Título node Learning object

Exposición "Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo"
Mér, 14/05/2025 - 14:30
Portada

A Cámara Oficial Mineira de Galicia, entidade que representa ao sector dos recursos minerais na comunidade, organiza con motivo do seu Centenario a exposición urbana "Tesouros da terra", unha mostra que percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia a través de paneis divulgativos.

As persoas visitantes descubrirán como esta actividade foi transformando a economía, a paisaxe e a cultura galega ao longo dos séculos: desde a procura de estaño por parte dos fenicios, pasando pola extracción de ouro na época romana e as ferrerías medievais, ata o auxe do volframio no século XX e o papel estratéxico dos minerais galegos para a actual transición enerxética.

A exposición poderase visitar na Praza de Lugo e na Rúa Compostela da Coruña entre o 2 e o 16 de xuño. Os centros educativos interesados en visitas guiadas poden contactar directamente coa Cámara Oficial Mineira de Galicia. Será unha boa oportunidade para que o alumnado descubra, dun xeito próximo e visual, a historia desta actividade en Galicia e a importancia que teñen os recursos minerais na nosa vida diaria.

Contacto: cmg@camaraminera.org