Título node Learning object

21 de marzo: Día Mundial da Síndrome de Down
Mér, 08/03/2023 - 10:11
Imaxe

O martes 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Síndrome de Down.

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración desta data, o 21 de marzo, como un símbolo en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21, que se traduce na condición xenética da Síndrome de Down.

Por este motivo, póñense a disposición do profesorado diversas propostas didácticas para levar ás aulas e derrubar falsos mitos sobre esta síndrome. Algunhas delas son as seguintes:

 

En todas as aulas pode visualizarse o vídeo divulgativo “Síndrome de Down. Guía rápida” elaborado pola Federación Down Galicia. Trátase dun vídeo curto de animación no que se explica de xeito moi sinxelo e visual que é a síndrome de Down. Ligazón ao vídeo:

https://youtu.be/wov5BIVmlXw.

 

Nas aulas de Educación Primaria poderíase traballar co vídeo “Cromoconto”, elaborado pola Federación Down Galicia, coa película “Valentina” (2021), ou con contos inclusivos como, por exemplo, “Por cuatro esquinitas de nada”, “El cazo de Lorenzo”, etc.

Versión Youtube:

Ademais, a través da seguinte ligazón ou na biblioteca dos centros educativos, pódese consultar o libro de Os Bolechas "Xela celebra o seu aniversario: unha historia sobre a amizade sen barreiras e a síndrome de Down", que Down Galicia elaborou para intentar explicar ás rapazas e rapaces máis pequenos o que é a síndrome de Down e para romper mitos e estereotipos sobre esta alteración cromosómica:

https://downgalicia.org/wp-content/uploads/2021/03/Libro_Down_Bolechas.pdf

 

Nas aulas de Educación Secundaria poderían amosarse perfiles e experiencias de persoas coa síndrome de Down e/ou ver películas ou documentais que amosen a realidade do colectivo como “Campeones” (2018) ou “La historia de Jan” (2016).

 

Así mesmo, todo o profesorado ten á súa disposición o “Protocolo de atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” no seguinte enlace: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25286.

Por último,  na seguinte ligazón pódese visualizar o vídeo “Como falar sen excluír nin discriminar”, elaborado pola Federación Down Galicia: https://youtu.be/vKQQ29YZyAk. Esta peza audiovisual está orientada a sensibilizar, positivizar e concienciar sobre a terminoloxía máis adecuada para referirse ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Pódese consultar toda a información sobre a campaña da Federación Down Galicia, así como outras dinámicas de equipo para traballar na aula a través da seguinte ligazón: https://downgalicia.org/dia-mundial-sindrome-down/.