O recuncho de Abadiño: blog de biblioteca

PDI "Parabéns Google".

Proxecto documental integrado "Parabéns Google" conmemorando os 25 anos da aparición de Google. 

 

 

Feito con Padlet

EXPERIMENTOS CIENCIAS ED. INFANTIL

Traballo realizado polo alumnado de 6º de Ed. Infantil por medio da Maleta Snacklab proporcionada pola Aula Nova do CAFI.

 Clicar na imaxe para ver o vídeo.

VOLVEN AS MOCHILAS VIAXEIRAS.

Regresamos un curso máis coa actividade das Mochilas Viaxeiras. Este curso retrasámonos un pouco porque as renovamos todas. Démoslle unha volta ao contido das mochilas pensando nos materiais como unha fonte de coñecemento e gozo para todas e todos vós. A idea é que na casa compartades e gocedes cos libros en familia, valorando os diferentes tipos de lectura.

O funcionamento da mochila segue a ser o mesmo: irá para as casas os venres e terá que estar de volta o venres seguinte para que poida continuar rulando. No caso de que un venres non sexa lectivo, devolverase o día lectivo anterior ou posterior.

Grazas a todos/as pola vosa colaboración.

 

"INSECTOS E BECHOS NO LAMAS"

Documental elaborado polo alumnado de 5º de Ed. Infantil "A" durante o 1º trimestre: "INSECTOS E BECHOS NO LAMAS"

Parabéns polo traballo e por toda a información que nos  aportades.
Clicar na imaxe para ver o vídeo.

25N EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Durante a pasada semana a biblioteca abriu de para en par a súa porta violeta para loitar contra esa lacra que é a violencia de xénero. Expuxemos distinta biografía relacionada con esta temática e participamos activamente na Carreira do venres 25 co fin de concienciar a toda a comunidade educativa deste grave problema.

  

 

                                    

Obradoiro Contos de Medo-Samaín

O pasado 28 de outubro, despois duns anos de restricións a causa da COVID, desde a biblioteca  poidemos levar a cabo o noso tradicional "Obradoiro de Contos de Medo" co gallo da celebración do Samaín.

A actividade consistiu en que, durante a hora de ler, nos diferentes espazos do centro: aulas, biblioteca,... tiveron lugar diferentes sesións de contacontos na que a temática principal foi o medo. Previamente, o alumnado apuntouse á sesión a que quería asistir.

O profesorado foi o encargado de preparar as lecturas.

Desde aquí damos as grazas ao profesorado pola súa participación e, en especial, ao profesorado en prácticas que tamén se implicou no desenvolvemento desta actividade.

Para que vos fagades unha idea de como transcurriu este obradoiro premede na imaxe.

contos_medo

VOLVE ABADIÑO-APERTURA BIBLIOTECA

Este luns 3 de outubro volve abrir a biblioteca, tanto nos recreos coma pola tarde.

 Durante os recreos a biblioteca estará aberta os luns, mércores, xoves e venres para todo o alumnado ate completar aforo. Os recreos dos martes deixámolo para que se reúna o Club de Lectura "Os pasapáxinas" que botará andar en breve co alumnado de 4º de primaria. Para o uso de ordenadores establécense as seguintes quendas:

LUNS: 1º e 2º de primaria.

MÉRCORES: 3º primaria.

XOVES: 4º primaria.

VENRES: 5º e 6º de primaria.

Xa temos o grupo de voluntarios/as de 6º de primaria que nos acompañarán ao longo de todo o curso. Agradecemos a todos/as o seu ofrecemento e entusiasmo para botarlle unha man a Abadiño.

Para inaugurar a biblio, Abadiño quere que lle axudades a decorar o mural do "Ladrón de Follas". Para iso, tedes que escribir nunha folla (están na biblioteca) palabras que vos gusten relacionadas co Outono e logo pegalas no mural, como xa fixeron os voluntarios a semana pasada.

O horario de tarde é de luns a xoves de 16:30 a 18:30 e mellor con reserva previa non vaia a ser que cheguedes e estea o aforo completo. Para a reserva mandar correo a: ceip.lamas.abade@edu.xunta.gal

Vémonos entre libros!! 

 

 

EN MARCHA!

Un curso máis Abadiño está de volta e xa puido sacar a máscara, polo menos de momento. A partir do 3 de outubro abriremos a biblioteca durante os recreos e polas tardes de luns a xoves de 16:30 a 18:30.

Para os recreos a entrada será libre para todo o alumnado de primaria (respectando a capacidade) excepto os martes que so se abrirá para o Club de Lectura “Os pasapáxinas”. Para o uso de ordenadores establécese a seguinte quenda:

LUNS: 1º  e 2º de primaria.

MÉRCORES: 3º de primaria.

XOVES: 4º primaria.

VENRES: 5º e 6º primaria.

               En canto ao servizo de tarde, como viñamos facendo estes cursos anteriores, as familias do alumnado de primaria terá que solicitar cita previa por correo electrónico para evitar problemas de capacidade. O alumnado de Infantil poderá asistir se está acompañado dun adulto.

A través da conta: ceip.lamas.abade@edu.xunta.gal indicarase:

 - Nome e apelidos do neno/a:

- Curso:

  -  Día e Hora: * se vai a ser usuario/a de xeito sistemático (todos os martes de 16:30-17:30 por exemplo) con mandar un correo indicando esta circunstancia chegaría. Non fará falta mandar aviso todas as semanas.

 - Ten permiso para saír só?

Ademais informamos que fixemos a convocatoria para os voluntarios/as da Biblio para o alumnado de 6º de primaria e que poñeremos en marcha o club de lectura para o alumnado de 4º de primaria.

Estade atentos tamén porque a partir de agora o Recuncho de Abadiño está aloxado no espazo corporativo http://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplamasabade/recunchoabadino Podedes acceder desde este enlace e tamén desde a web do colexio.

Estamos desexando vervos de novo pola Biblioteca.

Aburiño!

Distribuir contido