Título node Learning object

XII Día das Rapazas nas TIC
Ven, 05/04/2024 - 07:41
Imaxe

O próximo xoves, 25 de abril, o Centro de Supercomputación de Galicia, a Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia organizamos o "Día das Rapazas nas TIC" (Girls in ICT Day), dirixido especiamente ao alumnado do último ciclo de centros de primaria e secundaria de Galicia. Este ano contamos tamén coa colaboración do CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela).

O Día das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que vexan as posibilidades e atractivo do ámbito das tecnoloxías para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.  Aquí está toda a información do movemento a nivel internacional. https://www.itu.int/women-and-girls/girls-in-ict/

Para celebralo, ese día no CESGA teremos dúas actividades, unha, virtual, para todos os centros de Galicia e outra, presencial, para alumnado dos centros próximos a Compostela:

COLOQUIO VIRTUAL DE TECNÓLOGAS GALEGAS CO ALUMNADO DOS CENTROS EDUCATIVOS
Un coloquio virtual dende centros educativos por streaming con 4 destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de secundaria poderá coñecer a súa traxectoria previa, o día a día do seu traballo, preguntar calquera dúbida sobre este eido profesional ou as motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido. A apertura institucional do evento será ás 10:45, e o coloquio comezará as 11:00 ata ás 12:30. (Info: https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/ ).

No mesmo poderedes participar con preguntas e comentarios dirixidos ás relatoras en directo. A parte técnica non será ningún problema, porque so require o acceso a través dun navegador web.

Para participar no evento da mañá, pódese inscribir ao grupo/centro no formulario do coloquio, na páxina: https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/

As participantes desta edición serán:

Antía Fernández é Enxeñeira de Telecomunicacións e directora da área de sistemas intelixentes do Centro Tecnolóxico das Comunicacións de Galicia -Gradiant en Vigo. Experta en tecnoloxías arredor dos datos: Intelixencia Artificial, a conectividade e a ciberseguridade. Ademais, traballa para a Comisión Europea como avaliadora e revisora ​​de proxectos e é profesora de tecnoloxías aplicadas á empresa en diferentes escolas de negocios e másteres universitarios.

Olalla Rama é graduada en Enxeñería Informática pola Universidade da Coruña, cun Máster en Ciberseguridade. A súa traxectoria profesional comezou ligada ao ámbito da ciberseguridade, concretamente orientada á auditoría de ciberseguridade (pentesting). Ademais, participa activamente en competicións CTF (Capture The Flag) nas que se poñen a proba os coñecementos e habilidades como hacker.

Lorena Fernández, matemática industrial, e técnica superior de investigación en Intelixencia Artificial aplicada á producción industrial, estivo traballando no Grupo Integrado de Inxeniería da UDC e despois no Centro Nacional de Enerxías Renovables (en Pamplona) en proxectos de investigación co obxetivo de resolver con sistemas de computación de altas prestacións problemas de interese académico e industrial da área de dinámica de fluidos.

Noemi Basanta é arquitecta especializada en Urbanismo. Tras pasar por diferentes estudos de arquitectura e deseño de escenografías, traballa nunha empresa de creación de espazos de xogo infantil: Galopín Playgrounds, que traballa por todo o mundo. Ten unha experiencia de quince anos nesta complexa actividade de intervir no espazo público para un usuario tan sensible como é a infancia, con influencia directa na sociedade.

As catro complementan cos seus perfis diversos unha realidade do mundo profesional na que as tecnoloxías xogan un papel moi importante e as veces non tan "evidente".

----

ROTEIRO DE EXPLORADORAS DIXITAIS: ACTIVIDADES E VISITAS GUIADAS
O mesmo día 25, de 17:00 a 19:00, temos programada para o alumnado da contorna de Compostela unha proposta divertida e didáctica para descubrir a actividade aoredor da tecnoloxía que se fai no CESGA e no CITIUS, con obradoiros, visitas adaptadas ao supercomputador FinisTerrae III e ao ordenador cuántico de Galicia Qmio, e demostracións das tecnoloxías máis actuais con que traballamos. Esa actividade enmárcase nun percorrido polo Campus da USC entre ambos centros, coñecendo a referentes históricas e actuais do mundo da tecnoloxía, e descubrir os logros tecnolóxicos alcanzados polo importante rol das mulleres no ámbito das TIC, todo iso baixo a guía das nosas científicas de CESGA e CITIUS. Ada Lovelace, a primeira programadora da historia, fará de guía no camiño! E para todas/os os que completen con éxito este “roteiro de exploradoras dixitais” haberá un agasallo final.

A actividade está limitada a 100 plazas. O formulario de inscrición publicarase na propia páxina web.

Para participar na actividade é imprescindible que a/o participante veña acompañada dun/ha adulto/a (*unha mesma persoa pode ser responsable de varios participantes).