A nosa benvida ao CEIP Martagona                   

 

Letras Galegas

Con motivo da celebración das Letras Galegas o concello organizou varias actividades para o alumnado dos diferentes cursos, e ademais, dende o centro realizouse unha xornada que axudou a acercar a cultura galega aos máis cativos.

Tivemos a sorte de contar coa Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), cos que puidemos desfrutar dunha xornada de xogos populares, na que, tanto o alumnado como o profesorado compartiron momentos de ocio favorecendo unha preciosa convivencia entre todos e todas. Recoñecemos a labor desta asociación que naceu coa finalidade de investigar e divulgar o patrimonio lúdico de Galicia. Agradecemos a colaboración da ANPA con esta actividade.

Podedes ver a galería de imaxes premendo enriba da seguinte imaxe:

Ademais disto, contamos co mago Dani, o cal nos fixo pasar un momento entretido e divertido.

 

Saída pola vila de Melide / Visita ao Politécnico

Saída de 1⁰ de Educación Primaria pola vila de Melide, guiados por Cristina do museo da Terra de Melide. Percorremos o antigo trazado da muralla aprendendo moitas curiosidades, guiándonos por un plano, e visitando brevemente o propio museo. 

A actividade encádrase dentro da unidade didáctica de ciencias sociais que tratou sobre paisaxe e entorno urbano, na que o alumnado aprendeu diferentes aspectos sobre as cidades, vilas e aldeas e, concretamente sobre Melide; o mercado e a feira, a gastronomía, os lugares de interese, as festas, entre outros.

Premendo enriba da imaxe podedes ver o álbum de fotos.

Tamén aproveitamos para achegar diferentes fotografías do alumnado de 5º e 6º na súa visita ao politécnico de Lugo (Premer enriba da imaxe).

 

Semana do libro

A conmemoración da semana do libro é unha das máis populares debido ás diferentes visitas que temos no centro. O venres 21 de abril contamos coa presenza da mestra e escritora Mª Xosé Lamas.

O venres 28 de abril visitounos a escritora Ana Meilán.

O alumnado de 6º percorreu as aulas lendo unha carta dunha nena apadriñada pola ANPA.

Ademais disto, a biblioteca municipal “Xosé Vázquez Pintor” convidou ao alumnado de Educación Primaria a diferentes actividades.

 

Dance Revolution

Neste semana comezamos coa dinámica de "Dance Revolution", para a cal achegamos as fichas cos diferentes pasos para que poidades practicar na casa con familiares e incluso amigos/as.

Enlace fichas (Preme AQUÍ)

Enlace pistas musicais (Preme AQUí)

Como xa sabedes, podedes mandar mostras do voso traballo á seguinte dirección de correo electrónico: ticsmartagona@gmail.com

Esperamos que o pasedes moi ben e, sobre todo, que coidemos todos e todas o noso corpo.

Obradoiro de repostaría

DÍA MOI DOCE

O pasado 12 de abril, o alumnado de 6º nivel de Educación Primaria achegouse ata a panadaría Tahona de Melide para realizar un obradoiro de repostaría: mesturaron ingredientes, cortaron masa, picaron améndoas, encheron máquinas coa masa, moldearon melindres, colocaron doces nas latas para ir ao forno... Foi unha maña de intensa actividade!!!

Aprenderon o proceso de elaboración de varios doces típicos de Melide como son os melindres, os amendoados e os ricos e, ademais, foron os verdadeiros partícipes destes produtos que, despois, degustaron na mesma panadaría.

Nestas imaxes, podedes ver a implicación do alumnado nas tarefas de preparación destas marabillas culinarias.

Agradecemos enormemente as explicacións de Patricia, Raquel e Naikari, o seu amable acollemento e os seus agasallos en forma de larpeiradas. Todo... rico, rico!

Probas DAFIS

A participación no Proxecto de Vida Activa e Deportiva (PVAD) fomenta que o centro estea incluído na sub-modalidade DAFIS, a cal consiste na aplicación dunha batería de probas psicomotores que serven para determinar unha valoración física.

Preme AQUÍ para ver as imaxes dese día.

Coa publicación da nova guía (publicada este 2023) podemos determinar o nivel de saúde do que dispón cada alumno/a, e para iso, o alumnado de 5º e 6º actuaron como docentes por un día, sendo os/as encargados/as de valorar aos niveles de 1º e 2º.

 Unha organización levada a cabo con toda a profesionalidade posible. Parabéns polo esforzo!

 

Xornada de convivencia

Os CEIPs de Melide decidimos organizar unha xornada de convivencia para o alumnado de 5º e 6º, co obxectivo de desfrutar de actividades de cooperación, aproveitando tamén para coñecer a diferentes compañeiros/as.

A xornada comezou ás 10:00 h, facendo unha pequena pausa para merendar ás 11:15 h e rematando ás 13:45 h

O alumnado estaba dividido en 10 grupos internivel (os 3 centros mesturados). Foron pasando polas diferentes actividades propostas dende os centros, coñecendo como traballan a materia de Educación Física os diferentes mestres, tendo todo tipo de experiencias.

Unha xornada que de seguro repetiremos en vindeiras ocasións.

 

Almorzo en Educación Infantil

Para traballar con moitas ganas e concentración precísase ter alumnos/as fortes, polo que o alumnado de Educación Infantil desfrutou dun saboroso almorzo que prepararon xunto coas súas mestras.

 

Visita á biblioteca

O alumnado de Educación Infantil desfrutaron na Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor do contacontos Estafalaria da compañía Xarope Tulú.

Grazas a esta visita, os/as alumnos/as descubriron a importancia da diversidade como algo enriquecedor.

Achegamos a seguinte imaxe propiedade do Concello de Melide:

Día Internacional da Muller (8M)

Todos os días deberían ser unha nova oportunidade para darlle visibilidade a conmemoracións tan relevantes como o Día Internacional da Muller (8M). Dende o centro realizáronse varias actividades para visualizar a importancia de fomentar unha sociedade con pensamentos sensatos e coherentes coa igualdade de oportunidades.

Durante a semana, unha parte do alumnado desfrutou da representación de "Iriña bailarina", unha obra que desde o humor propón reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais. Amosamos a seguinte imaxe propiedade de “Turismo Melide”.

O mércores 8 de marzo o equipo de actividades complementarias e extraescolares organizou unha xornada que consistiu en: 

1) Breve presentación para dar a coñecer os motivos polos que se celebra esta conmemoración.

2) Escoitamos e cantamos a canción "Nais e avoas" da cantautora galega Pauliña.

3) Como acto simbólico, unha parella de cada aula colgou un mandil cun desexo relacionado con este día. 

Powered by Drupal - Design by artinet