Título node Learning object
Dende a área de Didáctica do MARCO actualizouse a programación deste curso para escolares con novas propostas arredor de exposicións temporais, dirixidas a todo o alumnado de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato, dende os 3 ata os 18 anos.
A experiencia consiste nun percorrido polas salas de exposición, e unha actividade-obradoiro relacionado, que se leva a cabo na sala de Didáctica (Espazo Anexo) situada na praza peonil posterior. Tanto a visita como o obradoiro están especialmente adaptados aos distintos grupos, con propostas diferenciadas para cada tramo de idade.
Programación para todas as etapas educativas:
- Ata o 11 de abril, as visitas e obradoiros teñen como eixo a exposición de Susanne Themlitz: “A linguaxe das cousas mudas”, nos espazos da planta baixa, que ofrece múltiples posibilidades e está a ter unha grande acollida. A partir de maio, renovaranse contidos en función das novas mostras programadas nese trimestre. Poderase ampliar a información a través desta ligazón
Programación para ensinanza secundaria obrigatoria e bacharelato:
- A partir de marzo, proponse a mostra “A pegada das nais de Érguete: unha historia de amor e loita”, nas salas do 1º andar, que conmemora o 40ª Aniversario da Asociación Érguete cun proxecto expositivo que reúne fotografías, documentación, e obras de artistas contemporáneas, e que se acompaña dun programa educativo para escolares.
A participación é gratuíta e os grupos están limitados a 20 ou 25 participantes. En caso de grupos máis numerosos efectuaranse adaptacións na medida das posibilidades.
Horarios:
Martes, mércores, xoves e venres
1ª quenda: de 10.00 a 11.30 horas; 2ª quenda: de 11.30 a 13.00 horas.
Para participar, cumprirá efectuar a reserva a través do correo electrónico comunicacion@marcovigo.com ou ben en recepcion@marcovigo.com cos datos básicos:
- Nome do centro.
- Persoa de contacto (email + tfno)
- Nº participantes
- Cursos
- Idades
Para calquera dúbida ou consulta, tamén se pode contactar nos teléfonos:
986 11 39 00 extensión 200, ou ben na extensión 308