámonos da evolución da historia galega e descubrimos as principais funcións de dito órgano.

Agradecemos a posibilidade desta visita, así como as explicacións tan amenas e clarificadoras que recibimos.

 

  

Teatro en inglés

Os docentes de inglés organizaron unha actividade de carácter lingüístico, na que o alumnado desfrutou das seguintes obras de teatro:

1ª representación: “Wild, wild west” (Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de Educación Primaria).

2ª representación: “The sword on the stone” (4º, 5º e 6º de Educación Primaria).

 

ADMISIÓN 2023-2024

 

 

ADMISIÓN ALUMNADO CURSO 2023-2024

 

Proceso regulado na Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato (código de procedemento ED550B).

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES DE ADMISIÓN DO ALUMNADO: Do 1 ao 20 de marzo (ambos os dous incluidos)

 

Pode realizarse de dúas maneiras:

1. Na Secretaría do Centro, entregando a seguinte documentación:

      - Anexo II, de admisión do alumnado

    - Fotocopia do libro de familia ou equivalente (no que figure o/a alumno/a e demais membros da unidade familiar)

    - Fotocopia do DNI do alumno/a (se o tivera) e do pai/nai/titores legais

    - Certificado de empadroamento

    - Resolución de sentenza de separación ou divorcio (se fose o caso) coa sinatura de ambos proxenitores

Descargar Anexo II en galego

Descargar Anexo II en castellano

 

2. On line, a través da aplicación informática "admisión alumnado", ao que podes acceder pinchando no seguinte enlace:

https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/

 

 

 

 

 

 

Día de Rosalía de Castro

Como cada 23 de febreiro, dende o centro celebrouse a conmemoración do Día de Rosalía de Castro. O alumnado recitou algunha das letras da nosa benquerida poetisa. As familias poderán ver o vídeo da xornada que se enviará por abalar.

 

Ademais, o alumnado de 5º e 6º asistiu a diferentes xornadas de difusión da autora. 

Entroido 2023

 

A semana do Entroido soen ser días de algueirada permanente, na que o alumnado desfruta cos mandatos do Meco.

 

O venres 17 culminouse a semana co xa tradicional desfile polas rúas da localidade

 

 

Comezamos o Entroido

Este luns 6 de febreiro, grazas á invitación do CEIP Nº1 de Melide, acudimos ao Centro Sociocultural Mingos de Pita para coñecer máis de cerca o Entroido de Cobres, o cal se celebra no Concello de Vilaboa (Pontevedra).

O alumnado viu en primeira persoa a vestimenta típica de dita localidade, na que Madamas e Galáns amosaron diversas cores e flores cos seus traxes tan vistosos.

Ademais disto, puidemos desfrutar de varias pezas musicais, nas que alumnos/as e mestres/as dos centros de Melide puxeron o son para amenizar a xornada.

Moitas grazas pola invitación!

Taller de consumo

O pasado venres 3 de febreiro tivo lugar un taller de consumo para o alumnado da etapa de Educación Primaria, o cal foi posible grazas á colaboración do Instituto Galego de Consumo, dende o cal nos explicaron como poder levar a cabo un entroido seguro e sen riscos.

 

 

 

Carreira solidaria

Este 30 de xaneiro, Día da Paz, o alumnado do noso centro aproveitou para facer exercicio físico nunha carreira de carácter solidario, a cal tamén serviu para colaborar coa asociación “Unoentrecienmil”, a cal ten como obxectivo principal a loita constante contra a leucemia infantil.

Agradecer ao GRUPO JIM SPORTS pola cesión do arco de saída, e a todos os pais e nais que axudaron a cortar o tráfico para que se puidera levar a cabo a carreira con seguridade. Unha vez máis, moitas grazas a ANPA do centro pola súa colaboración.

 

 

Semana do Nadal

Nestas semanas tan especiais para todos/as e, en particular para os/as máis pequenos/as, o CEIP Martagona decorou os corredores do centro con centos de agasallos feitos polos nenos e nenas, en colaboración coas súas familias.

 

Na mañá do mércores 21 tivemos unha visita que nos fixo moita ilusión; o Apalpador. Este veu acompañado de varios axudantes que aportaron música e agasallos para o alumnado e profesorado. Unha vez máis, moitas grazas a ANPA do centro pola súa labor.

 

Despedimos o trimestre visitando as salas de cine de Lugo, poñendo o broche final a este ano.

 

Aproveitamos para desexarlle un bo Nadal a toda a comunidade educativa, así como un próspero ano 2023.

 

Powered by Drupal - Design by artinet