Orientadores educativos galegos abordan o protocolo para a atención ao alumnado con altas capacidades intelectuais, que xa está a disposición dos centros

A conselleira Carmen Pomar, explicou que se trata dunha ferramenta para abordar a diversidade desde unha educación inclusiva, e que se engade a outros protocolos que tamén inciden neste aspecto como o de TDAH, de Trastorno do Espectro Autista, de Atención Educativa Domiciliaria ou ao alumnado con discapacidade auditiva, entre outros
A responsable de Educación do Goberno galego participou nunhas xornadas de formación inicial de orientadores e orientadoras das etapas de infantil, primaria e ESO
Sáb, 28/09/2019 - 13:45

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, abriu hoxe en Santiago a segunda sesión das Xornadas de Formación Inicial de orientadores e orientadoras das etapas de Infantil, Primaria e ESO, onde se abordou, entre outros temas, a atención ao alumnado cos altas capacidades intelectuais. Nesta liña, os centros educativos galegos dispoñen do Protocolo para a atención educativa ao alumnado con altas capacidades intelectuais, unha ferramenta de traballo que lles servirá de guía á hora de dar unha resposta educativa axeitada ás necesidades destas nenas e nenos.

Este protocolo (dispoñible no portal web da Consellería), vén de sumarse a outros xa en marcha como o de TDAH, de Trastorno do Espectro Autista, de atención educativa domiciliaria ou o de atención ao alumnado con discapacidade auditiva, que serven de guía para avanzar nunha resposta educativa máis axeitada e axustada ás necesidades de cada un dos nenos e nenas.

“Trátase -en palabras da conselleira- de abordar a diversidade desde unha proposta inclusiva que implica que, valorando de forma positiva as diferenzas, se ofreza ao alumnado a resposta educativa que lle permita desenvolver ao máximo o seu potencial e acadar o éxito persoal e social”.

Precisamente a inclusión é un dos aspectos chave do Protocolo para a atención educativa ao alumnado con altas capacidades intelectuais que está xa á disposición dos centros escolares, xa que se fai fincapé na diversidade referida tamén a estes alumnos e alumnas.

O documento define conceptos básicos como o de altas capacidades intelectuais (diferenciando precocidade intelectual, talento e superdotación intelectual), e alude á dobre excepcionalidade na que se xuntan altas capacidades intelectuais con necesidades específicas de apoio educativo. Así mesmo abórdanse cuestións como a identificación deste alumnado (mediante a avaliación psicopedagóxica), a intervención educativa.

As xornadas de formación inicial para orientadores e orientadoras contan coa participación de expertas da talle de Luz Pérez Sánchez, catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade Complutense de Madrid para abordar a importancia e proceso de identificación do alumnado con altas capacidades intelectuais, e de diversos profesionais da orientación de centros de ensino galegos, que afondarán no enriquecemento curricular, na convivencia ou no liderado de equipos, entre outros temas.