Identidade dixital, consumo responsable, valores democráticos europeos e mobilidade escolar sostible e segura, novas materias para o curso 2017/18

A Consellería de Educación amplía o paquete de materias de libre configuración autonómica que poden ofertar os centros co obxectivo de incrementar as opcións de elección para o alumnado

As catro poderán impartirse en primeiro e/ou segundo curso da ESO e terán unha carga horaria dun período lectivo semanal

Actualmente ofrécense 9 materias na ESO e 10 en bacharelato, que no curso que remata sumaron por riba de 31.000 persoas matriculadas, máis do dobre que no 2015/16

Lun, 26/06/2017 - 13:12

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar o paquete de materias de libre configuración autonómica que poderán ofertar os centros educativos o curso que vén. En concreto, súmanse catro novas: Identidade dixital, Consumo responsable, Valores democráticos europeos e Mobilidade escolar sostible e segura.

Todas elas, cuxo currículo concreto se pode consultar na seguinte ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22609, poderán ofrecerse en primeiro e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria e terán unha carga horaria dun período lectivo semanal. O obxectivo é seguir incrementando as opcións de elección dos centros docentes, dentro do seu marco de autonomía, así como do alumnado, que poderá comezar a configurar o itinerario educativo segundo os seus intereses.

Éxito de alumnado en tan só dous anos

As catro novas materias súmanse as xa establecidas en 2015 e 2016. No curso que remata, a Consellería puxo a disposición dos centros un total de nove materias de libre configuración autonómica na ESO, e dez na etapa de bacharelato. En conxunto, foron un total de 1.239 centros os que as impartiron e máis de 31.000 alumnos matriculados, o que supuxo multiplicar case por 2,6 o alumnado con respecto ao curso 2015/16, onde había pouco máis de 12.000 matriculados.

Tendo en conta o éxito destes dous últimos anos, o departamento educativo da Xunta de Galicia aposta por seguir ampliando a relación destas materias, que axudan aos mozos e ás mozas a reforzar as competencias clave, a adquirir coñecementos transversais, así como a potenciar a aprendizaxe en valores.

Identidade dixital

Coa materia dedicada á Identidade dixital preténdense abordar os contidos desta disciplina, entendida como o conxunto da información sobre un individuo ou organización exposta na internet (datos persoais, imaxes, rexistros, novas, comentarios, etc.) e que conforman unha descrición deste ente no plano dixital.

Tendo en conta que vivimos nunha sociedade eminentemente dixital, faise precisa unha xestión eficiente da información persoal que o alumnado sobe á rede. O obxectivo último pasa por dotar aos mozos e mozas das ferramentas necesarias para a xestión da súa privacidade que favorezan a súa participación en todos os ámbitos da vida futura, e en especial para a construción dunha reputación na rede que axude a construír os proxectos de vida persoal e profesional.

Cómpre resaltar que a posta en marcha de ‘Identidade dixital’ se enmarca no desenvolvemento da futura Estratexia galega de educación dixital 2020.

Consumo responsable

Coa introdución no currículo da ensinanza obrigatoria de Consumo responsable búscase formar unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante. O obxectivo último é formar consumidoras e consumidores responsables, informados, conscientes, críticos e solidarios, que saiban non só os seus dereitos, senón tamén os seus deberes, e a importancia de estar en todo momento debidamente informados sobre as características dos bens, produtos e servizos postos á súa disposición no mercado. Así mesmo, tamén se abordará a prevención do consumismo excesivo e os seus efectos negativos para a sociedade e o medio ambiente.

Valores democráticos europeos

Tal e como figura no currículo desta nova materia, a aprendizaxe dos valores necesarios para a construción da sociedade do futuro non é posible á marxe da praxe e da actividade cívica do alumnado, do exercicio dunha cidadanía activa e da participación, dentro da propia comunidade educativa, desde un enfoque integral con coherencia entre o que se di e o que se fai.

Neste sentido, procúrase promover o diálogo intercultural, a colaboración con toda a comunidade educativa e a relación dos actores sociais relevantes da contorna, entendendo estas actividades como un beneficio mutuo entre escola e sociedade, entre individuos e sociedade, que repercutirá na convivencia e no progreso da cidadanía en xeral.

Mobilidade escolar sostible e segura

A materia Mobilidade escolar sostible e segura abordarase desde un punto de vista cívico co obxectivo de poñer o foco no respecto polas normas de convivencia no uso do espazo público por parte de toda a cidadanía. Cómpre garantir a presenza e a seguridade de todas as persoas no exercicio dos seus desprazamentos e usos no espazo de todos, asegurando o respecto polas normas de mobilidade a prol da seguridade, desde unha especial preocupación polos colectivos máis vulnerables no uso da vía pública (nenos, maiores, ciclistas e persoas con mobilidade reducida).

Por tanto, o fin último desta materia é formar ao alumnado en todos os aspectos relacionados coa mobilidade, fundamentándoa nos principios de benestar, convivencia, seguridade, eficiencia, igualdade e corresponsabilidade.