O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 31 centros educativos da provincia de Lugo

Xesús Vázquez Abad salientou o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa posta en marcha pola Consellería

Mér, 23/01/2013 - 13:53
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 31 centros
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 31 centros educativos da provincia de Lugo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 31 centros educativos da provincia Lugo, nun acto na delegación da Xunta na cidade da Muralla ao que asistiron máis de 60 membros das comunidades educativas destes colexios e institutos. Ademais, estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo; así como inspectores dos centros participantes.

Vázquez Abad agradeceu aos representantes dos centros a súa participación na segunda convocatoria dos contratos-programa, “especialmente a todos aqueles que o ano pasado participastes no Programa de Iniciativas de Mellora (PIM), que nós vos propuxemos, e que este ano vos integrades nos contratos-programa”. “A Consellería non pode estar máis satisfeita coa resposta dos centros educativos e coa implicación e alto compromiso dos 286 profesores da provincia que participades nesta segunda convocatoria”, salientou. “Queremos reiterarvos o noso máis profundo agradecemento por ese interese que amosades día a día polo voso alumnado, e que demostrades buscando de forma desinteresada novas vías para abrirlles as portas cara a un futuro máis próspero”, dixo.

Actuacións desenvolvidas

Neste sentido, o conselleiro explicou que este ano os centros lucenses desenvolverán un 17% máis de actuacións a prol da mellora do éxito escolar que o curso pasado. En total, os 31 colexios e institutos da provincia desenvolverán 48 actuacións, delas 28 na liña de reforzo, acompañamento e apoio, 11 para a mellora da lectura da escritura e do cálculo, 5 para a mellora da convivencia e 4 a prol da excelencia educativa.

O obxectivo é que máis de 3.800 alumnas e alumnos da provincia poidan acadar, un incremento de preto de 1.700 estudantes beneficiados na provincia máis respecto do curso pasado.

Dos centros participantes, 13 asinaron hoxe contratos-programa en 2 ou máis liñas de actuación diferente, chegando a 3 liñas nos casos dos IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz), Sanxillao (Lugo) e Xograr Afonso Gómez de Sarria.

Profesores de reforzo

Vázquez Abad destacou o esforzo económico realizado pola Consellería “nestes tempos de crise, investindo máis de 3,27 millóns de euros para respaldar estas actuacións, dos que máis de 363.000 euros se destinan a centros da provincia de Lugo”.

Así mesmo, salientou que este curso se mantén a dotación de profesorado a maiores para o desenvolvemento dos contratos-programa, un total de 65 docentes en Galicia, 6 deles na provincia de Lugo.

Éxito da iniciativa

A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa cun total de 289 centros educativos. Deste xeito quedou confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa, á que se presentaron 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

Os centros participantes no curso 2012/2013 desenvolverán un total de 417 actuacións, 256 delas para o reforzo, orientación e apoio; 91 de mellora da lectura, escritura e cálculo; 34 para a mellora da convivencia; 6 dirixidas á redución do abandono escolar; e 30 para favorecer a excelencia educativa. Un total de 99 colexios e institutos asinaron contratos-programa con 2 ou máis liñas de actuación.

O obxectivo é que se beneficien destes contratos-programa preto de 35.800 alumnas e alumnos de toda Galicia, grazas á implicación de 2.950 docentes, dos que 65 foron contratados a maiores pola Consellería, que inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros.