O boletín informativo da Consellería de Educación convértese en dixital e intégrase no portal educativo

Mar, 20/09/2011 - 18:26
O boletín informativo da Consellería de Educación convertese en dixital e intégr
O boletín informativo da Consellería de Educación convértese en dixital e intégrase no portal educativo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de comunicar que o seu Boletín Informativo convértese en dixital e intégrase no portal educativo.

Cómpre sinalar que desde o primeiro número que o Boletín Informativo editou no presente curso académico xa cambiou de soporte e quedou integrado no Portal Educativo da Consellería, na seguinte dirección web; /portal/boletin. A actualización dos contidos e a incorporación ao Portal melloran a accesibilidade e a facilidade de uso por parte dos usuarios.

Esta nova versión reparte a información en varias seccións: Plans, Programas e Convocatorias, Actividades Formativas, Formación, Lexislación e Enlaces de Interese. Ademais, conta tamén cunha hemeroteca, un Histórico que ofrece as informacións publicadas durante os últimos meses. Por outra banda, mantense a sección fixa de Publicacións da Consellería nun apartado localizado ao final da Portada.

Por último, a súa integración no Portal Educativo permite utilizar o buscador dun xeito máis eficaz, ofrecendo tamén a posibilidade de realizar unha Busca avanzada por criterios de “palabra”, “frase” ou “sección” do sitio web da Consellería.

Este cambio forma parte do proxecto de integración dos Sitios temáticos no Portal Educativo, que irá incorporando paulatinamente os xa existentes e ofrecerá novos espazos de Innovación Educativa, Lexislación e Atención á Diversidade e Orientación.

Deste xeito todos estes sitios web formarán parte da mesma estrutura, mellorando considerablemente a accesibilidade e facilitando a utilización eficaz dos recursos e da información ofrecida á comunidade educativa galega.