Título node Learning object
Proxectos galegos gañadores do Premio Fundación Telefónica de Innovación Educativa 2012
Ven, 28/09/2012 - 10:40
Esta semana anunciáronse os gañadores dos Premios Fundación Telefónica de innovación educativa 2012. Os traballos premiados poden verse no seguinte enderezo web:
http://premioeducacion.fundaciontelefonica.com/archives/5272
Noraboa aos catro proxectos realizados en centros de Galicia! Son os seguintes:
Terceiro premio na modalidade A: traballos que responden ao uso pedagóxico de dar soporte á clase a partir de recursos dixitais de 15 a 17 anos. O autor é Francisco Mariño Domínguez, profesor do IES Porto do Son.
Trátase dunha páxina realizada con Netvibes que enlaza numerosos recursos utilizados por Francisco nas súas clases de Física e Química: presentacións, vídeos exercicios, imaxes... A destacar os seus mapas conceptuais e a web Quen é quen? na que fai unha contextualización histórica dos avances da ciencia.
Primeiro premio na modalidade B: traballos que responden ao uso pedagóxico de realizar tarefas a partir de recursos interactivos dixitais de 15 a 17 anos. Aventura gráfica situada na cidade de A Coruña en distintas épocas. Para executala é necesario ter instalado Java.
Está creada por dúas profesoras e un profesor do IES de Sabón: Sonia Vivero Nogueiras, Pilar Martínez Souto e Agapito Muñíz Sánchez.
Segundo premio na modalidade C: traballos que responden ao uso pedagóxico de realizar producións en pequeño grupo a partir de recursos dixitais de 3 a 8 anos.
Blog no que a profesora Concepción Villar Suárez, da EEI de Milladoiro, recolle a evolución das actividades realizadas polo alumnado do 2º ciclo de educación infantil: contos, producións audiovisuais, programas de radio...
Segundo premio na modalidade D: traballos que responden ao uso pedagóxico de traballar en proxectos interescolares na aula de 3 a 8 anos.
Proxecto colaborativo coa participación de tres centros para crear varios cortos que teñen como protagonistas os morcegos co obxectivo de fomentar a lectura e concienciar na conservación do medio ambiente.
As coordinadoras deste proxecto son Patricia Doval Rodríguez (CEIP Manuel Sieiro), Concepción Villar Suárez (EEI de Milladoiro) e Belén Rodríguez González (CPR Luis Vives).