Título node Learning object

Fotografía en curso
Mér, 16/07/2014 - 11:00

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Cultura, Educación e Universidade
    • Filmoteca de Galicia - AGADIC

Ámbito: promoción da cultura / patrimonio/ arte / territorio
Definición:

Fotografía en curso é un programa internacional que en Galicia coordina a Filmoteca de Galicia e no que participan alumnos e alumnas de moitos territorios e de contextos socioculturais diversos compartindo unha metodoloxía e referentes comúns. É un programa de difusión e pedagoxía da creación fotográfica que implica diferentes axentes e ámbitos: museos e centros de arte, fotógrafos, docentes, centros educativos, barrios, aldeas e municipios.

Ao longo do curso escolar, en horario lectivo e acompañados polos seus docentes, os alumnos participantes elaboran un proxecto fotográfico que pon en valor e da a coñecer a súa contorna máis próxima.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 4. Educación de calidade
  • ODS 10. Redución das desigualdades
  • ODS 5. Igualdade de xénero

Temporización: curso completo.
Alumnado ao que vai dirixido: primaria, ESO, bacharelato, ciclos formativos e educación especial
Límite de centros participantes: 6 (con posibilidade de incrementar o número de centros en función dos recursos do programa)
Límite de docentes participantes por centro: 4 (unha persoa coordinadora e tres docentes máximo como participantes). Poderase argumentar a necesidade de incorporar máis docentes.
Criterios de selección:

  • Priorizaranse centros públicos
  • Calidade do proxecto presentado: Presentación do centro: características e traxectoria. Motivacións do centro para participar no proxecto. Posibles propostas de organización (curso, número de alumnos, horarios, materias ou áreas nas que se enmarcaría o proxecto, etc.). Motivacións persoais dos docentes directamente implicados e previsión da dedicación do docente responsable do proxecto tanto para o traballo co alumnado como para a coordinación, a xestión dos materiais na web e as demais tarefas como o seguimento do alumnado no caso de illamento. Valorarase a capacidade de articular contidos transversais a partir da fotografía.
  • Posibilidade de organizar saídas fora do centro para a realización dun proxecto fotográfico.

Persoa responsable:

Nome: Mónica García Iglesias.
Departamento: Filmoteca de Galicia
Teléfono: 881 881 269
Correo electrónico: monica.garcia.iglesias@xunta.es


Xustificación

Fotografía en curso é un programa internacional que en Galicia coordina a Filmoteca de Galicia e no que participan alumnos e alumnas de moitos territorios e de contextos socioculturais diversos compartindo unha metodoloxía e referentes comúns.

Obxectivos

  • Desenvolver as potencias pedagóxicas da fotografía nas escolas e institutos dentro do horario lectivo.
  • Transmitir a fotografía como arte, cultura e creación
  • Propiciar o descubrimento do patrimonio fotográfico e a fotografía contemporánea
  • Xerar un retrato do territorio a través dunha proposta de prácticas creativas compartidas.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia dixital
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencias sociais e cívicas
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor
  • Competencia en conciencia e expresións culturais

Metodoloxía

Fotografía en curso parte dun programa de prácticas e visionamentos compartidos por diversos centros educativos e dunha metodoloxía común elaborada ao longo destes anos. A través da formación aos docentes implicados nos proxectos se facilitan distintas ferramentas que permitan un descubrimento da contorna e da fotografía por parte dos alumnos a través de diferentes propostas de creación (espazos baleiros, retrato, luz e cor, etcétera) que poidan converterse en punto de partida para a elaboración dun proxecto fotográfico que culmine nunha exposición ou publicación.

No caso de que o proxecto o requira, valorarase a posibilidade de traballar cun/ha fotógrafo/a no centro educativo (a partir do mes de febreiro- marzo durante 4 horas e entre 6/7 xornadas).

Actividades

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Formación ao profesorado: presencial e de carácter obrigatorio nos principios metodolóxicos de Cinema en curso.

    A formación, incluida no Plan Anual de Formación do profesorado G2301111, se estrutura en 3 sesións a finais de outubro (4 horas), comezos de febreiro ou finais de xaneiro (4 horas) e mediados de marzo (4 horas). A asistencia dos docentes a todas as sesións de formación é imprescindible para o desenvolvemento do proxecto.

    Na formación desenvólvense contidos prácticos, metodolóxicos e instrumentais, e intercámbianse experiencias entre os docentes participantes.

  • Web de referencia: www.fotografiaencurso.org, onde teñen un papel central o apartado dedicado ao descubrimento de fotógrafos moi diversos (e a interacción coas súas fotografías) e o de exposición das fotografías realizadas polo alumnado.

  • Obradoiros: No caso de que o proxecto o requira, valorarase a posibilidade de traballar cun/ha fotógrafo/a no centro educativo (a partir do mes de marzo durante 4 horas e entre 6/7 xornadas).

  • Saídas: O proxecto promove o redescubrimento da contorna próxima e de realidades máis ou menos afastadas a través da fotografía. Todas poden realizarse coas cámaras de uso habitual dos centros educativos.

  • Un cartafol impreso e outro na rede con todos os materiais pedagóxicos necesarios para desenvolver o proxecto na aula

 

 

Produto final

 

Traballaremos ao longo de todo o curso a partir do visionamento e comentario de fotografías do fondo fotográfico da web www.fotografiaencurso.org para saír a realizar varias prácticas (que desenvolveremos previamente en cada formación cos docentes): Espazos baleiros; Diarios da luz; Retrato. Luz e rostro; Poéticas: meteoroloxías, horas do día. Ceos e nubes, Árbores.

A través da práctica fotográfica realizaranse proxectos documentaáis da contorna (oficios, espazos e memoria, retratos de...) que culminarán nunha exposición ou fotolibro. O profesorado irá compartindo a través da rede os materiais que van xerando os alumnos co equipo de Fotografía en curso coa finalidade de poder acompañar os procesos.

 

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto.

Criterios específicos

4. Capacidade de compartir no blog de Fotografía en Curso procesos de traballo e experiencias con outros centros e alumnado participante no proxecto e publicar os traballos finais na web de Fotografía en Curso.

5. Capacidade de descubrir a través da fotografía os valores patrimoniais, urbanísticos, sociais, culturais paisaxísticos e históricos da súa contorna.

6. Capacidade de traballar en equipo e integrar a todo o alumnado.

Menús Learning object node R

Sección