Título node Learning object

DIXIT: dispoñibles os primeiros recursos dixitais para a comunidade educativa galega
Mar, 01/10/2019 - 14:25
DIXIT: dispoñibles os primeiros recursos dixitais para a comunidade educativa galega

O Repositorio de Contidos de  EspazoAbalar e a  plataforma EVA veñen de incorporar os primeiros contidos da iniciativa DIXIT:  unha contorna virtual composta por  Regletas  Cuisionare para a aprendizaxe de Matemáticas e cinco  Snack  Experiments para coñecer e aplicar o método científico na área de Bioloxía e Xeoloxía. Estes contidos son o resultado da primeira fase de DIXIT e foron probados nas aulas a finais de curso, como  paso previo á posta a disposición gratuíta para toda a comunidade educativa

Na materia de Matemáticas os contidos DIXIT,  permiten  traballar os bloques temáticos de sumas e restas, ademais dun módulo de manipulación libre que permita ao alumnado comprender conceptos abstractos. Desde o punto de vista técnico, este material ofrece simulación interactiva para a aprendizaxe a través da manipulación de figuras 3D para realizar diferentes operacións matemáticas lóxica, indución, estimación, aproximación. Os/as alumnos/as poden manexar estas figuras (arrastralas, rotalas, etc) na área de traballo, para realizar as operacións que se expoñan nas actividades.

Por outra parte, tamén se publica a primeira serie de cinco Snack  Experiments, unha iniciativa da área de Bioloxía e Xeoloxía. Trátase dunha colección de demostracións interactivas de distintos experimentos curtos realizados con materiais caseiros cos que o alumnado poderá presentar hipóteses, practicar e alcanzar conclusións a través da súa propia experiencia. Utilízase como ferramenta principal o vídeo cuxas secuencias se mostran en función da interacción do usuario. Dispoñibles en castelán e galego, subtitulados e traducidos á linguaxe de signos para garantir accesibilidade e atención á diversidade. Os temas destes snacks son: Que pasa nos nosos océanos?, A fotosíntese, Presión atmosférica, Tensión superficial e A terra é redonda.

O obxectivo de DIXIT é aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.

Está prevista a creación de novos contidos para estas e outras materias que empregarán as tecnoloxías máis avanzadas, como poden ser: o laboratorio xeométrico 3D (que permite visualizar e traballar con distintos corpos xeométricos, no que cada alumno pode explorar os obxectos variando os seus parámetros físicos), o laboratorio redes tróficas con compoñentes de gamificación incorporados, o laboratorio mostraxe ecosistema dunar (no que o alumnado poderá percorrer de forma virtual un ecosistema, explorando os seus distintos compoñentes, e aprendendo a caracterizalos, baseado nunha contorna inmersiva 3D con vídeos de 360º), un simulador de conversa de idiomas aproveitando tecnoloxías 3D (recoñecemento de voz, IA,...), etc.