Título node Learning object

VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero
Mar, 02/11/2021 - 10:57
cartel do concurso

A Deputación da Coruña convoca a 8ª edición do "Concurso de guións contra a violencia de xénero" co obxecto de elaborar un guión de curtametraxe a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención da violencia vicaria como forma de control e dominación.

Preténdese que a través da elaboración do guión a poboación adolescente de entre 12 a 18 anos, creen debate, mobilización, e fomente a súa creatividade mentres reflexionan sobre a violencia exercida sobre as fillas/os da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de causarlle o maior sufrimento psicolóxico e na súa saúde, por parte de quen sexa ou fora o seu cónxuxe ou quen mantivo unha relación análoga de afectividade aínda que sen convivencia. Procurase a participación e compromiso da comunidade educativa como piar necesario para guiar e orientar no proceso de creación.

Outorgarase un único premio ao guión gañador que consistirá nun curso práctico de realización de curtas, no que se producirá o vídeo con base no guión gañador que se adaptará segundo as necesidades e onde as persoas participantes poderán ser partícipes e protagonistas en todo o proceso.

Así mesmo, outorgarase un premio en metálico de 4.000 euros ao centro educativo que titorice o guión gañador.
 

Centros destinatarios: centros educativos da provincia da Coruña (a solicitude será formalizada polo centro)
Alumnado destinatario: 12-18 anos
Prazo: ata o 30 de novembro de 2021

Pódense consultar as bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña