Título node Learning object

Novas funcionalidades na rede social educativa Redeiras
Ven, 19/10/2012 - 10:23
Redeiras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou fai 6 meses Redeiras, unha rede social educativa para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa.

Redeiras, ademais de ofrecer todas as funcionalidades propias de calquera rede social (creación de espazos privados ou públicos, grupos con intereses comúns,  intercambio de ficheiros, publicación de contidos personalizados ou de grupo, posibilidade de compartir ficheiros, intercambio de marcadores, publicación de contidos multimedia, servizo de mensaxería interna para uso exclusivo entre os usuarios da rede social, etc.), incorpora características específicas para ser usada como unha boa ferramenta nos grupos de traballo, proporcionando un espazo colaborativo en liña seguro, estable e con todas as funcionalidades necesarias.
 
Neste sentido, e seguindo coa súa liña de melloras e actualizacións periódicas, acábase de incorporar dúas novas funcionalidades para os seus usuarios e grupos:
 
Plantilla personalizada para grupos
 
Con esta funcionalidade os grupos teñen a posibilidade de personalizar o seu aspecto gráfico, seleccionando as cores e as imaxes de fondo que poderán aplicar a diversos elementos da pantalla principal do propio grupo.
 
Organización dos ficheiros en carpetas, para usuarios e grupos
 
Tanto os usuarios individuais como os grupos, dispoñen tamén doutra nova funcionalidade que posibilita a creación de toda unha estrutura de carpetas e subcarpetas para poder ter perfectamente organizados os seus ficheiros. A xestión dos ficheiros e das carpetas realízase nun entorno gráfico totalmente intuitivo e de fácil manexo.
 
Ao mesmo tempo incorpórase tamén a posibilidade de subir un grupo de ficheiros, comprimidos nun único ficheiro ZIP, que se descomprimirá automaticamente na carpeta seleccionada polo usuario.
 
Pode acceder a Redeiras na seguinte URL http://www.edu.xunta.gal/redeiras
 

Menús Learning object node R