CDU e escornabots

Como primeira actividade escornabótica presentamos estas plantillas para afianzar o coñecemento da CDU entre os rapaces.

Por unha banda temos a plantilla do xogo, (para imprimir en A3), que ten unha serie de imaxes que representan os valores da CDU, e pola outra banda unha plantilla cunha serie de cubertas de libros de distintas temáticas.

Esta segunda plantilla está pensada para recortar como se fose unha baralla de cartas, que se poñerá boca abaixo no taboleiro do xogo.

Un alumno collerá unha carta e, á vista do título, decidirá en que apartado da CDU vai catalogar o libro. Logo terá que programar ao escornabot para que se dirixa a ese punto.

Se chega a outro valor distinto perde a súa quenda, e pasa a xogar outro compañeiro.

Se atina, e chega ao seu lugar de destino, queda coa carta.

Quen teña no seu poder máis cartas ao remate do xogo gaña.

É doado, non si?

Pois iso, a xogar!!!