A Comunidade Autónoma de Galicia vén de recibir tres premios a nivel nacional en materia de innovación e experimentación en formación e en orientación profesional

A Consellería de agradece ao profesorado o seu esforzo a prol da mellora na calidade educativa que fai posible a obtención destes recoñecementos

Mér, 21/12/2011 - 16:15

Once institutos galegos resultaron galardoados con tres premios de rango nacional, na categoría de innovación e experimentacións en materia de formación e orientación profesional. Os centros premiados no certame “Calidade e innovación en Orientación e Formación Profesional 2011” recibiron o seu recoñecemento o pasado luns na sede da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación de Madrid.

Os premios

O IES As Mercedes de Lugo recibiu un segundo premio, cun importe de 15.000 €, no apartado calidade e innovación na formación profesional co proxecto “Estratexias para o aforro  enerxético en instalacións agropecuarias” consistente en aproveitar a calor xerada nos tanques utilizados para arrefriar a leite producida nas explotacións lácteas para producir auga quente para uso domestico e calefacción. Este sistema permite aforrar máis de seis litros de gasóleo –ou o seu equivalente en enerxía eléctrica- por cada mil litros de auga que se quente, o que reduce os gastos da explotación gandeira e a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Un terceiro premio dotado con 10.000 €, recaeu no proxecto “Estandarización dos procesos implicados nas tarefas e funcións propias da orientación profesional e da acción titorial”, dentro do ámbito de calidade e innovación en orientación profesional desde o sistema educativo. Neste caso, o galardón foi para un grupo de nove orientadoras e orientadores doutros tantos centros educativos, - IES Praia Barraña, IES Campo de San Alberto, IES Brión, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Plurilingüe Fontexería, IES Xulián Magariños, CPI de Zas, IES Armando Cotarelo Valledor, IES Nº 1 da Estrada. Neste caso, o equipo de traballo, identificou os procesos clave que teñen lugar en materia de orientación profesional, coa finalidade de homoxeneizalos e poñelos a disposición da comunidade educativa, promovendo a creación dun modelo de xestión de calidade  en materia de orientación profesional.

Ademais destes dous premios a comunidade de Galicia, recibiu unha mención honorífica na modalidade de orientación profesional polo proxecto do IES de Chapela, “Os indicadores do camiño. Mirar con atención para chegar sen perderme”, centrado na atención a diversidade do alumnado de formación profesional.

Compromiso coa educación

Os tres proxectos poñen en evidencia un alto grao de compromiso, traballo e preparación por parte dos seus responsables. Unha vez máis se recoñece e valora as boas prácticas de profesores e de centros educativos da comunidade autónoma de Galicia, consecuencia do esforzo compartido na busca da mellora na acción educativa e profesional.

Os premios, convocados a nivel nacional polo ministerio de Educación, están dirixidos a profesores ou a equipos de traballo de centros nos que se imparte formación profesional coa finalidade de destacar actuacións exemplares nos ámbitos da calidade e innovación en formación profesional del sistema educativo e na calidade e innovación en orientación profesional desde o sistema educativo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere agradecer ao profesorado o seu esforzo a prol  da mellora da calidade educativa, que fai posible a obtención destes recoñecementos.