Título node Learning object

Calendario Científico Escolar 2022
Ven, 23/04/2021 - 10:57
Calendario

O equipo do Calendario Científico Escolar convida a todos os centros educativos a participar activamente na creación do próximo calendario 2022, a través da procura de aniversarios científicos e tecnolóxicos.

O tema que propoñemos é a vacinación, aproveitando a SEMANA MUNDIAL DA INMUNIZACIÓN que se celebra entre o 24 e 30 de abril e cuxo lema este ano é “As vacinas achégannos”. Esta semana representa unha oportunidade única para desenvolver accións que xeren confianza no valor das vacinas como un ben público que salva vidas, protexe a nosa saúde e permitiranos volver estar preto das nosas familias e amizades.

Se vos gusta a idea, animámosvos a participar! Escollede unha efeméride e enviádea ao correo electrónico (calendario.cientifico@csic.es).

Poden ser aniversarios que conmemoren o descubrimento e desenvolvemento de vacinas ou a erradicación de enfermidades a través da inmunización.

Seguindo a estratexia mundial “ One Health” (Unha soa saúde), gustaríanos lembrar a importancia da vacinación tanto en persoas como en animais, algo clave para garantir a saúde global. Para fomentar a participación, deixaremos aberto un amplo prazo ata o 23 de xuño.

E lembrade que estades a tempo de descargar o calendario científico escolar do ano 2021 con moreas de datos interesantes, actividades de aula e unha guía didáctica.

Ligazóns:
Web do Calendario Científico Escolar, con ligazóns para descarga gratuíta do calendario e guía didáctica 2021 (en 6 linguas, incluíndo o galego): http://www.igm.ule-csic.es/calendario-cientifico

OMS – Semana mundial da inmunización (en inglés): https://www.who.int/campaigns/world-immunization-week/2021