Título node Learning object

Cuestionario para detectar as necesidades do profesorado das seccións bilingües para unha correcta planificación dos cursos CALC 2012/2013
Ven, 16/03/2012 - 13:22
CALC

No pasado curso escolar a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, puxo en marcha os cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC), segundo o establecido no Artigo 5º da Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se regula o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O principal obxecto destes cursos é o de dar continuidade aos coñecementos adquiridos polo profesorado no dominio de linguas estranxeiras, así como facilitar a súa formación para a acreditación nos niveis A2, B1 e B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, do Consello de Europa.

Tendo en conta a boa acollida que tiveron estes cursos, organizados polos Centros de Formación e Recursos (CFR) en colaboración coas Escolas Oficiais de Idiomas de cada zona, e co obxecto de adecuar o máis posible a súa oferta á demanda que poda existir no próximo curso escolar 2012/2013, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) elaborou un cuestionario para detectar as necesidades reais do profesorado que está a impartir a súa materia nunha lingua estranxeira.

Debido ao amplo alcance desta iniciativa e para unha correcta planificación dos citados cursos CALC para o próximo curso 2012/2013, solicítase ao profesorado interesado na realización dos cursos (preferentemente profesorado que imparte, ou está en condicións de impartir a súa materia en lingua estranxeira en seccións bilingües ou centros plurilingües) que responda ao devandito cuestionario en liña entrando no curso “Enquisa cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC)” no enderezo http://www.edu.xunta.gal/centros/cafi/aulavirtual/course/view.php?id=236 utilizando a chave de inscrición CALC2012.

A data límite para cumprimentar a enquisa é o 30 de marzo de 2012.