Máis de 40.800 estudantes e profesores galegos mellorarán as competencias en idiomas no curso 2011/2012 a través do plan de potenciación das linguas estranxeiras

A estratexia de fomento do plurilingüismo desenvolvida pola Consellería de Educación supera xa o número de cidadáns beneficiados previstos para o final da lexislatura

No segundo curso de aplicación do Plan haberá 110 centros plurilingües e 1.863 seccións bilingües

O número de persoas nativas que prestan o seu apoio en centros galegos quintuplícase este curso respecto dos que había no 2008/2009

Mér, 31/08/2011 - 13:35
Plan de potenciación das linguas estranxeiras
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, durante a rolda de prensa, acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educatica, José Luis Mira

Máis de 40.800 estudantes e profesores galegos poderán mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras no curso 2011/2012 a través das ensinanzas impartidas nos colexios integrados na Rede Galega de Centros Plurilingües e nas seccións bilingües. Así o explicou o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, nunha rolda de prensa na que presentou as novidades relativas a estas dúas liñas de actuación enmarcadas na estratexia de fomento do plurilingüismo que está a desenvolver a Xunta de Galicia, o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, o conselleiro salientou a gran acollida que ambas actuacións – centros plurilingües e seccións bilingües- están a ter entre a comunidade educativa galega. Neste sentido destacou que, se ben as previsións para o 2011/2012 eran de chegar aos 100 centros integrados na Rede de Plurilingües e ás 1.600 seccións, o gran éxito das convocatorias fixo que se superaran estas cifras.

Así, o vindeiro curso haberá 110 centros plurilingües, 52 máis que no 2010/2011; e 1.863 seccións bilingües, 344 novas respecto do curso anterior. Así, só a través destas iniciativas, máis de 40.800 estudantes e profesores beneficiaranse dun ensino plurilingüe, o que supón superar as previsións anunciadas inicialmente para o Plan, polas que se estimaba que 40.000 galegas e galegos terían mellorado as súas competencias en outros idiomas ao final da lexislatura.

Centros e seccións

Tal e como explicou Vázquez Abad, o vindeiro curso 7.371 alumnos e 165 profesores participarán a diario das actividades de mellora das competencias en linguas estranxeiras desenvolvidas na Rede Galega de Centros Plurilingües, o que supón un incremento moi significativo respecto dos 2.525 estudantes e 87 docentes que o fixeron o curso pasado.

Ademais, o conselleiro destacou o forte incremento rexistrado no que vai de lexislatura no que toca ás seccións bilingües. “No curso 2011/2012 o número de seccións bilingües nos centros educativos galegos será un 159% superior ás que había ao inicio da lexislatura, ou o que é o mesmo, vimos de multiplicalas case por 2,6”, dixo. Desta forma, a partires de setembro 32.578 estudantes e 748 docentes adquirirán novas competencias en linguas estranxeiras nas 1.863 seccións bilingües que funcionarán nos colexios e institutos da Comunidade Autónoma.

Apoio nativo

Por outra banda Vázquez Abad destacou a incorporación de auxiliares de conversa aos centros que participan no Plan como "unha das medidas mellor valoradas pola comunidade educativa galega". "Por iso- explicou- a Consellería de Educación está a facer un importante esforzo para incrementar este apoio". Así, o vindeiro curso increméntase o número de auxiliares nun 30% respecto do curso anterior,ata chegar aos 339, que desenvolverán o seu labor nos centros plurilingües públicos de Galicia, nas seccións bilingües e nas Escolas Oficiais de Idiomas.

Ademais os centros plurilingües do rural galego volverán ter neste vindeiro ano académico o apoio de 18 mestres xubilados que desempeñan nestes colexios e institutos a función de apoio á aprendizaxe, fundamentalmente, do inglés.

Nesta mesma liña o conselleiro fixo fincapé en dúas novidades para o 2011/2012. Así, anunciou a incorporación de 3 profesores estadounidenses visitantes, que prestarán o seu apoio ao ensino do inglés en centros educativos galegos durante todo o ano académico. “Así mesmo -engadiu- disporemos de 1 profesor de lingua francesa a tempo completo, froito do convenio de colaboración entre a Consellería e a Academie de Amiens”.

“Deste xeito, e tendo en conta os auxiliares, os sénior e as devanditas colaboracións, no curso 2011/2012 serán 361 as persoas nativas que colaboren nos centros de ensino de Galicia para que tanto o alumnado como o profesorado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras, un 438 % máis das que había ao inicio da lexislatura”, destacou Vázquez Abad.

Impulso no rural

Ademais da oportunidade que para os centros plurilingües do rural galego supón poder dispoñer do apoio dos mestres sénior nativos, o conselleiro fixo fincapé no importante incremento do programa de Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras (CUALE). Así, no curso 2010/2011 increméntase nun 22,3% o número de alumnas e alumnos atendidos polo CUALE, un programa que ten como obxectivo formar ao alumnado, de forma gratuíta, para que poidan superar as probas para obter a certificación en idiomas outorgada polas Escolas Oficiais de Idiomas.

“A importancia deste programa radica principalmente en que se ofrecen clases preparatorias para a obtención de certificados oficiais a aqueles estudantes que, por vivir en zonas do rural, non teñen un fácil acceso ás Escolas Oficiais de Idiomas”, explicou o conselleiro.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou entre os principios fundamentais que guían as actuacións do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras a formación de  todas as galegas e galegos para a mellora das súas competencias en outros idiomas, independentemente do seu lugar de residencia e dos seus recursos económicos.

“Non podemos esquecer que o coñecemento de idiomas é cada vez máis imprescindible para participar na sociedade dos noso días, tanto desde o punto de vista persoal, como do académico e profesional”, lembrou.