Título node Learning object
O novo espazo web de educación viaria de Galicia Eucirculo ofrece á comunidade educativa galega un sitio de referencia das actividades e recursos que neste ámbito se ofrecen na nosa Comunidade. Este espazo temático está plenamente integrado no Portal Educativo da Consellería dentro do proxecto de reorganización do mesmo polo que xa se levan creados os novos espazos do Boletín Informativo, de Innovación Educativa, de Linguas Estranxeiras e de Atención á diversidade e Orientación.
Os dous bloques principais de Eucirculo, Actividades e Recursos, comparten na súa portada espazo coas campañas destacadas, un glosario de educación viaria e unha sección de ligazóns recomendadas que se irán completando coa colaboración dos centros e de todas as institucións e entidades que estean desenvolvendo programas e actividades de educación viaria en Galicia.
O máis recente ofrece toda a información publicada na web e na sección de Normativa irá aparecendo toda a lexislación educativa e formativa relacionada coa educación viaria.
No apartado de Recursos aparecerán informes, documentos, experiencias de boas prácticas nos centros, axudas, premios e ferramentas que favorezan o desenvolvemento da educación viaria nos centros e no seu contorno.
No bloque de Actividades iranse colgando todas aquelas accións que se ofrezan ou se teñan realizado nos centros e as actividades de formación que están a dispor dos implicados no proceso educativo. Neste eido, por exemplo, acábase de iniciar na Plataforma de Teleformación Galega (Platega) o curso “Estratexias didácticas de Educación para a Seguridade Viaria no ensino non universitario” no que participan 100 profesores ou ofrécense as gravacións en vídeo dos relatorios da Xornada de Educación para a Seguridade Viaria, en ambos casos actividades incluídas no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2011/2015. Outras iniciativas teñen que ver cos obradoiros ofrecidos polas Xefaturas Provinciais de Tráfico de Galicia ou campañas como a que se inicia coa inauguración de Eucirculo para sensibilizar á xuventude sobre as consecuencias dos accidentes de tráfico e que se abre hoxe baixo o título "Nun segundo...cambia a túa vida".