Educación pon en marcha EduExchanges, un programa de intercambio con centros da UE para a mellora do coñecemento de linguas extranxeiras

Na iniciativa -dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO- poderán participar todos os centros de ensino públicos que desenvolvan algunha iniciativa deste tipo entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño

A Consellería destina 105.000 € a este programa que se convoca por primeira vez este ano

O idioma de estudo obxecto do intercambio poder ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumno

Dom, 25/03/2018 - 13:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de por en marcha o programa “EduExchanges”, de intercambio de alumnado entre centros escolares galegos e centros do estranxeiro, co fin de que os rapaces melloren as súas competencias lingüísticas noutro idioma, nun contexto de convivencia diaria nunha contorna familiar.

Esta iniciativa, que se enmarca dentro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2020, está dirixida a alumnado que estea cursando 3º e 4º de ESO, e nela poden participar todos os centros de ensino públicos galegos que teñan desenvolvido algunha iniciativa deste tipo -ou teñan previsto facelo- entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño deste ano. O idioma de estudo obxecto do intercambio poder ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumno.

A Consellería de Educación financia esta iniciativa -que se convoca por primeira vez este ano- cun total de 105.000 euros que se distribuirán entre o máximo dos 15 centros seleccionados. Cada un deles recibirá unha cantidade de 300 € por alumno participante e outros 1000 € para o profesorado acompañante.

Segundo se establece na convocatoria (http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24543), as solicitudes para beneficiarse do financiamento para estes intercambios, deberán tramitalas os propios centros escolares, que serán tamén os encargados de seleccionar ao alumnado candidato ata un máximo de 20 estudantes por centro. Ademais establécese un número mínimo de 10 alumnos para poder acollerse ao proxecto; aínda que a Consellería podería autorizar un número inferior de xeito excepcional atendendo ás características específicas do centro.

Así mesmo, os centros educativos deberán ocuparse de todos os aspectos organizativos relacionados co intercambio, incluída a planificación das actividades educativas e extraescolares que consideren, baixo a supervisión dun docente que exercerá de coordinador.

Pola súa banda, as familias do alumnado participante no proxecto comprométense a recibir na súa casa a un alumno doutro país e a responsabilizarse do seu aloxamento e manutención.

Aprendizaxe activa nun contexto real

Dentro das accións da Consellería para acadar o obxectivo de mellorar a competencia en linguas estranxeiras por parte dos alumnos, está a de favorecer a internacionalización dos centros educativos e a mobilidade a nivel europeo e internacional. Nesta liña, os intercambios escolares son un importante recurso para a aprendizaxe activa de linguas estranxeiras, xa que favorecen a convivencia e a comunicación nun contexto real e dun xeito natural.

Nesta mesma liña, cómpre lembrar que a Consellería tamén ten en marcha o programa Galimiens, de intercambio con centros educativos franceses dependentes da Académie d’Amiens, tamén dirixido a alumnos de 3º e 4º ESO que cursa a materia lingua francesa como Primeira ou Segunda lingua estranxeira.