Título node Learning object

2ª edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global
Ven, 09/09/2022 - 11:41
 2ª edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global

A Coordinadora Galega de ONGD abre a convocatoria da segunda edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global co propósito de recoñecer experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto.

Que é a Educación para a Cidadanía Global?

Dende a Coordinadora Galega de ONGD, entenden a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (ECG) como un proceso socio-educativo orientado a xerar conciencias críticas. Isto pasa por promover que as persoas sexan responsables e activas na construción colectiva dunha sociedade solidaria e comprometida coa erradicación da pobreza e das desigualdades e a favor da xustiza social global.

A ECG ten por obxectivo, pois, promover unha cidadanía que participe activamente na transformación da sociedade dende o ámbito persoal, comunitario e político.

Quen pode presentarse ao Premio?

Premiaranse experiencias educativas, proxectos e iniciativas pedagóxicas realizadas durante os dous últimos cursos escolares: 2020-2021 e/ou 2021-2022.

Poderán presentarse docentes ou equipos de docentes de centros de ensino e universidades galegas de titularidade pública, concertada ou privada oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación. Así mesmo, poderán facelo os grupos gañadores da anterior edición deste premio, sempre que o fagan con proxectos diferentes aos xa presentados.

Prazo e forma de presentación

O prazo de presentación de solicitudes e documentación rematará o 30 de outubro de 2022 ás 23:59 horas. A solicitude deberá presentarse por correo electrónico no enderezo premiogalegoed@galiciasolidaria.org indicando en Asunto “Categoría A”, “Categoría B” ou “Categoría C”, segundo corresponda.

Bases e máis información en

https://galiciasolidaria.org/ii-edicion-premio-galego-educacion/