O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 35 centros educativos da provincia de Ourense

Xesús Vázquez Abad salientou o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa posta en marcha pola Consellería, e na que participan 12 centros máis ca na primeira

Mér, 30/01/2013 - 14:02
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 35 centros edu
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 35 centros educativos da provincia de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 35 centros educativos da provincia de Ourense, nun acto na delegación da Xunta na cidade das Burgas ao que asistiron máis de 70 membros das comunidades educativas destes colexios e institutos. Ademais, estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e a xefe territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; así como inspectores dos centros participantes.

Vázquez Abad agradeceu aos representantes dos centros a súa participación na segunda convocatoria dos contratos-programa”A Consellería non pode estar máis satisfeita coa resposta dos centros educativos e coa implicación e alto compromiso dos 231 profesores da provincia que participades nesta segunda convocatoria”, salientou. “Queremos reiterarvos o noso máis profundo agradecemento por ese interese que amosades día a día polo voso alumnado, e que demostrades buscando de forma desinteresada novas vías para abrirlles as portas cara a un futuro máis próspero”, dixo.

Actuacións desenvolvidas

Neste sentido, o conselleiro explicou que este ano asinan contratos-programa 12 centros máis na provincia ca na primeira convocatoria, o que supón que desenvolverán un 22,2% máis de actuacións a prol da mellora do éxito escolar que o curso pasado. En total, os 35 colexios e institutos da provincia desenvolverán 44 actuacións, delas 33 na liña de reforzo, acompañamento e apoio, 8 para a mellora da lectura da escritura e do cálculo, 1 para a mellora da convivencia e 2 a prol da excelencia educativa. Dos centros participantes, 9 asinaron hoxe contratos-programa en 2 liñas de actuación.

O obxectivo é que máis de 4.300 alumnas e alumnos da provincia poidan acadar, un incremento de máis de 2.400 estudantes beneficiados na provincia máis respecto do curso pasado.

Profesores de reforzo

Vázquez Abad destacou o esforzo económico realizado pola Consellería “nestes tempos de crise, investindo máis de 3,27 millóns de euros para respaldar estas actuacións, dos que máis de 324.000 euros se destinan a centros da provincia de Ourense”.

Así mesmo, salientou que este curso se mantén a dotación de profesorado a maiores para o desenvolvemento dos contratos-programa, un total de 65 docentes en Galicia, 6 deles na provincia ourensá.

Éxito da iniciativa

A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa cun total de 289 centros educativos de toda Galicia. Deste xeito quedou confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa, á que se presentaron 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

Os centros participantes no curso 2012/2013 desenvolverán un total de 417 actuacións, 256 delas para o reforzo, orientación e apoio; 91 de mellora da lectura, escritura e cálculo; 34 para a mellora da convivencia; 6 dirixidas á redución do abandono escolar; e 30 para favorecer a excelencia educativa. Un total de 99 colexios e institutos asinaron contratos-programa con 2 ou máis liñas de actuación.

O obxectivo é que se beneficien destes contratos-programa preto de 35.800 alumnas e alumnos de toda Galicia, grazas á implicación de 2.950 docentes, dos que 65 foron contratados a maiores pola Consellería, que inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros.