Aberto o prazo para que as ANPAs de centros de educación especial soliciten axudas para financiar as súas actividades

A Consellería de Cultura e Educación habilita unha partida de 73.666 euros co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento das actuacións e a gastos de xestión, material e mantemento das instalacións das confederacións, federacións e ANPAs de centros de educación especial

Mér, 19/04/2017 - 09:51

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar as axudas para financiar actividades das confederacións e federacións e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para este ano.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de axudas dotada cunha partida de 73.666 euros (pode consultarse no enlace web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170419/AnuncioG0164-060417-0003_gl.html. O obxecto desta convocatoria é contribuír ao desenvolvemento das actividades e a sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento ordinario das instalacións.

As entidades interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 19 de maio para facer a correspondente solicitude, que deberá presentarse unicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e xuntar toda a documentación que se require.

A Consellería de Cultura e Educación consolida a contía para tal fin, logo de que en 2015 -en aras dunha mellor atención ao alumnado con necesidades educativas específicas- a incrementara nun 40 por cento con respecto a exercicios anteriores.

Na convocatoria de 2016 resultaron beneficiadas un total de 34 entidades que aglutinan a confederacións, federacións e asociacións de pais de alumnos de centros de Educación Especial censados na Consellería. Neses casos, os importes das axudas oscilaron entre os 910 e os 9.831euros.