Skip to Content

Articles

Composteiro - Agasallo do Concello de Coristanco

Estimadas familias: Este xoves, 13 de abril, o alumnado de 1º e 3º curso de Educación Primaria tivo a oportunidade de asistir a unha sesión de formación sobre compostaxe doméstica dentro da campaña promovida polo Concello de Coristanco, en colaboración con SOGAMA. Grazas á proposta do Concello xa dispoñemos de outro composteiro máis no colexio que nos vai permitir que o alumnado contribúa de forma directa na xestión dos residuos orgánicos que se producen no centro tanto nos que xeran directamente a través das merendas como o resultante do uso do servizo de comedor escolar. O coidado do medioambiente correspóndese ademais con varias das accións para alcanzar os "Obxectivos e Metas de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030", como é o caso do obxectivo 11 "Cidades e Comunidades Sostibles", o obxectivo 12 "Produción e Consumo Responsables" e o obxectivo 13 "Acción polo Clima". Deixamos fotos e vídeos ilustrativos da actividade nos arquivos adxuntos. Un saúdo. O equipo directivo. 

Axudas de estudos para o 2º Ciclo de Educación Infantil e estudos de Grao Elemental ou Profesional no Conservatorio Profesional de Música de Carballo. 2022-2023

Estimadas familias: O Concello de Carballo abre hoxe o prazo para presentar as solicitudes das Axudas de Estudos para o alumnado do 2º Ciclo de Educación Infantil e estudos de Grao Elemental ou Profesional no Conservatorio Profesional de Música de Carballo. As axudas están destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Carballo. O prazo remata o xoves, 4 de maio de 2023.

Nos documentos adxuntos figuran as bases, o modelo de solicitude e información sobre a convocatoria. De todas formas, o modelo e as bases da convocatoria tamén figuran pa páxina web do Concello. As solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica (http://sede.carballo.gal) ou nos rexistros do Concello de Carballo.

O horario de atención ao público, nas oficinas da Concellaría de Cultura do Concello de Carballo para recibir a información que necesitedes será de luns a venres, de 11:00h a 12:30h.

Instrución pola que se precisan aspectos da avaliación

Estimadas familias: Publicamos o documento onde se recolle a Instrución 2/2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se precisan aspectos da Orde do 2 de marzo de 2021 pola que se regula o dereito do alumnado á obxectividade na avaliación. Un saúdo. O equipo directivo. 

Instrución pola que se precisan aspectos da avaliación

Estimadas familias: Publicamos o documento completo onde se recolle a Instrución 2/2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se precisan aspectos da Orde do 2 de marzo de 2021 pola que se regula o dereito do alumnado á obxectividade na avaliación. Un saúdo. O equipo directivo. 

Composteiro - Agasallo do Concello de Carballo

Estimadas familias: O pasado venres, 17 de marzo o alumnado do grupo de 4º curso de Educación Primaria tivo a oportunidade de montar e inaugurar o primeiro composteiro do colexio. Esta iniciativa foi posta en marcha polo Concello de Carballo dentro do programa "Carballo limpo, mellor así". Agardamos que ao longo do curso consigamos encher o composteiro coa colaboración do alumnado de Educación Infantil que deposita no composteiro diariamente os residuos orgánicos que xeran as súas merendas. Tamén contamos coa colaboración do persoal de cociña e das colaboradoras de comedor que seleccionan os residuos que se xeran durante o servizo. Moitas grazas a todas e a todos por colaborar e contribuír así a coidar do medioambiente. No adxunto deixamos fotos ilustrativas da actividade. Un saúdo. O equipo directivo. 

Acoges+ Galicia - Aldeas Infantiles

Estimadas familias: A través desta publicación damos difusión ao "Proxecto de Acollemento Familiar Especializado" de ALDEAS INFANTILES SOS. Está dirixido a todas aquelas familias que poidan estar interesadas en darlle unha oportunidade a nenos, nenas e adolescentes que, por diversas razóns, non poden crecer xunto á súa familia biolóxica e necesitan atopar a unha familia de acollida que lles brinde a oportunidade de crecer nun fogar cálido, estable e seguro e que lles axude a reconstruír a súa historia para que poidan vivir dunha forma positiva, amable e feliz. O proxecto "Acoges+" está financiado polo Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 con fondos da Unión Europea. Un saúdo. O equipo directivo. 

Para máis información podedes consultar na web: www.casaconfamilia.com

Deixamos no documento adxunto información sobre o proxecto. 

 

Fálame moito e ben

Estimadas familias: Este mércores, 8 de marzo, ás 18:00h, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo achega á Biblioteca Rego da Balsa un obradoiro sobre cando e como estimular a linguaxe nun contexto coma o noso, onde conviven dous idiomas. O obradoiro será impartido pola psicóloga Raquel Bello Varela, do equipo Oikos, e incluirá diferentes materiais con actividades destinadas a estimular a adquisición lingüística nas crianzas, xogos e cancións.

A duración aproximada será de 90 minutos.

Público ao que está destinado o obradoiro: Adultos educadores e familiares que esperen unha crianza ou que teñan unha de ata 6 anos.

Incricións: Capacidade limitada, con inscrición telefónica previa, desde as 10:00h da mañá, no 981.758.580.

Acceso: Deberanse seguir as indicacións do persoal bibliotecario á hora de ocupar o espazo no que se desenvolverá a actividade.

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Charla - Plan Director - 2022-2023

Estimadas familias: Hoxe terá lugar a charla do Plan Director dirixida a familias do alumnado de 1º a 6º curso de Educación Primaria. Como xa vos fixemos saber, era necesario confirmar asistencia a través dos titores e titoras dos/das vosos/as fillos/as para poder organizar a actividade da mellor forma posible. A charla será impartida por un membro da Garda Civil que se desprazará ao centro e que tamén estará dispoñible para resolver todas aquelas dúbidas que desexedes plantexarlle relacionadas coa temática da formación. O horario da actividade é de 16:30hs a 18:00hs. Rógase puntualidade no horario de chegada ao centro. Moitas grazas pola vosa participación. Un saúdo. O equipo directivo. 

Admisión alumnado. Curso 2023-2024

Estimadas familias: Este mércores, 1 de marzo, empeza o prazo para xestionar o proceso de admisión de alumnado para o curso 2023-2024. Deixamos a información nos documentos adxuntos. Un saúdo. O equipo directivo. 

Reserva de praza para o alumnado de 6º Curso de Educación Primaria no centro adscrito (IES Isidro Parga Pondal)

O prazo de presentación de solicitudes é desde o día 16 de xaneiro ata o 6 de febreiro e diríxese ao alumnado de 6º Curso de Educación Primaria que continuará os estudos no IES Isidro Parga Pondal.

As familias poderán cumprimentar as solicitudes de reserva de xeito manual ou a través da aplicación http:www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/

Para presentar unha solicitude deberá seguir algunha das opcións descritas a continuación:

1.Cubrir a solicitude informaticamente e presentala asinada de xeito manual no centro:

Instrucións para o pago telemático da taxa de comedor escolar

Estimadas familias: Dado que hai familias que manifestaron o seu interese por realizar o pago da taxa polo uso do comedor escolar de forma telemática, deixamos a información e os enlaces a vídeos explicativos de como debe realizarse o proceso de aboamento mensual. Na páxina 18 dos documentos en .PDF figuran as instrucións paso a paso do procedemento a realizar. Un saúdo. O equipo directivo. 

Estrea do documental "Coa terra nas mans"

Estimadas familias: Hoxe tivo lugar a estrea do documental "Coa terra nas mans" (elaborado pola produtora Tex 45 coa colaboración do Concello de Coristanco e a Deputación da Coruña) que se centra no cultivo da pataca, na importancia que tivo para a poboación do Concello de Coristanco e na grande repercusión que acabou obtendo as características deste tubérculo tan habitual na nosa vida diaria. A pataca contribuíu a mellorar a calidade de vida de moitas familias da comarca que fai moitos anos tiñan como principal fonte de ingresos o froito do seu traballo co gando e a agricultura. A día de hoxe a pataca de Coristanco ten un recoñecido prestixio polo seu sabor único e característico e a súa propia festa no mes de setembro. Para poder ver o documental completo e outros materiais só necesitades acceder á páxina: www.coaterranasmans.com. Un saúdo. O equipo directivo. 

Boas Festas!

Estimadas familias: Hoxe finalizamos o primeiro trimestre deste curso e agora toca descansar un pouco e agardar a que comece un novo ano cheo de novos plans, ilusións e moita felicidade. As clases empezan de novo o luns, 9 de xaneiro. Felices Festas! Un saúdo. O equipo directivo.

"Coa terra nas mans" - Documental sobre a pataca de Coristanco

Estimadas familias: A produtora de televisión Tex45 Producións está a desenvolver un documental chamado "Coa terra nas mans" sobre a pataca de Cosirtanco, en colaboración co Concello de Coristanco e a Deputación da Coruña. Todas aquelas familias que estean interesadas en colaborar co documental poderán facelo de distintos xeitos e achegando diferentes tipos de documentos: fotos antigas da vida no rural e da "Festa da Pataca", ilustracións creativas sobre o "Mundo da pataca", textos explicativos relacionados co tubérculo, os traballos que leva consigo o seu cultivo, se nos domicilios do alumnado ou familiares se dedican a cultivar a pataca, debuxos sobre o traballo no rural e as súas peculiariedades e costumes... Textos que recollan lembranzas curiosas sobre a pataca, a súa festa conmemorativa, as posibilidades que ofrece o tubérculo para formar parte de infinitos pratos que forman parte do menú habitual de moitos galegos e galegas e, por suposto, dos visitantes que se achegan a Galicia a degustar os exquisitos pratos cos que nos agasallan os numerosos locais dedicados á gastronomía que se espallan por todo o territorio.



by Dr. Radut